A USC conta con 34 compañías activas que xeran uns 150 empregos de alto valor e unha facturación anual duns 10 millóns de euros
Este martes presentouse no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS) da USC o informe ‘O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025’, elaborado por Mobile World Capital Barcelona (MWCapital). O documento destaca que a Universidade de Santiago é a cuarta universidade de España en incubación de spin-offs, con 34 compañías activas que xeran uns 150 empregos de alto valor e unha facturación anual duns 10 millóns de euros.
No conxunto das tres universidades galegas, o número de spin-offs activas ascende a 48, o que supón o 5,2% do total estatal. Por sectores de actividade, estas compañías xurdidas das universidades e centros de investigación de Galicia están especializadas en ámbitos como Biotecnoloxía (26,9%), TIC (25%), Enerxía e Recursos (15,4%).
Nas tres universidades galegas, o número de spin-offs activas ascende a 48, especializadas en ámbitos como Biotecnoloxía (26,9%), TIC (25%), Enerxía e Recursos (15,4%)
Isto supón que Galicia é a sexta comunidade autónoma (en poboación é a quinta con máis habitantes) con máis spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas, por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas, e tamén da Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco.
A nivel estatal, o número de spin-offs deep tech creceu un 3,6% no último ano, alcanzando 1.007 empresas activas, cunha facturación conxunta de 1.400 millóns e 13.456 empregos de alto valor.
Galicia é a sexta comunidade autónoma (en poboación é a quinta con máis habitantes) con máis spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas
A sesión foi inaugurada por Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento da USC, quen subliñou a posición excepcional da USC no ecosistema de innovación e transferencia de coñecemento en España, facendo que “Santiago, e Galicia en xeral, emerxa como unha contorna idónea para acoller a presentación do informe da MWCapital, non so polo peso obxectivo da USC na creación de empresas deep tech, senón tamén pola súa capacidade para articular ciencia, talento, institucións públicas e tecido produtivo galego, proxectando a Galicia como un nodo relevante dentro da rede de innovación española”.
No evento houbo tamén un coloquio sobre o ecosistema de spin-offs en Galicia, no que participaron Inmaculada Rodríguez, directora xeral de UNIRISCO; Raquel Rodríguez, directora xeral de Xesgalicia, e Albert Mascarell, director de Transferencia Tecnolóxica de MWCapital, quen na súa intervención sinalou que “Galicia demostra que a colaboración entre ciencia e empresa é unha realidade e o noso obxectivo é seguir impulsando esta conexión, acompañando a institucións referentes como a Universidade de Santiago para que o talento investigador se convirta en proxectos que xeren valor económico e social en áreas clave como a saúde, a enerxía ou as TIC."