O consorcio liderado pola Fundación Juana de Vega e participado polas universidades da Coruña e Santiago recibe o apoio da Caixa Rural Galega para actuar na Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Os Ancares, O Courel e a Serra da Groba
Saberes do Monte naceu como marca colectiva para "poñer en evalor os produtos procedentes de áreas de montaña galegas que axudan á conservación dos hábitats e ao desenvolvemento das comunidades rurais" no marco da iniciativa de bioeconomía RURALtXA, promovida dende as universidades da Coruña e Santiago, entre outras organizacións. No seu desenvolvemento evolucionou como un consorcio que, liderado pola Fundación Juana de Vega, disponse a afondar en como o "coñecemento tradicional" do monte pode axudar a afrontar problemas actuais como a crise climática ou os incendios forestais.
O novo proxecto Saberes do Monte: Coñecemento tradicional e custodia para un monte vivo logrou o apoio da Fundación Biodiversidad no marco das subvencións para o impulso da infraestrutura verde, financiadas con fondos europeos, e dende agora conta tamén co apoio económico da Caixa Rural Galega para "reforzar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa" mediante a mellora da xestión forestal e o apoio ao pastoreo extensivo "como ferramenta de conservación e prevención de incendios".
Co gallo da sinatura do acordo de mecenado da entidade cooperativa coa Fundación Juana de Vega, os responsables de Saberes do Monte explican que a súa intención e "apoiar as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto para facilitar a conservación de hábitats prioritarios. Serán a Serra do Xistral, a contorna de Negueira de Muñiz, Os Ancares, O Courel e a Serra da Groba. En total, unhas 22.000 hectáreas en dez concellos da provincia de Lugo e dous da de Pontevedra.
O proxecto aspira a "demostrar que biodiversidade, bioeconomía rural e emprego verde poden constituír ferramentas estratéxicas para consolidar un monte vivo, produtivo e máis resiliente fronte aos incendios forestais e ao cambio climático"
Trátase, detallan, de "integrar coñecemento tradicional, custodia do territorio e restauración ecolóxica". E, ao tempo, de "consolidar a marca Saberes do Monte" para "valorizar en circuítos curtos os produtos resultantes da gandaría extensiva, a apicultura e o ecoturismo". Tamén, agregan, procuran "impulsar o emprendemento rural como ferramenta para fixar poboación" e "reforzar a gobernanza participativa", con "maior presenza das mulleres nos espazos de toma de decisións".
O horizonte da colaboración da Caixa Rural Galega coa Fundación Juana de Vega, cunha achega de 56.800 euros, é o ano 2028. Para daquela "aspiran a demostrar que biodiversidade, bioeconomía rural e emprego verde poden constituír ferramentas estratéxicas para consolidar un monte vivo, produtivo e máis resiliente fronte aos incendios forestais e ao cambio climático. No consorcio participan tamén a USC e a UDC, ademais da Asociación Galega de Custodia do Territorio para "combinar coñecemento científico, experiencia en xestión territorial e traballo directo coas comunidades locais".