A Asemblea Xeral da entidade cooperativa lucense aproba as contas de 2024 cun "resultado histórico" de 31,84 millóns de euros, un 47% máis que no ano previo
"Novamente, un resultado histórico". Caixa Rural Galega define deste xeito as cifras coas que pechou o exercicio 2024, que a asemblea xeral da entidade cooperativa celebrada a pasada fin de semana en Lugo ratificou coa aprobación das contas anuais.
Tras as xuntas preparatorias organizadas nas semanas previas en Barreiros, Ourense, Cambados e Vigo, ademais de na capital lucense, Caixa Rural Galega deu o seu visto e prace a unhas contas que anotan un beneficio neto próximo aos 32 millóns de euros. Foron, concretamente, 31,84 millóns, o que supón un crecemento interanual superior ao 47% e, ademais, o fito de gañar por primeira vez máis de trinta millóns nun ano.
As subas dos tipos de xuro ditaminadas polo Banco Central Europeo dende finais de 2022, pero tamén "os incrementos do volume xestionado e melloras en eficiencia" son, para a entidade lucense, as principais causas destes resultados. Non en van, os depósitos da clientela aumentaron un 15% ata chegar a 2.120 millóns -máis de dous mil por primeira vez-, o cal consideran que "demostra a confianza que depositan en nós os nosos socios e
clientes", "reforza a nosa posición no mercado" e "permite seguir impulsando proxectos que benefician á nosa comunidade".
Os depósitos da clientela superan os 2.000 millóns tras aumentaren un 15% e o investimento crediticio crece un 6,5% mentres a ratio de solvencia, do 21,16%, mellora máis de dous puntos grazas ao "excepcional resultado"
As contas aprobadas reflicten un investimento crediticio que se achega aos 900 millóns netos (+6,5%) mentres reduce a morosidade en máis de medio punto, ata o 2,35%. O groso do risco crediticio da Caixa Rural Galega está en mans de particulares (50,59%) seguidos dun 39% en pequenas e medianas empresas e mais en profesionais autónomos. Apenas un 4,4% da exposición crediticia da entidade se sitúa na promoción e construción inmobiliaria e na contorna do 3% están as administracións públicas e grandes empresas.
Cuns activos na contorna dos 2.340 millóns (+15%), Caixa Rural Galega finalizou o ano pasado unha ratio de solvencia do 21,16%, o que significa "unha mellora de máis de dous puntos a respecto do ano anterior" grazas ao "excepcional resultado". E, sobre todo, implica chegaren a "un nivel próximo ao dobre do requirido polo regulador", o cal "afianza a entidade para seguir medrando".

Ese crecemento reflíctese tamén, un ano máis, nun aumento do cadro de persoal. En 2024 chegou ás 176 (103 mulleres e 73 homes), dez máis que en 2023.
O Fondo de Educación e Promoción da entidade achégase aos 750.000 euros nun ano no que continuou aumentando o cadro de persoal
Todas estas cifras dan tamén lugar a un incremento do denominado Fondo de Educación e Promoción, que chegou a preto de 750.000 euros (case 350.000 máis que no ano previo) para financiar 147 actividades en diferentes ámbitos. Case un cento foron no eido sociocultural e socioeconómico, seguidas de accións de "fomento da práctica deportiva", formación e mais fomento de cooperativismo. Unha das actividades apoiadas por este fondo en 2024 foi o proxecto de dinamización das vilas galegas promovido pola Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, no que se encadra a serie Vinte na vila que publica VINTE.
"O modelo baseado na proximidade é eficaz"
Para o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela, o "extraordinario" resultado de 2024 "demostra, unha vez máis, que o modelo baseado na proximidade, na prudencia e na xestión responsable é sólido e eficaz". Así e todo, matiza, a entidade "non é allea aos desafíos da contorna", pero afróntaos "cunha folla de ruta clara, cos valores do cooperativismo como guía e coa confianza dos miles de socios" -superan xa os 22.000- "que son parte activa do proxecto". E por iso, exemplifica, xa proxectan "a apertura dalgunha nova oficina" que se sumará ás 48 actuais.
O presidente da Caixa Rural apunta a que a entidade "non é allea aos desafíos" internacionais que, di, afronta "cos valores do cooperativismo e coa confianza" dos máis de 22.000 socios, o cal permite proxectaren "a apertura dalgunha nova oficina"
Entre os desafíos apuntados por Varela figura o "escenario internacional marcado pola incerteza ao que se veu sumar o tsunami co resultado das eleccións nos EUA", con accións do goberno Trump que fan preguntarse "se nos atopamos ante a fin da era da hiperglobalización e o comezo da era da revolución tecnolóxica, a transición ecolóxica e a intelixencia artificial", para a que "a economía europea está mal preparada, fragmentada, e por iso resulta máis vulnerable".
Así e todo, matiza, se cadra "a presidencia de Donald Trump pode tornar nunha bendición para Europa se se fai o que se debera ter feito dende hai anos". Neste sentido, Manuel Varela apunta "algúns cambios", como as "medidas adoptadas por Alemaña para incrementar o gasto en infraestruturas e defensa". "É preciso -enfatiza- un marco normativo máis sinxelo e homoxéneo para non perder o tren desta nova era".