Xeopesca convértese en asociación para ser "un proxecto colectivo e social"

Captura de pantalla de Xeopesca Dominio Público Xeopesca

Hai uns meses botaba a andar Xeopesca, unha aplicación desenvolvida com licenzas libres co obxectivo de rexistrar a actividade pesqueira dun barco ou dun conxunto de barcos, facilitando o intercambio de información, a análise dos recursos mariños para optimizar as capturas e a trazabilidade para a comercialización do produto. Naceu como proxecto de fin de carreira de Pablo Belay na Facultade de Informática da UDC, pero o obxectivo é que comece a ser usado por armadores e patróns nas súas embarcacións, paliando o até agora escaso uso de aplicacións informáticas para o rexistro da actividade pesqueira.

Nestes últimos meses Belay, xunto cun grupo de colaboradores foi traballando na aplicación, afinando algunhas das súas características e servizos, presentándolla a representantes do sector e distintas entidades. Neste tempo, ademais, foi recollendo recoñecementos e premios, comezando polo premio ao mellor Proxecto Fin de Carreira con software libre, que Belay recibiu en decembro, pero tamén o Premio PortalProgramas ao Software Libre, nas categorías Máis revolucionario e Maior potencial de crecemento. De igual xeito, obtivo o terceiro premio no XIII Concurso de Proxectos Tecnolóxicos Galicia - Portugal. Para Belay, "estes premios serven para dar a coñecer o proxecto, establecer contactos e ofrecer o proxecto con maiores garantías de calidade, digamos que unha carta de recomendación magnífica, aínda que é unha magoa que a adimnistración non se implique un pouco mais na continuidade dos proxectos premiados".

Para Pablo Belay a constitución da asociación é "unha evolución lóxica, o que comezou como un proxecto fin de carreira persoal e vai madurando nun proxecto colectivo e social"

Agora Xeopesca convértese en asociación de software libre, validados os seus estatutos o pasado 21 de xaneiro pola Xunta de Galicia. A asociación conta con Pablo Belay como presidente; Miguel A. Rodríguez Luaces (profesor doutor da UdC) como vicepresidente; Xosé Rial (analista informático) como secretario; Pablo Argibay como tesoureiro; e Aitor Gaspar Romero e Rut Devesa Arnoso como vogais. Os obxectivos principais da asociación serán "desenvolver, promocionar e divulgar o uso das ferramentas libres na sociedade" e "promocionar a pesca sostible e responsable" e "divulgar os valores da pesca artesanal e ecolóxica".

Para Pablo Belay a constitución da asociación é "unha evolución lóxica, o que comezou como un proxecto fin de carreira persoal e vai madurando nun proxecto colectivo e social" e servirá para "organizar o grupo de traballo, para ter unha imaxe de cara ao exterior de equipo e así poder optar a máis opcións de desenvolvemento da aplicación. Tamén para darlle un soporte a comunidade que se estaba creando ao redor de Xeopesca".

Para Belay, primeiro hai que "enfrontar a fenda dixital existente no sector" e "ser moito máis didácticos a hora de divulgar as virtudes das TICs e as diferentes vantaxes que lle outorgan"

Nestes últimos meses a aplicación, segundo Belay, "xerou interese en diferentes patróns e armadores, cos cales hai que ir traballando pouco a pouco" e que quedaron moi sorprendidos -destaca- porque se lanzara gratuitamente a aplicación. Neste momentos Xeopesca segue traballando na implementación de distintos elementos da aplicación, dende a lectura de información para aplicación a través de sensores, a xeración de informes, estatísticas de uso e capturas ou a creación dun novo perfil de usuario para os estudos mariños. Agora o principal reto de Xeopesca é "a sustentabilidade da aplicación" para o cal é preciso un maior número de usuarios finais e financiamento para sufragar os gastos de funcionamento e mantemento da aplicación. Pablo Belay engade que "outro reto técnico que estamos a analizar é instalar XeoPesca nunha raspberry pi (Hardware Libre) e dotala de sensores que poderían ofrecer datos directamente a aplicación".

 

Fenda dixital no sector

Belay reclama que as administracións non potencien en maior medida a aplicación das TIC no sector pesqueiro galego. Hai unhas semanas a conselleira Rosa Quintana salientou, durante a presentación de Lonxanarede a “importancia das TIC para a posta en valor dos grupos de acción costeira”. Estas iniciativas seguen sendo illadas e sectoriais. Para Belay, primeiro hai que "enfrontar a fenda dixital existente no sector" e "ser moito máis didácticos a hora de divulgar as virtudes das TICs e as diferentes vantaxes que lle outorgan. Por exemplo, as referencias ao software libre son anecdóticas e as súas vantaxes son inexistentes".

"Hai unha sensación de malestar cando se lexisla e de que pouco se pregunta aos que saben do mar. Moitos creen que a sabedoría popular das xentes do mar non se ten en conta nos despachos que lexislan o sector"

Belay sinala que a flota artesanal galega é decote esquecida nas decisións que se adoptan dende os distintos gobernos: "eles séntense así dende hai moitos anos, sobre todo porque moitas decisións de Pesca que se tomaron dende Europa foron en contra de intereses de grupos que se engloban na pesca de baixura. Houbo xente que tivo que desmantelar embarcacións e anos máis tarde cambiáronse as normativas que os obrigaron a facelo". Sinala que "hai unha sensación de malestar cando se lexisla e de que pouco se pregunta aos que saben do mar. Moitos creen que a sabedoría popular das xentes do mar non se ten en conta nos despachos que lexislan o sector".

Captura de pantalla de Xeopesca Dominio Público Xeopesca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.