Xeopesca, premio ao mellor Proxecto Fin de Carreira con software libre

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Xeopesca

O proxecto Xeopesca, de Pablo Belay, foi recoñecido co Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre 2013, que entrega a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Xeopesca é unha aplicación web que permite crear un rexistro das faenas pesqueiras e asocialas ás variables meteorolóxicas e xeográficas que máis inflúen no comportamento dos seres mariños, como explicou o propio Belay nunha entrevista publicada en Praza hai uns meses. Naceu como proxecto de fin de carreira na Facultade de Informática da UDC, pero o obxectivo é que comece a ser usado por armadores e patróns nas súas embarcacións, paliando o até agora escaso uso de aplicacións informáticas para o rexistro da actividade pesqueira.

"A gran maioría dos armadores na Galiza teñen unha dimensión media ou pequena e non poden permitirse un desembolso enorme en licenzas de aplicacións privativas"

Belay explicaba que "a gran maioría dos armadores na Galiza teñen unha dimensión media ou pequena e non poden permitirse un desembolso enorme en licenzas de aplicacións privativas". Con esta aplicación búscase "avaliar a situación da costa, dos stocks mariños e ofrecer unha ferramenta que permite optimizar as capturas e os bancos de pesca co fin de ter unha vantaxe competitiva e un repositorio documentado da práctica pesqueira".

Ademais, concedeuse un segundo premio a Esperanza Natalia González polo proxecto Abioxénese, unha instalación interactiva do ámbito das belas artes, que consiste nunha instalación interactiva que responde aos movementos do espectador xerando visuais e música segundo ditos movementos. Esta instalación estivo en funcionamento no Pazo da Cultura de Pontevedra dentro da exposición Do final e do comezo. dende o 14 de xuño ata o 1 de setembro de 2013.

Os outros dous finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron Antía Puentes Felpeto, que presentou ao galardón o Verificador de Accesibilidade Web, un aplicativo que permite verificar a accesibilidade web segundo o estándar Web Content Accessibility Guidelines (WCGA 2.0), publicado pola W3C. E Eutelo Pena Barreiro polo seu sistema de Control mediante movementos faciais. Este proxecto consistiu no desenvolvemento dun sistema que permite controlar aplicativos para Android mediante movemento faciais. Inicialmente captura catro movementos da cabeza (arriba, abaixo, esquerda e dereita) que son asignados respectivamente ás funcionalidades (back, enter, direccionamento dereita e direccionamento esquerda). Como proba da funcionalidade integrou o sistema desenvolvido nunha aplicación xa existente para Android: PictoDroid Lite.

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Xeopesca
Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Xeopesca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.