A Comunidade O Zulo, de Mugardos, traballa no proxecto de construír unha máquina recreativa galega e de código aberto, un proceso do que se poden seguir todos os pasos na súa web. Todo comezou en 2011, contan os seus responsables, cando estiveron a piques de mercar para asociación unha máquina recreativa orixinal de principios dos noventa cunha placa jamma e o xogo Street Fighter: "Cando tiñamos o trato pechado, a furgoneta lista, e incluso tiñamos os cartos para pagala, o dono da máquina decidiu non pechar o acordo. Somos cabezóns e non baixamos os brazos".
A finais do pasado ano decidiron retomar o proxecto dende cero; non mercar unha máquina, senón construíla por completo, unha máquina recreativa galega e libre que ademais será de libre acceso, e non necesitará de cartos para xogar. A máquina incorporará outras funcionalidades, como conectividade wireless, terá un modo navegador, é dicir, poderase usar a recreativa como un PC, terá un modo gramola con sistema de son incorporado para a reprodución de música e mesmo incluirá un cargador múltiple de móbiles...
Na páxina Recreativa Galega describen e documentan o proxecto ("dende o deseño dos planos, os materiais, a cantidade de pintura e a configuración do software") e fan un chamamento á colaboración da comunidade
Na páxina Recreativa Galega describen e documentan o proxecto ("dende o deseño dos planos, os materiais, a cantidade de pintura e a configuración do software") e fan un chamamento á colaboración da comunidade. Por suposto, liberarán toda a documentación para que as persoas ou entidades interesadas, usen e difunda libremente todos os datos do proxecto. Buscan un "equipo heteroxéneo" e sinalan que "non buscamos frikis en potencia nin hackers con demencia. Buscamos persoas. Queremos xuntar a un grupo de persoas de todas as idades e de todos os gremios. Queremos aprender!". Xuntaranse unha vez ao mes, co obxectivo de que (en oito sesións de traballo) a máquina poida estar rematada e en funcionamento para a celebración do encontro Kernel 2014, en setembro.
Búscase levar a cabo un proxecto colaborativo, que sirva para a aprendizaxe recíproca, e que difunda as vantaxes do software libre
O proxecto xa conta coa colaboración do Taller Garaje Mugardes, que achega un compresor de aire e materias necesarios para pintar, e tamén do Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon.org). Tamén crearon un hashtag (#recregalega) para difundir en twitter o proxecto Recreativa Galega. En definitiva, búscase levar a cabo un proxecto colaborativo, que sirva para a aprendizaxe recíproca, e que difunda as vantaxes do software libre e dos programas e proxectos de código aberto. E que, como destaca Código Cero, xunte "o espírito de xogo compartido que acompañaba naquelas anos as sesións co Street Fighter cos conceptos propios do software libre".
