12 citas para os 12 puntos da Irmandade compostelá

O centenario das Irmandades será protagonista este sábado en Compostela © Concello de Santiago

Compostela será este sábado o centro das celebración ao redor do centenario da creación das Irmandades da Fala. O 28 de maio de 1916 conformouse a Irmandade compostelá, dez días despois de facelo a coruñesa. Fíxoo cun discurso pronunciado por Luis Porteiro Garea no Círculo Católico de Obreiros, estruturado en doce puntos. E serán tamén doce as actividades que este sábado encherán o centro da cidade ao longo de todo o día: teatro, música, intervencións artísticas, monicreques, exposicións... e un acto central no Panteón de Galegos Ilustres para pechar a xornada.

As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.

O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas

O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas. O acto pecharase cun concerto co tenor Joaquín Pixán e o pianista Manuel Pacheco, que interpretarán os temas do seu disco Ramón Cabanillas na música, porque lembrando a Cabanillas é como finalizaba o discurso de Porteiro Garea na fundación da Irmandade da Fala de Santiago. As propostas do Concello para lembrar as Irmandades da Fala complétanse cunha exposición en catro quioscos da cidade que se atopan pechados. Trátase, en concreto, dos situados na Alameda, a praza de Vigo, Xoán XXIII e a rúa Bernando Barreiro, no barrio de Sar. Elexiuse esta ubicación para tratar de achegar a mostra ao maior número de persoas posibles.

 

Un discurso para unha Irmandade

A Irmandade de Santiago de Compostela foi a segunda en se constituír. Para iso, a través da prensa compostelá realizouse unha convocatoria o 26 de maio asinada por Luís Porteiro, o catedrático de veterinaria Jesús Culebras Rodríguez, o arquitecto Filipe Cimadevila Rey e o estudante de maxisterio Victoriano Taibo. A xuntanza celebrouse o domingo, 28 de maio de 1916, no Círculo Católico de Obreiros na rúa do Vilar, 21 presidida por Luís Porteiro Garea. Asistiron tamén Filipe Cimadevila, Victoriano Taibo, Salvador Cabeza de León, os catedráticos de medicina Miguel Gil Casares, Juan Barcia Caballero e Antonio Novo, o profesor de Maxisterio Casto Blanco Cabeza, o director do Diario de Galicia, Miguel Ferrer, o crego e profesor do Seminario López Carballeira, o xornalista Ramón Salgado, o catedrático de dereito Jacobo Varela de Limia, os cregos e profesores Manuel Vidal e mais Valentín Villanueva e o militar Vaamonde Miranda.

O avogado e concelleiro “agrario” Luís Porteiro Garea, primeiro presidente da Irmandade, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia

O avogado e concelleiro “agrario” Luís Porteiro Garea, primeiro presidente da Irmandade, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia. Os doce puntos do discurso foron os seguintes: 1- Falar i escribir en galego, coma seipamos. 2- O renacimento hispano, e a guerra. 3- A concencia do noso pecado. 4- Amar á Hespaña e á Galicia. 5-A nosa posición no mundo. 6- Cuestiós interiores. sintesis. 7- O capital galego. 8- A industria e o traballo. 9- O direito, xueces e notarios. 10- O arte, a música galega. 11- A crisis da nosa poesía. 12- Ramón Cabanillas

 

Programa de actividades deste sábado

1. TEATRO. “Ksado”, por Inacio Vilariño
Lugar: Claustro de Fonseca
Horarios: 12 / 17.20 / 18.20h   Duración: 15 min. (aprox.)

2. MESA REDONDA. “Galiza. Un proxecto de país para agora e para o futuro” Participan: Joám Lopes Facal • Teresa Moure Pereiro • Adrián Dios Vicente • Antón Gómez-Reino Varela
Colabora: Gentalha do Pichel
Lugar: Salón de actos da Facultade de Filosofía
Horario: 12 h

3. MÚSICA. Concerto de Ricardo Parada
Lugar: Rúa do Vilar, 21
Horario: 12.40 / 17 / 18 h       Duración: 15 min. (aprox.)

4. TEATRO. “María Miramontes”, por Tero Rodríguez
Lugar: Vestíbulo do Teatro Principal
Horarios: 13 / 17.45 / 18.45h           Duración: 15 min. (aprox.)

5. INTERVENCIÓN ARTÍSTICA. Pintura ao vivo, por Cestola na Cachola
Lugar: Praza de Cervantes
Horario: desde as 12 h

6. INTERVENCIÓN ARTÍSTICA. “Memorial”, por Exclusivas M.B.G
Lugar: Cidade histórica
Horario: todo o día

7. MESA REDONDA. “O “capital” en Galicia hoxe: a herdanza das Irmandades da Fala” Participan: Rosa Mª Regueiro Ferreira • Xoán Ramón Doldán García Manuel • Jaime Barreiro Gil
Lugar: Instituto Rosalía de Castro
Horario: 12 h

8. MONICREQUES. “Parraceos”, por Teatro da Ramboia
Lugar: Praza de Fonseca
Horario: 12.20 / 17 / 18 h          Duración: 15 min. (aprox.)

9. CHARLA-COLOQUIO. “Xustiza e fidelidade. O difícil tránsito á cooficialidade lingüística nos tribunais galegos” Participan: Dalila Dopazo Blanco • Luís Villares Naveira
Lugar: Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia
Horario: 17.30 h

10. MÚSICA.
Regueifas a dúo - Alba María e Luís Caruncho (regueifa e zanfona)
Lugar: Praza de Cervantes
Horario: 13.30 h
Escola VivAntes! (baile e pandeiretas)
Lugar: Terraza de A GRAMOLA (San Paio de Antealtares-Pza dos Gatos)
Horario: 16.30 h
Tis Che Tein + foliada libre
Lugar: Terraza de A GRAMOLA (San Paio de Antealtares-Pza dos Gatos)
Horario: 17 h
Do Fondo Do Peto (música tradicional)
Lugar: Terraza da CASA DAS CRECHAS (Vía Sacra)
Horario: 20 h
Cantamadeira - Foliada (Folk)
Lugar: Terraza do LITERARIOS (Quintana de Vivos)
Horario: 22 h

11-12. ACTO CENTRAL.
Lugar: Panteón de Galegos Ilustres
Horario: 19.30h
Recital poético. Salvador García-Bodaño • Helena Villar Janeiro • Claudio Rodríguez Fer • Lucía Novas
Concerto de canto e piano: Ramón Cabanillas na música. Joaquín Pixán (tenor) e Manuel Pacheco (piano)

 

O centenario das Irmandades será protagonista este sábado en Compostela © Concello de Santiago
Unha obra de teatro sobre a figura de María Miramontes forma parte das actividades Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.