Ademais de amosar as 36 imaxes, de gran calidade artística e cun enorme valor etnográfico e antropolóxico, un dos obxectivos da exposición era ir identificando as persoas que aparecen nas imaxes tiradas hai 77 anos
Dende o pasado 24 de xullo pódese ver na aldea das Aguias en Muras a exposición A malla de Pascual. 1957, composta por unha serie de fotografías tiradas por Antón Beiras nese lugar no ano 1957. A mostra é, ademais, a primeira actividade pública de Legado Activo Beiras Cal, unha iniciativa coa que se lle pretende dar continuidade ao "legado" que o oculista e investigador Antón Beiras e a mestra e pedagoga Antía Cal deixaron.
Ademais de amosar as 36 imaxes, de gran calidade artística e cun enorme valor etnográfico e antropolóxico, un dos obxectivos da exposición era ir identificando as persoas que aparecen nas imaxes tiradas hai 77 anos, "dándolle nome a todos os protagonistas das fotografías".
En palabras dos promotores da exposición: "O empeño por localizalos a todos vén dado porque Antón Beiras situounos como protagonistas dunha tarefa colectiva que el quixo retratar, dando a verdadeira dimensión do valor do traballo realizado. Se para el non foron tratados como figurantes, senón como actores principais diante da cámara, merecen o esforzo de que agora saibamos nós poñerlle nomes e saber algo da súa historia".
Porén, unha das persoas que aparecen nas imaxes de Antón Beiras non foi aínda identificada. E unha ben importante, pois protagoniza a fotografía escollida para o cartel mostra
Así, dende que se abriu a mostra e os veciños e veciñas do lugar comezaron a pasar por esta vella caseta de correos abandonada que acolle a exposición, as persoas que aparecen nas fotografías foron unha a unha identificadas. De feito, moitas delas atopándose elas mesmas nas imaxes.
Porén, unha das persoas que aparecen nas imaxes de Antón Beiras non foi aínda identificada. E unha ben importante. "A fotografía gustábanos tanto que a eliximos para ser a imaxe do cartel da exposición:
A mirada directa a cámara, o cansazo do traballo no rostro, o corpo lanzal, o paso enérxico, a roupa gastada do traballo...", destacan dende Legado Activo Beiras Cal, que fai un chamamento a quen poida achegar algunha información sobre ela e sobre a súa historia.
Legado Activo Beiras Cal fai un chamamento a quen poida achegar algunha información sobre esta moza e sobre a súa historia
"Ninguén a lembra, ninguén sabe dicir de que aldea era, de que casa. Das Aguias? De Seilán? Das Cuíñas? Da Picheira? De Invernés? Que sería dela, da súa familia? Emigrarían e non regresarían? Estarán vivindo nalgunha cidade galega?", sinalan, pedindo a través das redes sociais a colaboración da cidadanía e indicando que a moza debería contar neste momento con 85 anos de idade.
A mostra
"A fotografía gustábanos tanto que a eliximos para ser a imaxe do cartel da exposición: A mirada directa a cámara, o cansazo do traballo no rostro, o corpo lanzal, o paso enérxico, a roupa gastada do traballo...", destacan
En 1957, consciente Antón Beiras de que certos costumes e traballos rurais estaban a desaparecer e de que o campo galego estaba a cambiar de xeito acelerado, quixo retratar a malla coa súa cámara. "Era un home moi interesado pola identidade galega e polo contido da súa esencia. As imaxes, aínda que fosen realizada por un afeccionado, son de gran calidade e amosan unha técnica fotográfica moi desenvolvida", destácase.
Así naceron as imaxes que compoñen a mostra, que se pode ver ata o 27 de outubro e pode visitar de venres a domingo de 10 a 20 horas. A exposición ten como escenario unha vella Caseta de Correos dun Mesón da estrada que comunicaba Lugo con Viveiro e que foi recuperada para a ocasión.
Ademais das imaxes, a exposición conta con textos de Carlos L. Bernárdez (crítico de arte), Bruno Esperante (historiador), Olga Novo (poeta), Daniel Díaz Trigo (fotógrafo), María Luz Guerreiro (bióloga e neta de Pascual) e Carme Varela (dramaturga).