Unha mostra fotográfica abre o "legado de amor e compromiso co saber e progreso" de Antía Cal e Antón Beiras

Inauguración da exposición fotográfica "A malla de Pascual. 1957" © Legado Activo Beiras Cal

O Legado Activo Beiras Cal busca dar continuidade ao "legado de amor e compromiso co saber e progreso" que o oculista e investigador Antón Beiras e a mestra e pedagoga Antía Cal deixaron

Este 24 de xullo, véspera do Día Nacional de Galicia, botou a andar o Legado Activo Beiras Cal, unha iniciativa coa que se lle pretende dar continuidade ao Legado que o oculista e investigador Antón Beiras e a mestra e pedagoga Antía Cal deixaron. Fíxose coa inauguración dunha exposición fotográfica na aldea das Aguias en Muras cunha serie fotográfica realizada por Antón Beiras no ano 1957 que leva por título "A malla de Pascual. 1957". 

No acto inverviron Beatriz Beiras Cal, filla de Antón Beiras e Antía Cal; Mari Luz Guerreiro, bióloga e neta de Pascual, o da malladora; Manuel Requejo, alcalde de Muras; Carlos López, deputado provincial de Medioambiente e alcalde da Fonsagrada; e Paloma Vázquez, xefa provincial de Turismo da Xunta de Galicia. A exposición continuará aberta ata o 27 de outubro e pode visitar de venres a domingo de 10 a 20 horas.

Imaxes da exposición "A malla de Pascual. 1957" © Legado Activo Beiras Cal

Ata outubro poderá verse en Muras a exposición "A malla de Pascual. 1957", formada por 35 imaxes tiradas por Antón Beiras

A mostra consta dunha selección de 35 fotografías tiradas por Antón Beiras, que retratou os traballos do campo, especialmente a malla, nesta aldea de Muras, de onde era orixinaria Antía Cal e onde o matrimonio pasaba algúns veráns. En 1957, consciente Antón Beiras de que certos costumes e traballos rurais estaban a desaparecer e de que o campo galego estaba a cambiar de xeito acelerado, quixo retratar a malla coa súa cámara. "Era un home moi interesado pola identidade galega e polo contido da súa esencia. As imaxes, aínda que fosen realizada por un afeccionado, son de gran calidade e amosan unha técnica fotográfica moi desenvolvida", destácase.

Os negativos permaneceron 67 anos sen saír á luz, ata que foron recuperados nesta iniciativa

Os negativos permaneceron 67 anos sen saír á luz, ata que foron recuperados nesta iniciativa, a primeira que leva a cabo o Legado Activo Beiras Cal, creado para xestionar o que o matrimonio deixou. Antón e Antía "deixaron un legado de amor e compromiso co saber e progreso. Hoxe nós temos o reto de convertelo nun legado activo", destácase neste senso.

Antón e Antía "deixaron un legado de amor e compromiso co saber e progreso. Hoxe nós temos o reto de convertelo nun legado activo", destacan

A mestra e pedagoga Antía Cal finou o pasado ano aos 98 anos de idade despois dunha longa vida na que foi pioneira na renovación pedagóxica e na introdución en Galicia de formas modernas de ensino, especialmente a través da Escola Rosalía de Castro, que fundou na cidade olívica en 1961. O colexio foi pioneiro na introdución do galego no ensino, e tamén do inglés, ademais de ser laico e mixto en plena ditadura. O Concello de Muras, de onde era orixinaria a súa familia, nomeouna filla adoptiva da localidade e puxo o seu nome a un colexio da vila.

Antón Beiras, oftamólogo, especializouse na investigación do estrabismo a raíz de que este problema lle fora detectado á súa filla Antía. Ademais de sandar a súa filla, converteuse nunha referencia da oftalmoloxía nese campo e en 1958 publicou a primeira publicación científica en galego dende a guerra civil: "Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos do estrabismo", en Referatas, a revista da Academia Médico Cirúrxica Provincial de Pontevedra, que recollía o texto dunha conferencia. Militou activamente nas Mocedades Galeguistas e, posteriormente, foi membro fundador e conselleiro da Editorial Galaxia

Antía Cal e Antón Beiras (irmán de Manuel Beiras e tío, polo tanto, de Xosé Manuel Beiras), casaron en 1947 e estiveron xuntos ata o falecemento de Antón en 1968, vítima dun cancro.

Imaxes da exposición "A malla de Pascual. 1957" © Legado Activo Beiras Cal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.