A segunda longametraxe do lucense Jorge Coira celebrou o seu 15 aniversario coa súa edición en Blu-ray e un pase especial en NUMAX. O filme coral destacou pola maneira en que foi construído, cun gran peso da improvisación a cargo dos seus actores e actrices en cada escena e, posteriormente, por un complexo traballo de montaxe
No ano 2010 rodouse e estreouse 18 comidas, a segunda longametraxe do lucense Jorge Coira, despois do seu debut con O ano da carracha (2004). Tratábase dunha comedia coral que entrelazaba seis historias ao longo dun día en Santiago de Compostela empregando como fío condutor o almorzo, o xantar e a cea. Pero foi moito máis ca iso. O filme destacou pola maneira en que foi construído, cun gran peso da improvisación a cargo dos seus actores e actrices en cada escena e, posteriormente, por un complexo traballo de montaxe, que se alongou uns oito meses.
O resultado premiou os riscos que se tomaron. Unha película fresca e diferente a calquera outra que foi seleccionada en máis de trinta festivais de todo o mundo e que obtivo premios no OUFF Festival Internacional de Ourense, no Festival de Taormina (Italia), na Bienal de Annecy (Francia), no Festival Internacional de La Laguna ou no Douro Film Harvest (Portugal), ademais de nos Mestre Mateo, nos que se fixo con sete galardóns, entre eles o de mellor película, director, guión e montaxe.
Pero, ademais, co paso do anos comprobouse que 18 comidas funcionou como unha pista de despegue para moitas traxectorias profesionais das persoas que participaron no proxecto e que nos últimos 15 anos continuaron a medrar no sector audiovisual. Non só os seus numerosos e destacados actores e actrices (Luís Tosar, Sergio Peris Mencheta, Cristina Brondo, Víctor Clavijo, Esperanza Pedreño, Pedro Alonso, Fede Pérez, María Bossa, María Vázquez, Xosé Barato...), senón para o propio director e outros integrantes do equipo, coma os guionistas Araceli Gonda ou Diego Ameixeiras ou o músico Iván Laxe.
"Trátase dunha película moi persoal e á que lle teño un cariño moi especial, é o proxecto máis persoal dos que fixen", destaca Jorge Coira
Unha película pequena, con alma, diferente, especial. E que cambiou as vidas de moitas das persoas que participaron nela, comezando pola do seu propio director, Jorge Coira.
A pasada semana un pase especial na Sala Númax de Santiago serviu para celebrar os máis de 15 anos que pasaron xa dende a estrea do filme e acompañar a edición en Blue-ray da película (Acontracorriente), unha edición coidada no deseño e que inclúe varios contidos extra para afondar nun traballo singular na súa realización e moi especial para os seus participantes. O filme, que foi seguido dun coloquio, foi presentado polo propio Jorge Coira, con quen falamos.
"O que se ve na pantalla dá a impresión de estar moi pouco preparado, e a realidade é a contraria. A improvisación pódese facer de moi diferentes maneiras, pero neste caso era un guión moi moi traballado", explica Coira
"Trátase dunha película moi persoal e á que lle teño un cariño moi especial, é o proxecto máis persoal dos que fixen", destaca Jorge Coira en conversa con Praza.gal, nun descanso da gravación de Ardora, a súa nova serie, que poderemos ver en 2027. "Eu téñolle moito cariño a moitos dos meus traballos, series e tamén películas, pero esta foi particular. Foi unha aposta fóra do común. Era necesario que houbese confianza, porque tratábase de traballar coa improvisación. E unha aposta por contar pequenas historias", di.
Coira destaca que ao contrario do que sucedera na rodaxe da súa opera prima, O ano da carracha, realizada seis anos antes, fixo 18 comidas "sen medo ao erro", deixándose levar en cada momento polo que lle apetecía, polo que lle motivaba. "Dalgunha maneira madurara como para deixar atrás eses medos, que nunca desaparecen do todo, pero aprendes a xestionalos para que non te atenacen. E supoño que dos erros se aprende. E ese erro de querer ser correcto xa non o vou a cometer nunca máis", sinalou hai un tempo nesta entrevista para Aisge.
A improvisación para quen a traballa
Foi unha película "especial" para Coira porque "me serviu un pouco para redescubrir o gusto de facer cine, de xeito que non sexa simplemente un lugar de execución de ideas preconcibidas, senón que sexa un lugar de creación", di
Unha das claves da película é esa improvisación na rodaxe, que dan como resultado escenas moi frescas e reaccións moi naturais. Pero como sucede moitas veces, a improvisación é para quen a traballa previamente. "O da improvisación é difícil de explicar: o que se ve na pantalla dá a impresión de estar moi pouco preparado, e a realidade é a contraria. A improvisación pódese facer de moi diferentes maneiras, pero neste caso era un guión moi moi traballado, e traballado ademais dende un lugar moi diferente a cando hai un guión escrito de forma convencional", explica Coira.
"Había que darlle moitas voltas aos asuntos que se trataban aos conflitos que estaban en xogo para prever todo o que puidese ocorrer e colocar unha base para que a escena só puidese discorrer por zonas que nos interesaba contar. Para evitar que a escena puidese descarrilar", sinala.
"Sabiamos que o éxito da escena ía residir na escoita total, en non querer manipular ou facer de máis por medo ao baleiro... E que na incerteza, nos silencios, nos momentos en que estivésemos desconcertados por non saber por onde tirar, iamos atopar o ouro da escena", destacou Víctor Clavijo
Recentemente o actor Víctor Clavijo -un dos protagonistas de 18 comidas e co que Coira xa traballara en O ano da carracha- destacou a singular forma en que se traballou nesta película. "Non tiñamos guión. Jorge só nos contou o deseño das personaxes, as súas relacións, os seus desexos e os seus conflitos. Non estaba escrito nin como empezaban nin como acababan as escenas. A partir deses datos tocaba voar, lanzarse ao baleiro da improvisación, coa vertixe que iso levaba, e ir descubrindo cara a onde nos levaba cada escena, con liberdade e honestidade o día da rodaxe".
Coira conta que nos ensaios el si daba "moitas indicacións para dicir por onde debía ir a escena", pero "como iso non o podiamos facer na rodaxe, decidimos que as personaxes tivesen un teléfono ao que eu chamaba ou enviaba mensaxes no medio da escena para poder ir moldeando algunhas cousas".
Clavijo engade que "sabiamos que o éxito da escena ía residir na escoita total, en non querer manipular ou facer de máis por medo ao baleiro... E que na incerteza, nos silencios, nos momentos en que estivésemos desconcertados por non saber por onde tirar, iamos atopar o ouro da escena, porque eses instantes ían ser reais. Só había que estar espertos para cazar ao voo calquera novo xiro ou accidente e subir a el como a unha onda. E así pasou".
Unha película que mudou vidas e traxectorias
Jorge Coira destaca que 18 comidas foi unha película "especial" para el porque "me serviu un pouco para redescubrir o gusto de facer cine, de xeito que non sexa simplemente un lugar de execución de ideas preconcibidas, senón que sexa un lugar de creación". "Eu fixera un curso de improvisación, que en teoría era un curso de dirección de actores con Michael Radford, pero realmente el converteuno nun curso de improvisación, que creo que é un espazo de creación, moi apaixonante e emocionalmente moi extremo, que che leva a lugares aos que é moi difícil chegar con outra maneira de traballar", conta.
Sergio Peris-Mencheta destacou que con 18 comidas logrou "o soño que moitos actores desexan (e que algúns temen): a liberdade absoluta de dotar ao seu personaxe dos diálogos, as situacións e mesmo o desenlace que considere oportuno"
Moitas das persoas que participaron nesa rodaxe describen experiencias semellantes, cada unha dende a súa subxectividade, nun proxecto que aínda é lembrado con emoción máis de 15 anos despois. "Non podo falar por ninguén, pero si que hai algo que se segue respirando cando falas con xente que participou na película. Estes días, que estou rodando unha serie, hai varias persoas do equipo técnico que estiveron naquela rodaxe, e cada vez que se fala de 18 comidas, a rodaxe é recordada con moito cariño", di Coira.
E o caso, igualmente, de Sergio Peris-Mencheta, que destacou que con 18 comidas logrou "o soño que moitos actores desexan (e que algúns temen): a liberdade absoluta de dotar ao seu personaxe dos diálogos, as situacións e mesmo o desenlace que considere oportuno". O actor sinalou que para el supuxo "un momento de recuperación da idea de por que quería ser actor, nun momento no que ás veces poñía en dúbida esa idea inicial". "Que é algo que pasa moito, unha vez que empezas a dedicarte á interpretación ou á dirección de forma profesional", comenta Coira. "Na escena que fai con Víctor Clavijo, Blanca Bellido e Camila Bossa, el pega unha viaxe emocional brutal, unha catarse emocional moi grande", engade.
NUMAX, un "templo" do cine
O pase especial en Compostela buscaba "celebrar tamén o propio NUMAX, darnos o gustazo de ver esta peli nun cine como NUMAX, que é como ir a un templo do cine, un templo moi noso"
Coira destaca, igualmente, que ademais de presentar a edición en Blue-ray e de celebrar o 15 aniversario dun proxecto tan destacado e querido na súa carreira, o pase especial en Compostela buscaba "celebrar tamén o propio NUMAX, darnos o gustazo de ver esta peli nun cine como NUMAX, que é como ir a un templo do cine, un templo moi noso".
Sobre a edición en Blue-ray, Coira sinala que naquel tempo ese formato "aínda non se impuxera". "Eu son un grande amante do formato físico. E agora con A Contracorriente, decidimos facer unha edición especial, moi coidada, na que aproveitamos para meter algunhas cousas que penso que teñen interese ou que teñen bastante graza. Entre elas, contamos algunhas interioridades da rodaxe.