"Non, señor alcalde, así non". Deste xeito 16 artistas que foran convidados e convidadas polo Concello de Vigo a participar na mostra Metrópole, persperctiva urbana da arte galega rexeitaron o ofrecemento. A negativa enmárcase no malestar xerado no mundo cultural galego, en especial no ámbito da arte contemporánea, polo golpe de man dado ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) a cargo do Goberno local da cidade, que se fixo co control do seu Padroado, rexeitou convocar unha praza de director ou directora e mudou o propio contido do proxecto museístico.
"É inevitable ver nesta exposición colectiva unha manobra para contentar e así acalar as moitas voces discrepantes e, de paso, disimular o erro da decisión, vendendo o fume dun proxecto inexistente, comunicado dun xeito arrogante"
No manifesto feito público de forma colectiva os e as creadoras sinalan que "é inevitable ver nesta exposición colectiva unha manobra para contentar e así acalar as moitas voces discrepantes e, de paso, disimular o erro da decisión, vendendo o fume dun proxecto inexistente, comunicado dun xeito arrogante, ausente de reflexión, carente de diálogo e, por tanto, sen vontade de consenso". No texto critican "a decisión do alcalde de finiquitar o modelo museográfico desenvolvido pola dirección e equipo profesional do Marco, suspendendo así a autonomía de xestión que lle correspondía como Fundación de Interese Galego". E denuncian "a paralización do Museo, paso necesario para un cambio de modelo do gusto e dos intereses do Alcalde".
Os e as artistas convidadas a participar na mostra que asinan o texto son Mónica Alonso, Xoan Anleo, Bosco Caride, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Tono Carbajo, Victoria Diehl, Almudena Fernández Fariña, Fran Herbello, Din Matamoro, Chelo Matesanz, Antón Patiño, Manolo Paz, Isaac Pérez Vicente, Manuel Sendón e Rosa Úbeda. Todas e todos eles conclúen este chamemento público con dúas demandas, que recuperan das conclusións finais das Xornadas: “Vigo, un espazo para a arte e a cultura contemporánea”, celebradas en decembro de 2001.
Demandan autonomía de xestión para o museo e a "convocatoria da praza de dirección por concurso público, primando méritos, experiencia e a presentación dun proxecto acorde co modelo para o que se creou o MARCO
A primeira é a autonomía de xestión, "imprescindible para a eficacia e o bo funcionamento a independencia administrativa". E a segunda a "convocatoria da praza de dirección por concurso público", un concurso no que se valoren méritos académicos e experiencia profesional e tamén a presentación dun proxecto de actuación que inclúa "un espazo de dinamización, produción, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporáneas, dando cabida ás diversas disciplinas artísticas e favorecendo a integración coas outras manifestacións culturais como filosofía, literatura, ciencia, arquitectura e urbanismo...". "Que os responsables públicos entendan, asuman e se comprometan no desenvolver dun código de boas prácticas para a xestión cultural é condición indispensable para a súa credibilidade. Comecen pois prescindindo de intereses persoais e de partido", rematan.
Dimisión de Agar Ledo e Daniela Sarraino
O conflito que se vive ao redor do MARCO torna cada vez máis insostible. Esta semana Agar Ledo, responsable de exposicións do museo, presentou a súa dimisión, sinalando que "non foi unha decisión fácil, pero é a única posible dada a situación actual dun museo que deixou de ser aquel proxecto do MARCO ao que me incorporei en 2006". E a semana pasada foi Daniela Sarraíno, presidenta fundadora da Agrupación de Amigos do MARCO, quen dimitiu, afirmando que na entidade -que agrupa a 400 persoas- séntense "pisoteados e non recoñecidos pese a que realizamos contribucións económicas anualmente ao museo".