17 de maio: A festa das letras

Cartaz do acto institucional que a Academia celebrará este martes © RAG

Dous actos, un institucional e outro reivindicactivo, marcan como é habitual do Día das Letras. Por unha banda, a Real Academia Galega celebra o 17 de maio unha sesión extraordinaria e pública dedicada a Manuel María. O acto celebrarase na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, a partir das 12.30 horas, coa intervención de dos académicos Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana e da académica Margarita Ledo. A Banda Sons e Soños acompañará o acto, que pechará o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Xusto antes deste acto, colocarase unha placa conmemorativa no CEIP Laverde Ruiz da localidade.

Ademais, Compostela acollerá a manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego, baixo o lema "O idioma é vida". A marcha partirá ás 12 horas da Alameda e rematará na praza da Quintana coa actuación de Mini e Mero, lectura de dous poemas de Manuel María sobre a lingua, intervención de Marcos Maceira -portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüísitica- e actuación musical de Fran Amil.

Pero dende logo que non son os únicos eventos que este martes servirán para homenaxear a Manuel María e para celebrar e reivindicar a cultura e lingua galegas. Por todo o país hai ducias de convocatorias que espallarán o idioma por todas de rúas de Galicia:

  • Compostela: Ademais da manifestación de Queremos Galego, destaca a Romaría dos Libros de Primavera, que se celebrará na Praza de Mazarelos durante todo o día, de 11 a 21 horas. Contará coa participación de 16 entidades compostelás que traballan arredor do libro, haberá presentacións, música, un trival literario (cun lote de libros como premio), un obradoiro de ilustración para crianzas (a cargo de María Lires), e un "fin de festa sorprendente" que ofrecerá Carlos Meixide. Pola tarde, dende a praza do Obradoiro partirá un roteiro que explorará a relación de Manuel María con Santiago a través da súa obra Poemas a Compostela; o roteiro rematará en San Martiño Pinario cunha actuación de García MC. Ademais, na Cidade da Cultura celebrarase o espectáculo multimedia Verso busca Voz, un recital coas improvisacións musicais de Koroiev e as videocreacións de DSK. 
  • Outeiro de Rei: Tras os actos oficiais, tarde de portas abertas na Casa-Museo Manuel María de 16.30 a 19.30, con visitas guiadas, maxia, música, versos e xogos.
  • Boiro: Durante todo o día (de 11 a 22 horas) celebrarase no Pazo de Goiáns a VI Romaría das Letras no Barbanza, con actuacións musicais, de grupos de danza, presentacións de libros e lectura de textos da obra de Manuel María.
  • Lugo: Ás 13 horas a Casa do Concello acolle un recital de homenaje dos poetas da revista Xistral. A partir das 20:30 horas 80 persoas representarán por diferentes rúas de Lugo “Seremos o que o pobo queira ser”, a peza xurdida dos obradoiros do proxecto Lingua Viva da Deputación e para cuxa elaboración se empergaron textos de Manuel María.
  • A Coruña: ​O Goberno local celebrará este martes unha xornada de portas abertas no Pazo de María Pita para render tributo a Manuel María, acompañada da lectura pública de textos Pregoa a voz!. Tamén terá lugar no Teatro Rosalía o Concerto das Letras 2016, que se celebrará por primeira vez na cidade e no que actuará a banda Milladoiro. O evento, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello da Coruña, comenzará ás 21 horas.
  • Ourense: O Concello organiza un concerto de títeres, lectura de poemas e unha conferencia sobre Manuel María
  • Pontevedra: A praza Curros Enríquez acolle a partir das 19 horas un recital poético a cargo da Coral polifónica de Sobradelo, o Coro da Asocación Sociocultural O Burgo e a Banda de Música de Pontevedra
  • Redondela: No marco do XVII Festival Internacional de Títeres a vila encherase de monicreques e música nunha programación especial polo Día das Letras. Máis de 20 representacións teatrais e musicais encherán as rúas e prazas da vila, cunha forte presenza de compañías galegas e, nomeadamente, redondelás.
  • Ferrol: O luns a partir das 19 horas, o Ateneo Ferrolán organiza un recital de poesías de Manuel María no que participarán Angeles Delgado, Aurora Varela, Cristina Sainz, Rosa Martínez, Silvia Romauns, Xosé Leira e Xurxo Gago. Ademais, a partir das 19.30 horas a Fundaçom Artábria organiza unha celebración, coa actuación de Manolo Bacalhau. O martes, o barrio de San Xoán acolle, dende as 12 horas, a festa das letras organizada polo Concello, que comezará co concerto do cantautor Xoán Eiriz e do Real Coro Toxos e Froles
  • Vilaboa: Na localidade pontevedresa organízase un programa de actividades que se desenvolverán a partir das 12.30 horas na Canteira das Lapas de Paredes, onde confluirán varias rutas -a pé, en bicicleta ou en barco- que ás 11 partirán de varios lugares do Concello. Xosé María Álvarez Cáccamo fará un achegamento á figura de Manuel María, para dar paso a unha comida campestre.
  • Ponteareas: A Praza Maior de Ponteareas acollerá pola tarde un festival infantil, a cargo da compañía Barafunda, co espectáculo “Xan das Ondas” e “ A maxia de Xabi”.
  • Carballo: As actividades organizadas pola Asociación Cultural de Lumieira comezan este luns pola noite, coa charla sobre Manuel María que a partir das 20.30 horas ofrecerá o xornalista Xesús Fraga no Casino de Carballo. O martes, ás 11 horas na praza do Concello coñeceranse os e as gañadoras da 36ª edición do Concurso Infantil de Debuxo e Pintura Luís Calvo Sanz.
  • Cerdido: O mércores 18. Os nenos e nenas do concello participarán nun contacontos sobre a vespa velutina. Despois, aprenderán a realizar trampas e cada neno poderá realizar unha que levará para a súa casa, colaborando así no programa de vixilancia e control fronte a vespa asiática. O alcalde da localidade entregaralles un libro en galego a tódolos rapaces e rapazas que participen nos talleres.
Cartaz da manifestación © Queremos Galego
Cartaz do acto institucional que a Academia celebrará este martes © RAG
Cartaz da 'Romaría das Letras' © Compostela Literaria
Cartaz dos actos organizados en Carballo © A.C.Lumieira
O Pazo de Goiáns acollerá a VI Romaría das Letras no Barbanza Dominio Público Praza Pública
A Cidade da Cultura acollerá o espectáculo 'Verso busca Voz' © Cidade da Cultura
A cidade das Burgas organiza un concerto de títeres, lectura de poemas e unha conferencia © Concello de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.