O xornalismo en lingua galega pasou por épocas boas, malas e peores, pero en calquera caso ten unha traxectoria longa, de dous séculos exactamente, que se cumprirán esta semana. O 5 de febreiro de 1812 publicouse na Gazeta de Santiago o primeiro texto xornalístico na nosa lingua, un artigo de opinión en forma de carta, e defensor da ideoloxía liberal fronte ás ideas absolutistas e do dereito dos cidadáns a elixir democraticamente os xuíces. 200 anos máis tarde, Praza Pública e outros medios, continuamos o ronsel aberto por este texto.
O texto, asinado por Ramón González Senra -probablemente un pseudónimo- e datado en Combarro, comeza dicindo: Señor Emprantador da Gazeta de Santiago: Eu quixera espricarlle ben craramente canto se folga ó meu corazon co á millor das novidades que teño visto na miña acordanza: falo da orde que veu para que as aldeas escollan Jueces á seu gusto, é para botar por terra todas esas gavelas con que nos esmagaban desde hay tanto tempo un fato de señores que eran mais ríspitos para nos, que os mesmos reis. Eu non sei falar con retrónicas, porque non andiben na escola dos jasuitas
O texto foi recuperado na obra Papés d'Imprenta Condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846, editado polo profesor Ramón Mariño e coordinado pola xornalista Rosa Aneiros, coa colaboración de Xosé Ramón Barreiro. O volume, publicado polo Consello da Cultura Galega, terá unha segunda parte, que se presentará nas vindeiras semanas. Ramón Mariño explica que "na época das Cortes de Cádiz está sobre a mesa un debate moi vivo entre os partidarios de que as cousas seguisen estando como estaban, partidarios da monarquía absoluta, e os que apostaban por que as cousas empezasen a cambiar, pelexando por sistemas constitucionais. E en Galicia comezan a xurdir cabeceiras que defenden unha ou outra postura, aínda que a meirande parte das cabeceiras que aparecen aquí son de orientación liberal".
En concreto, para Mariño este texto "é unha carta de completa ideoloxía liberal, na que se manexan os conceptos de soberanía nacional e a necesidade dunha organización da xustiza, para que os xuíces non foses designados polos señores, senón polos veciños".
Non é o primeiro texto en galego publicado nun medio xornalístico, pois uns anos antes Manuel Pardo de Andrade xa publicara un nun xornal de Madrid, en forma de poema e fóra dos cánones xornalíticos. Hai outros exemplos, publicados entre 1808 e 1812, pero tamén teñen unha forma lírica, coma unha chamada ao pobo a alzarse contra os franceses, que ademais se distribuíu en follas voandeiras e non nun xornal. A particularidade do texto de González Senra é a súa construción puramente xornalítica, como texto de opinión argumentativo.
Son escasos os exemplos de textos publicados en galego nas cabeceiras xornalísticas galegas que en gran número naceron nas dúas primeiras décadas do século XIX, sobre todo durante a invasión napoleónica. Porén, supuxeron un florecemento da lingua en relación co final do século anterior. Hai que ter en conta que a nivel de monolingüísmo en galego na Galicia de comezos do XIX roldaba o 90%. Tamén había un elevado nivel de analfabetismo, pero naquel momento tamén estaba moi estendido o hábito da lectura en público.
O uso do galego permitía chegar máis directamente a esta maioría de galegofalantes, e tamén chegar a un nivel máis afectivo. Avanzado o século, unha vez que se supera a efervescencia da Guerra da Independencia e a restauración absolutisma de Fernando VII, e xa ao abeiro do nacente provincialismo e protogaeguismo, os textos en galego van gañando en frecuencia e variedade.