2012, un ano difícil para os museos galegos

Museo de Arte Contemporáneo (MAC) © Praza Pública

Andrés Rodríguez Morado recolle as opinións dos directores de MARCO, do MAC coruñés e da Cidade da Cultura sobre a situación actual dos seus centros, as tesoiradas ou se existe unha rede colaborativa artística galega. En Emprazarte, o blog de artes visuais de Praza.

1.- Cal pensa que é o grao de coñecemento da institución que dirixe na sociedade galega? Cómo o valora?
2.- Cómo lles afectan as tesoiradas? Qué razóns lle deron?
3.- A qué presente estase a enfrontar a institución e que plantexamentos de futuro fai?
4.- En qué medida pensa que existe unha rede colaborativa artística galega?
5.- Cómo observa a Cidade da Cultura do Gaiás?

 

Iñaki Martinez Antelo, MARCO (Vigo)

1. O MARCO ven de cumprir dez anos; un bo momento para reflexionar e facer un exercicio de avaliación, de obxectivos cumpridos e do que queda por facer. No que respecta ao grao de coñecemento na sociedade, a valoración para nós é positiva, especialmente se falamos do entorno máis próximo. Penso que, como institución, xerou unha demanda, e continúa a ofrecer un servizo necesario á cidadanía, a un público cada vez máis participativo e esixente. Máis aló das exposicións temporais, o MARCO puxo en marcha dende o inicio unha programación estable de actividades complementarias e varias liñas de programas educativos e de formación, que, xunto coa creación e consolidación da Agrupación de Amigos, foron clave para unha mellor recepción por parte do público, para un maior coñecemento e achegamento por parte da sociedade.

2.- A situación é, de feito, moi complicada. Se vemos o estado en que se atopa a sanidade, a educación ou a investigación, podemos imaxinar a precariedade no eido da cultura. Estamos procurando unha viabilidade ou equilibrio orzamentario con cada vez máis escasos recursos. Por suposto, contar con menos financiación supón non poder abordar certos proxectos e coidar ata o último detalle dos que temos en marcha. O noso obxectivo neste momento céntrase en manter a calidade da programación, recurrindo a fórmulas como cofinanciación, traballo en rede, patrocinios, ou proxectos de maior duración, pero tamén defendendo a necesidade de que se manteña o apoio institucional a un sector que non só é clave respecto ao coñecemento e a formación, senón tamén na economía e na creación de postos de traballo. Lamentablemente, os recortes non veñen acompañados dunha análise razoada.

"Se vemos o estado en que se atopa a sanidade, a educación ou a investigación, podemos imaxinar a precariedade no eido da cultura. Estamos procurando unha viabilidade ou equilibrio orzamentario con cada vez máis escasos recursos"

3.- Para min, o maior perigo é que se poida botar por terra en pouco tempo o que se tardou moitos anos en construír: un conxunto estable de infraestruturas e iniciativas culturais, e unha maior profesionalización e especialización de todo un sector: artistas, xestores, galerías, críticos, comisarios, profesorado, coleccionistas, medios de comunicación, publicacións… A nosa prioridade hoxe é resistir de forma activa, e poder ofrecer unha programación rigorosa e de interese que conecte coa situación actual. Enfrontámonos tamén a un cambio nas políticas de financiación e debemos esforzarnos por conseguir implicar máis á empresa privada, pero para iso precisamos tamén de apoio por parte das institucións.

4.- Penso que, no que atinxe á arte contemporánea, existe unha rede de contactos e colaboración, quizais máis fructífera en anos recentes, e que agora pode esmorecer por efecto da crise e dunha tendencia a certo ‘ensimismamento’. Dende o MARCO temos colaborado con multitude de centros, colectivos e asociacións de distintos puntos de Galicia, non só na coprodución de exposicións senón tamén en programación de actividades. Entendo que a análise dende a proximidade axúdanos a a situarnos mellor.

"No que atinxe á arte contemporánea, existe unha rede de contactos e colaboración, quizais máis fructífera en anos recentes, e que agora pode esmorecer por efecto da crise e dunha tendencia a certo ‘ensimismamento’"

5.- Penso que calquera proxecto debe responder a unha estratexia e a uns obxectivos coidadosamente definidos, sobre todo nun período de tremenda escasez como o actual. Resulta moi preocupante cando non se detecta unha relación causa-efecto, cando o custo de investimento non parece gardar proporción cos resultados, e non me refiro unicamente ao número de usuarios, senón ao impacto real dun proxecto como a Cidade da Cultura no contexto de Galicia. Un museo ou centro cultural non pode estar baseado nunha infraestrutura, senón no traballo, nos proxectos, e na súa xestión.

 

Carmen Fernández Rivera, MAC (A Coruña)

"Os programas de autoxestión que, noutros países levan anos funcionando, aquí poden comezar a xurdir agora con mais forza"

1.- O Museo de Arte Contemporáneo (MAC) foi evolucionando nestes últimos 7 anos e na actualidade é un espazo onde conseguimos conectar cos visitantes; facer propostas expositivas que lles interesan e contar coa súa asistencia nas actividades que organizamos. Por sorte, o noso público non vén só da Coruña, e en moitos dos  nosos cursos e exposicións contamos con asistentes das cidades próximas e  mesmo do resto de España. Desde o ano 2005 fomos crecendo en número de visitantes nun 500%. O noso obxectivo é continuar o noso labor cultural e incrementar a nosa visibilidade en Galicia e impulsar aos artistas galegos e a nosa actividade fóra de Galicia e de España.

2.- O noso orzamento está en liña cos anos anteriores. Ampliamos as nosas propostas e desenvolvemos programas novos como as Residencias no Museo, para artistas locais e internacionais, co fin de apoiar a produción e investigación artística. Este próximo ano manteremos todos o noso programas e algúns veranse incrementados, o que nos enche de satisfacción.

3.- O noso principal interese é que o Museo sexa un espazo dinámico e aberto, que nestes tempos difíciles apoie a creación, a investigación e innovación  dos nosos novos artistas galegos, en colaboración con novos artistas doutros países.

4.- Están xurdindo tímidamente propostas que se poden ir consolidando, é o bo dos tempos de crises. Os programas de autoxestión que, noutros países levan anos funcionando, aquí poden comezar a xurdir agora con mais forza.

5.- É importante que exista un plan estratéxico para dotar a ese espazo de verdadeira personalidade e realizar accións e exposicións cunha líña de traballo continuado.

 

Beatriz González Loroño, Cidade da Cultura (Santiago)

1.- Coido que practicamente todos os galegos coñecen a Cidade da Cultura. Aínda que leva só dous anos aberta ao público xa foron máis de medio millón as persoas que se teñen achegado ao Gaiás. O proxecto púxose en marcha no ano 1999 e dende entón tanto o propio espazo como a programación cultural que se desenvolve ten presenza nos medios de comunicación, tanto nos de información xeral como nas publicacións especializadas. Ademais, nestes últimos meses téñense organizado eventos que contribuíron a incrementar o seu grado de coñecemento fora de Galicia, como o concerto de Björk, o feito de ser seleccionada para acoller o WOMEX 2014, a feira de world music máis importante do mundo ou a organización de foros internacionais, coa participación de institucións como a Tate, o British Museum ou o Thyssen, por citar algúns exemplos.

2.- A Xunta ten reducido a transferencia á Fundación da Cidade da Cultura nos orzamentos autonómicos dos últimos anos, redución que se enmarca dentro da necesidade de optimizar os recursos públicos ante o contexto económico no que nos atopamos. Unha das consecuencias máis visibles foi a decisión de paralizar as obras nos dous edificios pendentes.

"Nos próximos anos veremos como a Cidade da Cultura operará como unha potente plataforma para internacionalizar as nosas industrias culturais"

3.- Coa aprobación do Plan Gaiás, a Cidade da Cultura está dando pasos para converterse nunha infraestrutura cultural sostible a través da entrada de capital privado vía patrocinios e outras fórmulas. Además, queremos avanzar incrementado a súa rendabilidade social e consolidándoa como unha ferramenta para dinamizar o tecido de industrias culturais. Nos próximos anos veremos como a Cidade da Cultura operará como unha potente plataforma para internacionalizar as nosas industrias culturais. Neste contexto económico, moitas empresas buscan na apertura a outros mercados a súa solución de futuro. En boa medida a cultura afronta tamén este desafío e creo que o Gaiás pode ser de moita axuda.

4.- Penso que existe moita xente do sector que entende que unindo os esforzos e recursos de todos poderase acadar un futuro mellor para a cultura galega. Neste dous anos temos organizado actividades de traballo en rede que teñen ofrecido moi bos resultados.

5.- Cómo pensa que é observada a Cidade da Cultura por outros espazos artisticos galegos e de fóra?
En canto aos centros culturais galegos, o Gaiás ten demostrado nesta fase inicial que está para sumar, e o ten feito ofrecendo unha programación cultural diferente, apoiando todo canto de bo se estaba a facer para aumentar a súa proxección e ofrecendo os seus recursos para que agromen novas iniciativas. En canto aos centros culturais do resto de España e de fora do noso país, iniciativas como o Foro Internacional de Espazos para a Cultura ten traído ao Gaiás a institucións como o MoMA, o Pompidou, a TATE, ou o British Museum, que, a bon seguro, nos vindeiros anos abrirán interesantes proxectos de colaboración.

O Marco de Vigo CC-BY-SA Elisardojm2
Museo de Arte Contemporáneo (MAC) © Praza Pública
Cidade da Cultura © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.