30 anos rindo no museo

Entrada ao Museo do Humor de Fene © http://viacala.blogspot.com.es/

"O humorismo é unha das cualidades distintivas do espírito galego, aínda que o esquenzamos decote". Así comezaba, citando a Ramón Piñeiro, o Manifesto en Defensa do Humor redactado en 1983 por Siro López e Xaquín Marín para acompañar unha mostra de humor gráfico que percorreu o país, un texto que facía un chamamento a medios de comunicación, editoriais, críticos e institucións para valorar o humor, e sobre todo o humor galego, na medida merecida e a "participar na tarefa de dignificación do xénero". Daquela mostra itinerante e daquel manifesto naceu en novembro de 1984 o Museo do Humor de Fene, concello que recolleu a demanda lanzada polos dous humoristas. 

O museo converteuse no primeiro do seu xenero en Galicia, e un dos poucos no mundo. Durante anos, baixo a dirección de Xaquín Marín, acolleu charlas, exposicións e unha mostra permanente con obras dos mellores autores galegos e españois, e tamén doutros países: Castelao, Maside, Seoane, Mingote, Dick Browne, Gila, Edgar Neville, Chumy-Chúmez, Máximo, Peridis, Gallego & Rey, Serafín, Pablo, Kim, Oscar, Idígoras & Pachi, M. Hernández, Dela Nuez, Fiddy, O´Sekoer, Cunha Díaz, Kazanevsky, Mort Walker, Dachuan Xia, M. Pohle, Harca, Garrincha, Pena Pai, Petkov, De Angelis, Effat... Tamén foi construíndo unha biblioteca, videoteca e fonoteca especializadas, e convocou os premios O Humor na escola e Curuxa, ademais de editar a revista Sapoconcho.

Neste 2014 o museo celebra o seu 30 aniversario, e o Concello de Fene vén de iniciar unha programación especial de actividades para celebralo, baixo o lema "As risas son boas". Este pasado domingo proxectouse o documental Radiografía dun autor de tebeos de Marcos Nine (Premio Mestre Mateo ao mellor documental en 2011). No filme, David Rubín plasma nunha historieta como se sente no momento en que a súa vida está a ser gravada para un documental. E, de feito, os asistentes á proxección foron agasallados co álbum Uxío Novoneyra: A voz herdada, de Kike Benlloch e David Rubín. O resto da programación inclúe a participación, entre outros, de Manuel Manquiña, Isabel Risco ou Evaristo Calvo, e exposicións de caricaturas de debuxantes galegos coma O Carrabouxo ou Pinto.

Naquel manifesto iniciático Siro López e Xaquín Marín buscaban que o humorismo dos galegos e galegas, tan presente na vida de todos os habitantes do país, fose recoñecido e elavado a unha categoría maior, a unha maior dignificación e recoñecemento, mesmo ao nivel dunha industria e dun símbolo de identidade. Dicían: "Neste país que ten o humor como arma defensiva. Que deu os únicos 'humoristas' das letras españolas. No que os humoristas anónimos xorden como cogumelos para crearen as máis gaioleiras pantasías de Santas Compañas, Estadeas, Aquelarres, Lobishomes e Meigas Chuchonas. Onde o sorriso intelixente é un esperanto entre as xentes de boa vontade. No que aínda sabemos sorrir 'a pesares de...'. Neste país noso de cada día temos de ser máis os 'humoristas' de 'carné' e máis ricaz o noso labor".

Abofé que o Museo do Humor de Fene cumpriu estes obxectivos nos seus primeiros trinta anos de historia, a pesar de non ter contado con apoios de peso, máis aló da xestión realizada dende o Concello. Nunha entrevista a Xaquín Marín, publicada por Vieiros en 2008, no momento da súa xubilación, o debuxante sinalaba que "creamos o Museo do Humor porque coidabamos que o humor galego se estaba perdendo" e laiábase de que "en realidade estase perdendo todo o humor".

Nese senso, subliñaba que "o humor estase globalizando, como todo. O problema é que gran parte da identidade galega procedía da vida agraria, que se está perdendo, e moita xente non quere saber nada da identidade galega ou do humor galego. Pero como vai haber humor galego se nos están bombardeando todo o día na televisión cos Morancos?", dicía. De igual xeito, destacaba que "hai moitos e moi bos debuxantes; entrou moita xente nova con moi boa técnica". Porén, queixábase de que "utilizan un humor que ten moi pouco de galego. Cando se utiliza o humor galego moitas veces úsase mal, recorrendo á chabacanería, ao máis simple".

Xaquín Marín dirixiu o museo até a súa xubilación en 2008 © http://www.pintoresgallegos.com/
As palabras e os deseños de Xaquín Marín presiden o museo © http://viacala.blogspot.com.es/
Visita de alumnos e alumnas de primaria ao museo © Concello de Fene
O museo programou un calendario de actividades para conmemorar o seu 30 aniversario © Concello de Fene
Outra das salas do Museo do Humor de Fene © http://www.pintoresgallegos.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.