40 anos do 'Ziggy Stardust' de Bowie

Capa do álbum © Praza Pública

O 6 de xuño de 1972 sae á luz The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars, que abriu as portas do ansiado éxito a David Bowie e revolucionou por completo o mundo da música, abríndose a idade de ouro do chamado glam rock.

Os anos 70 era o que tiñan. A revolución respirábase en todos os eidos da cultura e David Bowie era ben consciente diso. A súa carreira comezara anos atrás, alá polo 1962, e dende entón, o camaleónico cantante tentou buscar como fora unha personaxe coa que chegar ao público masivo. Case o acadou con ese Comandante Tom do Space Oddity, espíndose diante da súa audiencia ao mostrarnos non só a desconexión psíquica que sentía, senón ese fermoso retrato dos ideais e esperanzas dos anos 60 esvaecéndose. Pero non sería ata a chegada de Ziggy Stardust, o seu alter ego do espazo sideral, cando Bowie deu xusto no cravo sobre a onde se dirixía o futuro da música.

 

As orixes de Ziggy

Tras unha viaxe a New York na que coñeceu a Warhol, Iggy Pop e sobre todo, a música da Velvet Underground, Bowie sentiuse con ánimos de iniciar a súa propia revolución

O disco foi pensado como unha obra conceptual, tan típica da década, na que a esponxa Bowie mesturou elementos espoliados, algo que non deixaría de facer ao longo da súa carreira. Se se fixera música en Plutón e Bowie a oíra, seguro que incorporaba ao seu vindeiro disco.

Tras unha viaxe a New York na que coñeceu a Warhol, Iggy Pop e sobre todo, a música da Velvet Underground, Bowie sentiuse con ánimos de iniciar a súa propia revolución.

Ziggy naceu como unha mestura imposible do teatro kabuki xaponés aprendido do seu mentor Lindsay Kemp (que xa o introducira anos antes no mimo e no teatro do absurdo), e a distopía psicotrópica do escritor beat William Burroughs, todo un gurú para a insurxencia musical dos 70. Engadíndolle conceptos da rebelión xuvenil da Laranxa Mecánica e elementos que podemos recoñecer nos seus ídolos como Syd Barrett, Lou Reed, Bob Dylan, Vince Taylor ou Iggy Pop (nótese a explícita semellanza entre Iggy e Ziggy), Bowie deu xuntado collendo de aquí e de acolá un auténtico monstro de Frankenstein chamado Ziggy Stardust.

 

Un alieníxena ven salvar o mundo (!?)

Un extraterrestre promiscuo e bisexual era toda unha novidade na gris Gran Bretaña dos anos 70

No álbum, Bowie narra como ao planeta Terra lle quedan cinco anos de vida polo esgotamento dos recursos naturais. A xente está intranquila e mesmo violenta, pero de súpeto xurde unha estrela do rock extraterrestre que se postula como o salvador da humanidade. Pouco a pouco, e vítima dos seus excesos, o extraterrestre vai deixando de lado os seus nobres obxectivos e acaba sendo devorado polo éxito.

Nesta auto parodia moi próxima á ópera rock, Bowie non escatimou en grandilocuencia para crear á carismática personaxe, e decidiu acentuar a teatralidade da historia sen deixar de incorporar elementos persoais que lle proían a alma. Cousas como o medo á tolemia, denominador común na obra de Bowie (máis se temos en conta o seu historial familiar cheo de casos de enfermidades mentais como o do seu irmán ou a súa nai) ou a obsesión polo éxito e o xeito de dixerilo unha vez chegado.

Outro aspecto revolucionario de Ziggy é a súa sexualidade. Un extraterrestre promiscuo e bisexual era toda unha novidade na gris Gran Bretaña dos anos 70. De feito Bowie, sempre buscando a provocación, declarouse publicamente bisexual ese mesmo ano. Hoxe non semella gran cousa, pero hai que lembrar que a homosexualidade era un crime no país ata 1967 (en Escocia, mesmo era ilegal no 82) e as declaración de Bowie foron novas verdadeiramente impactantes para a sociedade, máis se viñan dun home casado e con un fillo.


A música en Marte

No Ziggy Stardust, aparte da Velvet, nótase tamén unha clara influencia do seu amigo e rival, Marc Bolan

Para ilustrar isto, Bowie, antigo cantante de folk acústico, decidiu virar a súa carreira e meterse de cheo no rock and roll, radicalizando o que xa comezara en The Man who sold the world (1970) ou Hunky Dory (1971). Neste último disco, o influxo da Velvet Underground xa era evidente, sobre todo no himno Queen Bitch.

No Ziggy Stardust, aparte dos neoiorquinos, nótase tamén unha clara influencia do seu amigo e rival, Marc Bolan, o autentico creador do glam rock no que Bowie se estaba a introducir. Na época, esas cousas éranche ben futuristas.

O disco revolucionou a música dominante, aínda estancada nos 60, e naceu algo novo, sen deixar de ser o vello rock and roll. Bowie mesturou elegantemente toda a enerxía do rock primitivo cos novos sons da vangarda, e endureceu considerablemente a súa música, moito máis acorde coa violenta década que estaba a vivir e ca historia que estaba a contar. Na contraportada do disco pono ben claro: To be played at maximum volume. Bowie suxire unha escoita a toda hostia, como debe de escoitarse o rock and roll xenuíno.

O disco revolucionou a música dominante, aínda estancada nos 60, e naceu algo novo, sen deixar de ser o vello rock and roll

Arroupado por unha sólida banda, The Spiders from Mars, con Trevor Bolder ao Baixo, Mick Woodmansey á Batería e sobre todo, Mick Ronson á guitarra, Bowie por fin atopou o novo son que a xuventude británica andaba a buscar. A xuntanza con Ronson foi un gran acerto, non só musicalmente, polo evidente virtuosismo ás seis cordas do músico (hai que reivindicar que co-escribiu e arranxou moitos dos temas), senón tamén polos directos, onde o andróxino Ziggy supleméntase á perfección coa masculinidade e garrulez de Ronson, que non se cansou de afirmar nas entrevistas: “Eu non son maricón...”, por moito que nos directos Bowie simulara facerlle unha felación en pleno solo de guitarra. Sen dúbida, son notables os intentos de Bowie por convencer a todo un rudo macho do norte para que se maquillara como unha rameira, aínda que Ronson comprobaría pouco despois que os caprichos da moda ían precisamente por aí.

 

A Cara A)

En Starman, o primeiro e triunfal single, o extraterrestre chama concretamente á mocidade para que se unan a el e promételles a salvación, como se dunha secta para xente confusa se tratara

O disco non podía abrir mellor: Five Years é unha visión apocalíptica do futuro iniciada cun lento e sinistro inicio de batería que se vai intensificando ata o orgasmo, na que Ziggy anuncia a destrución da humanidade en 5 anos e semella chamar aos seus discípulos a xeito de mesías. Con Soul Love, o segundo corte, Bowie en boca de Ziggy téntanos facer ver a estupidez que ven sendo esa cousa chamada amor, e séguelle Moonage Daydream, outra xoia onde Ziggy se erixe como salvador do planeta, transformándose conscientemente nunha “puta do rock and roll”.

En Starman, o primeiro e triunfal single, o extraterrestre chama concretamente á mocidade para que se unan a el e promételles a salvación, como se dunha secta para xente confusa se tratara. Dende logo, a xuventude británica caeu na trampa e esta canción supuxo a chave do éxito do disco, converténdose nunha das cancións máis coñecidas do Duque Branco.

It Ain’t Easy, única canción do disco non firmada por Bowie, é obra do bluesman Ron Davies, e con ela o alieníxena Ziggy expón as dificultades para chegar a ser unha estrela.

 

A cara B)

Ziggy Stardust, na que Bowie introduce a decadencia que supón o éxito para un artista. Nela, Ziggy, conta a súa extraña historia de auxe e decadencia, e plantéxase a disolución do seu grupo.

Cun marabilloso piano, e inspirada na figura de Marc Bolan, aparece Lady Stardust. Nela, Ziggy decide travestirse en directo e o público hipnotizado cae rendido aos seus pés. Aquí comeza o auxe do éxito de Ziggy, que é máis explícitamente descrito en Star, onde afonda no desexo do extraterrestre de ser una inminente estrela de rock and roll.

Precisamente, en Hang On to Yourself, Ziggy e os Spiders xa gozan do éxito masivo. Os riffs de guitarra de Ronson e as explícitas letras de Bowie suxiren sexo a moreas. Nesta canción, descríbese con melodías propias de Eddie Cochran como os fans de ámbos sexos sinxelamente queren fornicar con Ziggy.

E así entramos de cheo na canción máis básica, Ziggy Stardust, na que Bowie introduce a decadencia que supón o éxito para un artista. Nela, Ziggy, conta a súa extraña historia de auxe e decadencia, e plantéxase a disolución do seu grupo.

Con Suffrage City, sen dúbida a peza máis contundente do disco, cóntasenos que tras a ruptura da banda, Ziggy vive cun frenético ritmo consagrado ao sexo e as drogas. Atrás queda esa prometida salvación da humanidade.

O álbum remata coa fermosísima Rock and roll Suicide, na que Ziggy toca fondo e se quita a vida. Pese ao ton elexíaco, Bowie semella confortar persoalmente a cada oínte.: “You’re not alone… No matter what or who you’ve been / I’ve had my share, I’ll help you with the pain/You’re not alone” (Non estás só… Non importa que ou quen foches / Eu tiven o meu, heiche axudar ca túa dor / Non estás só...).

Esta canción, ou máis ben todo o disco, foi o xeito de achegarse a un público que coñecía pero aínda non dominaba, ese público composto por marxinados e deprimidos, esa xuventude buscando o seu lugar no mundo, esa xeración perdida só consolada pola música do pasado, ese público que tras a publicación do álbum caería rendido aos seus pés.

 

Influencia posterior

Co disco, Bowie converteuse nunha estrela como nunca antes se vira en Gran Bretaña dende os Beatles. Os seus discos, mesmo os antigos, comezaron a venderse masivamente e na xira, os seus directos convertéronse en lenda. Bowie/Ziggy era por fin unha impoñente estrela, hipnotizando a unha audiencia que nunca tal vira. Acadou dar vida a ese ser alieníxena, esquelético, maquillado e marcando paquete cos seus pantalóns axustados, presentando os xenitais como o centro do escenario.

Bowie mataría a súa criatura un ano despois. Tras o apoteótico éxito, o cantante decidiu abandonar no cumio e disolver o seu grupo en directo, ante a sorpresa dos atónitos fans e dos seus propios músicos

E como Ziggy, Bowie mataría a súa criatura un ano despois. Tras o apoteótico éxito, o cantante decidiu abandonar no cumio e disolver o seu grupo en directo, ante a sorpresa dos atónitos fans e dos seus propios músicos. Honrando o seu alcume de Camaleón, continuou por outros camiños, igual de creativos, a carreira que todos coñecemos e admiramos.

Musicalmente, a influencia posterior do disco é evidente. Non só influíu en todo o glam rock que asolagaría as listas de éxitos nos vindeiros anos en todo o mundo, senón que permitiu que os vándalos do punk entraran caoticamente polas portas abertas por Ziggy, cambiando por completo a historia da música e da arte.

Ziggy Dominio Público Praza Pública
Imaxe dun dos concertos da xira Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.