42 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do V Festival Carballo Interplay, que se celebrará do 4 ao 7 de abril, repartindo máis de 5.000 euros en premios. As finalistas -3 delas galegas e en galego, 12 do resto de España e 27 do resto do mundo- foron escollidas entre máis de 250 propostas.
As competidoras repártense en tres bloques (Galicia, resto de España e resto do mundo), que optan a cadanseu premio de 800 euros, que decidirá o xurado do festival, composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Oscar Cruz e a directora Anxos Fazáns. Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e, por vez primeira nesta edición, un xurado novo entregará outro premio de 400 euros. Conforman este xurado a youtubeira Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade a ilustradora Laura Tova e o picadiscos e programador do Xiria Pop Maikel Pérez.
Entre as webseries internacionais que se poderán ver no V Carballo Interplay hai propostas de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza e Uruguai. A maioría das series son en español (19) e inglés (14), pero tamén se escoitarán historias en galego (3), albanés, árabe, danés ou italiano. Como vén sendo habitual, o humor terá unha presenza abafadora (22 das 42 webseries finalistas son comedias), pero tamén haberá oco para o drama e para o camiño do medio, a dramedia, para o documental e o falso documental e para o thriller, a ciencia ficción, o romance, o músical ou o horror.
As 42 webseries finalistas proxectaranse nas tardes do xoves 5, do venres 6 e do sábado 7, no Auditorio da Casa de Cultura de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta ata completar aforamento.
Esta fin de semana remata o prazo para presentar propostas ao premio a proxectos de webserie en galego. Non hai ningún tipo de restrición de temática, de xénero ou de estilo, só deben ser creacións audiovisuais pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres). O galardón, que ten unha dotación económica de 1.500 euros, resolverase cun pitching en directo durante o festival e a serie resultante proxectarase na sexta edición do Interplay. Na edición 2016 o proxecto gañador foi Peter Brandon, producida por Porco Bravú, estreada o pasado ano no Festival, onde foi premiado o proxecto da comedia con pequenas tinturas dramáticas Hai vida en Bran, creada e protagonizada por Ángela Andrada, que se acompaña por un nutrido grupo de personaxes que rompen estereotipos. A serie poderá verse en abril no Carballo Interplay.