50 anos despois, Cabanillas ten por fin o seu epitafio en Bonaval

O epitafio na tumba de Ramón Cabanillas en Bonaval © Francisco Fernández Rei

"Quero na lousa que me de sosego esta palabra que ten ás: Poeta e esta palabra que ten luz: Gallego". Nas primeiras páxinas do seu poemario Vento Mareiro (1915) Ramón Cabanillas deixoulle á súa dona Eudosia a encomenda dun epitafio para aquel lugar no que repousase trala súa morte. Cabanillas finou en novembro de 1959, sendo soterrado primeiro no cemiterio de Fefiñáns (Cambados) e posteriormente trasladados os seus restos as Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, en Compostela, en 1967. En Cambados si foi colocado o epitafio (que aínda existe). Porén, en Bonaval non se realizou a inscrición.

Cabanillas conta por fin co epitafio que tanto desexaba e que distintas inciativas reclamaron nos últimos anos. A asociación cultural cambadesa Unha Grande Chea pediu no 2006 que en Bonaval se respectase a vontade do poeta. A finais do 2009 tamén a Xunta de Goberno do Concello de Cambados acordou pedirlle á Xunta de Galicia que dotase o sepulcro de Cabanillas “das melloras necesarias e acorde coa dignidade do defunto” e que esculpise o epitafio. Igualmente, o académico Francisco Fernández Rei denunciou esa ausencia en reunións do Padroado do Museo do Pobo Galego, en actos e en artigos de prensa.

Nas primeiras páxinas de Vento Mareiro, Ramón Cabanillas deixoulle á súa dona Eudosia a encomenda dun epitafio para aquel lugar no que repousase trala súa morte

Porén, todas estas demandas non acadaran resultado, en parte pola situación patrimonial na que se atopa o Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, despois de que unha sentenza xudicial lle concedese ao Arcebispado de Santiago a propiedade da igrexa de Bonaval. De feito, aínda que non lle correspondía esta función, o Museo do Pobo Galego tomou a responsabilidade de abrir e pechar o Panteón, de vixialo e de mantelo "pulcro e coa maior dignidade", como destaca Fernández Rei.

Este venres Aurora Vidal Cabanillas, “Pitusa Cabanillas”, neta do poeta, visitou por vez primeira a tumba do seu avó co epitafio desexado, nunha visita na que foi acompañada precisamente polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei. "Quero na lousa que me de sosego esta palabra que ten ás: Poeta e esta palabra que ten luz: Gallego", pódese ler pois na lousa que cobre os restos de Cabanillas, que descansan nunha caixa de zinc, a carón de Francisco Asorey e preto dos mausoleos de Rosalía de Castro e Alfredo Brañas.

 

Aurora Vidal Cabanillas e Francisco Fernández Rei Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.