O Museo do Gravado acolle a exposición Os homes, por Castelao na Colección de Roberto Taboada, que amosa por vez primeira as 68 pranchas de cinz orixinais utilizadas polo artista na creación destas estampas
O Museo do Gravado de Artes á Estampa Dixital de Ribeira acolle dende hai uns días a exposición Os homes, por Castelao na Colección de Roberto Taboada, unha mostra que recolle as 68 pranchas de cinz orixinais utilizadas polo artista rianxeiro na creación destas estampas, que primeiro se publicaron no xornal Galicia no ano 1925 e que posteriormente formaron parte de Cincuenta homes por dez reás, que saíu do prelo da Imprenta Nós en 1930.
Nestes gravados Castelao amosou o seu talento como ilustrador, recollendo diferentes tipoloxías masculinas do seu tempo, acompañadas de breves textos que amosan a súa habitual capacidade humorística e, ao tempo, unha evidente denuncia social. Pénsase que as pranchas foron realizadas nos propios talleres do xornal Galicia, que botara a andar en 1922, pero ficaron esquecidas ata que nos anos 90 do pasado século foron recuperadas por Roberto Taboada, propietario dunha das coleccións máis extensas sobre a obra de Castelao.

Primeiro publicáronse no xornal Galicia no ano 1925 e que formaron parte de Cincuenta homes por dez reás, que saíu do prelo da Imprenta Nós en 1930
Esta é a primeira vez que se poden ver estas pranchas, acompañadas da súa publicación final, ademais de textos explicativos. A iniciativa, ao igual que toda a actividade deste museo, amosa que tamén hai unha notable programación cultural fóra das cidades e que hai, igualmente, museos e exposicións de gran valor, que ben poden facer que paga unha pena unha visita a unha vila como Ribeira.
Aínda que se puideron ver en primeiro lugar nas páxinas do Galicia, foi a edición de Cincuenta homes por dez reás a que achegou o contexto definitivo aos gravados e deulles unidade
Aínda que se puideron ver en primeiro lugar nas páxinas do Galicia, foi a edición de Cincuenta homes por dez reás a que achegou o contexto definitivo aos gravados e deulles unidade. A obra saíu do prelo de Nós na Avenida de Linares Rivas da Coruña en xullo de 1930. Menos dun ano máis tarde, en maio de 1931, Nós editou a segunda edición, como destaca a páxina Os libros de Ánxel Casal. Cómpre salientar que este, xunto con O Mariscal, de Cabanillas e Antón Villar, e a Historia sintética de Galicia, de Ramón Villar, foron os únicos libros que tiveron unha segunda edición na editorial Nós.
Entre estes 50 arquetipos de homes e nos textos que os acompañan atopamos moito humor (O home que escribe á máquina as cartas de amor: Un burócrata; O home que ten independencia económica: Un esmoleiro...) e tamén denuncia social (O home que non sabe porqué a balanza é un símbolo da xusticia: Un ladrón; O home que calcula cantos fillos seus haberá na Inclusa: Un repugnante...).
Entre estes 50 arquetipos de homes e nos textos que os acompañan atopamos moito humor e tamén denuncia social ("O home que non sabe porqué a balanza é un símbolo da xusticia: Un ladrón")
No prólogo do libro Castelao explica que "o tíduo do libro é o precio do exemplar das dúas primeiras edicións. Dez reás eran cincuenta perraschicas. Un home por cinco céntimos. Non podía dárese unha maior democratización dun libro humorístico". E engade: “Y eu dou homes máis baratos ainda, coma quén dí regalados. E todos escollidos pola miña man. Cincoenta homes por dez reás. E qué homes!... Persoaxes de novela, todos eles.”