500 socias e socios para salvar o Museo do Pobo

Cartaz da campaña © Museo do Pobo Galego

Hai unhas semanas o Museo do Pobo Galego puxo en marcha unha campaña para acadar 500 novos socios e socias ao longo do vindeiro ano, antes de que remate o 2014. O obxectivo é reforzar a institución, que celebrou este ano o seu 37 aniversario, e asegurar un museo forte, independente e plural, un museo máis “noso”. 

O Padroado do Museo, consciente de que os socios e socias constitúen a súa base social, considera preciso “reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo”. Destacan, igualmente, que a importancia dos socios e socias vai máis aló da achega económica que realizan coas súas cotas, e lembran a non menos relevante función que cumpren de inserir o museo na sociedade galega, dándolle a vez pluralidade, independencia e fortaleza coma institución.

A rede de medios da Asociación de Medios en Galego quere poñer o seu grao de area e apoia a campaña cunha acción informativa conxunta

A Campaña de Ampliación de Socios inclúe unha flexibilización dos pagos, para facer máis doado o achegamento de novos socios e socias. Na actualidade o Museo está a habilitar unha ferramenta para a solicitude en liña; mentres tanto, o boletín de inscrición pódese descargar da páxina ou solicitalo ao correo electrónico socios@museodopobo.com. A rede de medios da Asociación de Medios en Galego quere poñer o seu grao de area e apoia a campaña cunha acción informativa conxunta.

Como destacaba nun artigo publicado hai unhas semanas en Praza Clodio González Pérez, "despois de 36 anos da inauguración das primeiras salas, o MPG é unha institución cultural de referencia dentro e fóra de Galicia, aberta a cantos intelectuais e curiosos desexan coñecer a nosa cultura tradicional e o pasado inmediato. Porque non é só o que se visita, o que está ao público, senón moito máis: os almacéns con miles de pezas catalogadas, a rica biblioteca (na que se custodian os importantes legados de Antonio Fraguas, Taboada Chivite, Familia Baltar, Rodríguez Fraiz, …), a hemeroteca, a cartoteca, o arquivo, a fonoteca...".

"Unha obra desta envergadura cultural, social e sen ánimo de lucro, unicamente é posible polo traballo constante, desinteresado e anónimo de moitas persoas"

Neste texto, engadía que "unha obra desta envergadura cultural, social e sen ánimo de lucro, unicamente é posible polo traballo constante, desinteresado e anónimo de moitas persoas, así como do altruísmo de cantos levan doado pezas, libros, documentos, gravacións, cadros…, poñéndoos a disposición de todos, agora e no futuro, para que se coñeza a cultura material e espiritual dos nosos avós, como querían os pioneiros do Seminario de Estudos Galegos, cando xa non forme parte da vida cotiá e non sexa máis que un afastado recordo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.