A Academia gaba o intenso "compromiso" co galego de María Victoria Moreno en tempos difíciles

Acto institucional da RAG co gallo do Día das Letras © RAG

A Real Academia Galega (RAG) gabou neste Día das Letras a súa homenaxeada, María Victoria Moreno, na cidade onde se asentou esta estremeña que "protagonizou unha auténtica proeza nun tempo e un espazo que esixía clara determinación". Así o dixo Xesús Alonso Montero, académico numerario, que destacou o "insólito compromiso cívico e literario" co galego e con Galicia dunha escritora e levar a cabo “un apostolado lingüístico que non tiña precedentes en Galicia” e polo que foi represaliada coa retirada do pasaporte. 

Alonso Montero destacou que Victoria Moreno "protagonizou unha auténtica proeza nun tempo e un espazo que esixía clara determinación"

Estas foron algunhas das frases que lle foron dedicadas a Moreno no acto central polo Día das Letras Galegas en Pontevedra. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, destacou dela a creación de obras “útiles no espallamento e descuberta dese mundo [o da fala] á xente nova”. “Ese é o desafío que temos hoxe [para a lingua], o das novas xeracións, e nel temos que traballar todos xuntos”, advertiu.

Para a académica Marilar Aleixandre, María Victoria Moreno "viuse obrigada a escoller entre pasar o ferro e escribir", unha situación que comparou coa situación do galego. "Malia estes atrancos, foi quen de elaborar unha obra narrativa e ensaística de gran calidade, e contribuír coa súa escrita e co seu compromiso á causa da lingua galega e á consolidación da literatura infantil e xuvenil", insistiu quen confía en que "cada vez sexan menos as mulleres que deban enfrontarse a eses dilemas" aos que se enfrontou a autora. 

Marilar Aleixandre aclara que a homenaxeada "contribuíu coa súa escrita e co seu compromiso á causa da lingua galega"

Ademais, a tamén académica Fina Casalderrey definiu a Moreno como "un vento da terra que, polo seu compromiso no vivir, adquire a nacionalidade galega en tempos nos que o vento non é precisamente brisa". Para ela, a palabra clave para definir a escritora homenaxeada sería "compromiso", en especial o que tivo coa lingua e co ensino, "sempre da man". “Este compromiso coa cultura e coa normalización da lingua abondaría para que, entre os elixidos das nosas Letras, figure, gravado a lume, o nome desta catedrática, mestra vocacional, cuxo maxisterio sementou tantas adhesións”, abondou.

"María Victoria Moreno é un vento da terra que, polo seu compromiso no vivir, adquire a nacionalidade galega en tempos nos que o vento non é precisamente brisa"

Xa por último, Alonso Montero destacou eses cursos de galego que impartía en distintas localidades e que "desconcertaron a policía política" e que “alporizaron moita xente ben pensante”. O atrevemento custoulle a retirada do pasaporte, pero coñecida é a súa resposta: “Ela seguiu a impartir cursos de lingua galega e disertando, en tribunas toleradas, sobre a obra de Rosalía, as páxinas de Cabanillas e os poemas galegos de García Lorca”. Un meritorio "apostolado lingüístico" que só foi unha das facetas destacadas dunha muller que tiña outro nome, o do "compromiso". 

Fina Casalderrey, no acto institucional da RAG © RAG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.