A adaptación á banda deseñada de 'Memorias dun neno labrego' xa está nas librarías

Portada da adaptación de 'Memorias dun neno labrego' á banda deseñada © Editorial Galaxia


A adaptación á banda deseñada de Memorias dun neno labrego chega esta semana ás librarías de toda Galicia. O clásico de Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015), publicado en 1961 e unha das novelas galegas máis reeditadas e traducidas, vira agora en historieta da man da moza Iria Aldegunde (Compostela, 2000), que compaxinou os seus estudos de Filoloxía Inglesa coa súa formación como historietista na escola profesional o Garaxe Hermético.

Xosé Neira Vilas © Santos Díez

O libro máis vendido e traducido da literatura galega vira agora en banda deseñada da man de Iria Aldegunde

A banda deseñada de Memorias dun neno labrego está publicada na colección Novela Gráfica, de Galaxia, e está debuxada "con sentimento e bo pulso narrativo, mestría e sensibilidade" por Iria Aldegunde, segundo conta a editorial. 

"Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre'. Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica", lembra a editorial, que explica como Aldegunde "pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas". 

Memorias dun neno labrego, publicada na Arxentina en 1961 e cuxa primeira edición en Galicia data de 1968, é a obra máis editada da literatura galega, con máis de 700.000 exemplares vendidos, e tamén a máis traducida, tendo versión en inglés, vasco, catalán, castelán, portugués, asturiano, alemán ou mesmo esperanto. 

Agora, este clásico da literatura galega chega á banda deseñada da man dunha das alumnas d'O Garaxe Hermético, a primeira escola de banda deseñada de Galicia, posta en marcha polo historietista e ilustrador Kiko da Silva en Pontevedra hai doce anos. Unha iniciativa á que Vinte lle dedicou unha reportaxe

Portada e algunha das páxinas da adaptación de 'Memorias dun neno labrego' á banda deseñada © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.