Xosé Neira Vilas: a memoria dos “ninguén”

Xosé Neira Vilas © Santos Díez

"Eu só quería contar o que pasaba na aldea, fronte á visión idílica, bucólica e humorística que había". Sen máis. Así respondía Neira Vilas cando lle preguntaban por Memorias dun neno labrego e pola feliz excepción na nosa literatura que supoñen os seus 600.000 exemplares vendidos. Sobrábanlle as teorizacións. Só quixera -salientaba nas entrevistas- dicir a verdade. Fronte á visión chocalleira e folclórica do rural. Escoitalo a el, na súa casa de Gres, (Vila de Cruces), era, tamén, por momentos, como ouvir o seu personaxe, Balbino, décadas despois. “Coma quen dis, un ninguén”. Un “ninguén” que falou por todos os outros ninguén, que somos nós. Non só os rapaces de aldea. Anos despois, nos 70, chamáronlle literatura social-realista. Denuncia da opresión dos subalternos. Pero el xa o fixera. Coma Blanco-Amor, a quen citaba como referente. E non precisaba etiquetas.

Aínda que os letreiros, os debates sobre onde encaixalo nunha historia literaria en permanente (de)construción, son o de menos, se cadra. Do que ninguén dubida é de que houbo un antes e un despois de Memorias. E non só iso. Porque Neira Vilas non era, non é, só Balbino e as outras dúas obras do alcumado ciclo do neno: Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho. Neira Vilas era, -é-, tamén Xente no rodicio, -outra vez, a procura da verdade, mesmo que doia, mais desta volta do contexto urbano-, ou Querido Tomás. Ou Remuíño de sombras, novela coral de estrutura fragmentaria que expande a riqueza narrativa da súa obra.

Tamén é a LIX, que inaugurara, dalgunha maneira, con Balbino. Á que deu títulos como Espantallo amigo, O cabaliño de buxo ou A marela Taravela. Ou poesía: Dende lonxe ou Poesía recadada, entre outros. E moito, moito, ensaio. Ninguén sabía máis ca el da prensa da emigración en Cuba. E de tantas outras cousas. E non é de estrañar. Porque dedicou toda a súa vida a investigar e a escribir. A descubrir. Outra vez, a mesma teima: contar a verdade. Dese xeito que o ensaio e o xornalismo de hoxe refugaron, e que para el e os autores da súa xeración era como unha garantía de achegarse á obxectividade, aínda que esta sexa utopía: os datos. O detalle. A concisión. A mesma que desprega en Lar, Pan, Nai, recentemente editados.

Nunca cansaba. O seu ritmo de produción era difícil xa non de superar, senón de igualar, malia a súa idade. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre

Nunca cansaba. O seu ritmo de produción era difícil xa non de superar, senón de igualar, malia a súa idade. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre. Acompañalo, na Fundación que leva o seu nome, era unha viaxe polo tempo. Pola memoria. Da infancia en Gres á emigración a Buenos Aires, onde el mesmo dicía que descubrira a súa identidade galega, como sinala en Memoria da emigración. “Comecei a ter conciencia de Galicia, do seu idioma, da súa historia… en Arxentina. Aos seus meses de estar alí escribíame coa familia en galego. Os membros das Mocedades Galeguistas tiñamos moi presente a Castelao, pero non só a el. O meu activismo pola cultura galega comezou en Bos Aires e ata hoxe…”, explicaba nunha entrevista recente en Praza.

Nos encontros da Biblioteca do Centro Galego de Buenos Aires os mozos das que despois serían as Mocedades Galeguistas tiñan os mellores mestres. Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor… “Despois participei en moitas iniciativas para difundir o libro galego: fundamos a editorial Follas Novas, fixemos exposicións por América…”, contaba en Praza. E América foi Arxentina, -a partir do 49- e foi Cuba -desde o 61-. E máis furar na memoria. “Traballei durante 22 anos na sección galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba. E sen cobrar. Levaba o meu traballo ao día, e ademais dirixía a sección galega. Hoxe queda o Fondo Gallego, que é o maior fondo bibliográfico sobre a emigración galega en América”, dicía Neira Vilas. Mais non só houbo libros. Contouno el mesmo en Días de Cuba. Como parte activa, que foi, da primeira época da revolución.

O que vivimos entón foi un estado de emoción colectiva: o pobo podía gobernar, era unha realidade. Todos colaborabamos. Todo o mundo era solidario. Faciamos traballo voluntario... Eu estudara xornalismo en Arxentina, pero seguín o consello de Blanco Amor de non converter a miña vocación nunha profesión. Durante moitos anos traballei na industria, ata que comecei a traballar en Zunzún, unha revista literaria para nenos. Zunzún era unha revista moi importante. Tirabamos 250.000 exemplares”, lembraba, orgulloso.

E contestaba discursos baseados no prexuízo. “Son os norteamericanos os que dominan a propaganda, os medios de comunicación do mundo. E tentan desacreditar a Fidel Castro e ao Che. Eu coñecín aos dous e o que vin neles foi cualidades humanas. O Che díxolle a unha señora que el era irmán de a quen lle doese unha labazada que lle desen a outra persoa en calquera parte do mundo. Métodos de alfabetización de adultos que se utilizaron en Cuba están a empregarse agora en España... Iso foi o que construíron Fidel e o Che, coa filosofía de José Martí…”, apuntaba nesa mesma conversa.

Os recoñecementos. Poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade. Tivo -case- todos os premios.

Mais Neira Vilas estivo, como di outro dos seus libros, Vinte anos retornando. En viaxes de ida e volta, ata a definitiva, a primeiros dos anos 90: o regreso a Gres coa súa compañeira, Anisia Miranda. A Fundación Neira Vilas. Os múltiples proxectos culturais. Os recoñecementos. Poucas figuras, coma el, erguen tal unanimidade. Tivo -case- todos os premios. Tamén os das mans ás que tivo que achegarse á volta da emigración. Desde un credo oposto. Fóronlle outorgadas as medallas Castelao. O Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. É Premio da Crítica Española e Premio da Crítica Galega. Premio Laxeiro e Trasalba. Mais é, sobre todo, dos “ninguén”. Da humildade. Do que representaba a voz de Balbino. Da procura da verdade. E da xustiza. 

Xosé Neira Vilas © Santos Díez

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.