A arte chega ao furancho

Imaxe do Furancho Dominio Público Praza Pública

Arte no galpón. No antigo galiñeiro, transmutado en cubo branco que nace da terra. Nun remolque no medio da floresta. Arte pendurada das árbores, en diálogo co paso do tempo. Pouco glamour, mais moitas ideas. Moita vontade de facer cousas, de ofrecer aos artistas un espazo intermedio entre os grandes contedores institucionais e as galerías. Así pode definirse FAC Peregrina, o Furancho da Arte Contemporánea que acolle a parroquia compostelá da Peregrina.

Propagábase pola cidade, xa desde hai un tempo, o ruxe-ruxe sobre este proxecto, impulsado por Olmo Blanco, Ania González e Diego Vites. A inauguración chegou, finalmente, cunha exposición arredor dos últimos cinco anos de traballo de Mauro Trastoy. “E se todo é posible, por que falta?”, di este artista a través do verso de Estevo Creus nunha das imaxes da súa mostra. Palabras que poderían ser unha boa metáfora da iniciativa do FAC.

“E se todo é posible, por que falta?”, di este artista a través do verso de Estevo Creus nunha das imaxes da súa mostra. Palabras que poderían ser unha boa metáfora da iniciativa do FAC

Porque FAC é acción, desde a autoxestión. Toma de posición. Adaptación ás circunstancias ou, máis ben, arela de transcendelas. As condicións nas que vivimos han de ser as condicións nas que produzamos, sinala a web deste furancho que, ao xeito dos galpóns habilitados para vender o viño que sobrepasaba as necesidades de subsistencia da casa, propón unha saída para os excedentes de arte. Para aqueles traballos que non teñen onde darse a coñecer. 

“Isto non é como o CGAC, non temos un edificio de Siza nin de Calatrava. Temos un galpón, que non é glamouroso. Pero é que as condicións nas que traballan os artistas tampouco son, na realidade, glamourosas"

“É un espazo privado, que estivo tempo abandonado. Antes de converterse no FAC acolleu o Episodio piloto, outro proxecto que consistía en residencias de verán para artistas”, explica Olmo Blanco. “Isto non é como o CGAC, non temos un edificio de Siza nin de Calatrava. Temos un galpón, que non é glamouroso. Pero é que as condicións nas que traballan os artistas tampouco son, na realidade, glamourosas. Hai un descontento co actual desenvolvemento do sector profesional das artes: hai moita xente que non cabida nos espazos expositivos, ou non lle apetece traballar neles”, engade.

E FAC tentará ofrecer, dentro das súas posibilidades, unha alternativa cunha programación organizada segundo tres formatos distintos. FAC Producións acollerá obras de produción propia do equipo creador do proxecto. FAC Convidadxs dedicarase a traballos doutros artistas ou colectivos. E FAC Express reservarase para montaxes de curta duración, para atender a urxencias de espazo ou necesidades de presentación de propostas novas. Sen o atranco dos trámites burocráticos. As persoas interesadas poden enviar unha pequena sinopse do seu proxecto a facperegrina@gmail.com.

O Furancho de Arte Contemporánea ten arquitectura de galpón, con teito de uralita. O espazo expositivo máis grande serviu durante anos de garaxe, que os membros de FAC limparon e pintaron, dotándoo ademais de instalación eléctrica. Anexo a este lugar central atópase o que foi o galiñeiro, transformado “trasladando á terra a filosofía do cubo branco”, explica Ania González. Paredes brancas que contrastan coa terra escura. Fóra, camiñando uns metros cara ao bosque, atópase un remolque que complementa toda a estrutura anterior. Aínda que un dos elementos máis característicos do FAC é o mural da porta de entrada, obra de Joseba Muruzábal, que reinterpreta unha fotografía dos avós de Olmo.

O Furancho albergará outras actividades, como concertos de pequeno formato ou debates sobre propostas artísticas

Á marxe da programación central -FAC abrirá ao público os venres-, o Furancho albergará outras actividades, como concertos de pequeno formato ou debates sobre propostas artísticas. “É certo que nos falan de posibles referentes como as antigas fábricas de Berlín reconvertidas en lugar expositivo. Pero o noso é, sobre todo, un proxecto moi contextualizado no rural”, salienta Olmo. “O que lles damos aos artistas é o espazo e apoio técnico: a montaxe.... Un dos eixes da nosa filosofía é construír un espazo non mediado por intereses alleos ao traballo de creación artística. Estamos ademais en contacto con outros proxectos semellantes, e pensamos en establecer algún tipo de circuíto a través da colaboración entre nós”, engade Ania. 

 

Mauro Trastoy presentou no FAC a súa exposición 1+1+1, escolma do seu traballo dos últimos cinco anos

1+1+1

Mauro Trastoy presentou no FAC a súa exposición 1+1+1, escolma do seu traballo dos últimos cinco anos. “Quería ver como se relacionaban entre si as obras fóra do taller, onde as tiña. O que fixen nos últimos anos ten que ver con algo que di Douglas R. Hofstadter en  Gödel, Escher, Bach. Un eterno e grácil bucle: se alguén oprime o 1 dunha máquina sumadora, e repite a operación, e a segue repetido sen cesar durante horas e horas, a máquina non aprenderá xamáis a anticiparse ao operador sumando un novo 1 por si mesma, a pesar de que calquera persoa asimilaría moi rápidamente o comportamento repetitivo. Xurde daquela a emoción do infinito”.

Un xesto que se repite, ata conformar unha estrutura. Como medir, cortar, atar... un material que pode ser corda, arame, madeira, cinta, papel... O artista fixa unhas pautas de acción, unha norma, como por exemplo unhas determinadas medidas que debe ter un cubo. Mais despois o proceso é interrompido, por falta de tempo, cansanzo, por alternancia con outros traballos... “O azar ponme nervioso, sempre sinto a necesidade de telo todo hipercontrolado... Pero o resultado xorde sempre da tensión entre o azar e a norma, a planificación”, apunta Trastoy.

“O azar ponme nervioso, sempre sinto a necesidade de telo todo hipercontrolado... Pero o resultado xorde sempre da tensión entre o azar e a norma, a planificación”

Comeza a mostra cunha peza composta de láminas de madeira, empatadas e pintadas de branco. O tratamento dálle un aspecto metálico, que contrasta coa herba sobre a que está pousada. Porque a integración coa natureza foi unha das preocupacións do artista. De feito, outra das obras situadas no exterior, -nós de corda que abrazan unha póla-, parece parte da árbore. Un pouco máis adiante, unha cadea feita de papel de aluminio pendura doutra póla.

No galpón pódense ver algunhas das pezas máis coñecidas do artista. Como o cadro para peitear, que estivo non hai moito exposto no Auditorio de Galicia. Fíos de cánamo colgan dun soporte rectangular. Cada un emerxe dun punto. “Neste caso, o xesto foi pasar o cánamo para cada fío e atalo atrás. E ese xesto repetido moitas veces é o que constrúe un cadro. Un cadro cunha función, que é a de peitear”, apunta o artista. Outra das pezas, en arame, repite unha mesma forma cuadrangular que despois se ondula.

Sobre un canto do chan disponse un triángulo de cubos de madeira, todos das mesmas dimensións. Na parede, anacos de cinta debuxan unha rede, metáfora de internet. Nun dos laterais a cinta está despegada. “Interésame que as obras se vaian transformando co tempo”, indica Trastoy. A peza dos nós de cánamo está na póla da árbore desde hai máis dun ano, de xeito que foi mudando de cor e endurecéndose co efecto da choiva ou da temperatura. No teito colga outra obra, de cadrados de cinta isolante unidos e repetidos ata o infinito. Noutro canto, os nós rodean, esta vez, unha póla seca. Mais unha das pezas máis interesantes é, sen dúbida, a do antigo galiñeiro. Formas brancas que serpean sobre o chan de terra. “Coloco as obras de distintas maneiras en función do espazo. Con esta fixen noutra ocasión un vídeo...”. Fóra, no remolque, poden verse imaxes doutras pezas de Trastoy.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Mauro Trastoy Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.