Entre o 22 e 28 de xullo chega a Ordes, a 6ª edición de DesOrdes Creativas, o Festival Internacional de Arte na Rúa. É unha iniciativa independente, autoxestionada e sen ánimo de lucro, desenvolvida pola Asociación Cultural Cultivarte e o estudio creativo Mutante.
"A idea xorde dun xeito natural. Nun principio o Desordes Creativas era unha xuntaza de amigos entorno ó graffiti e arte urbana en xeral coincidindo co festival Brincadeira", afirma Mou, un dos organizadores. Actúa como unha ferramenta de “diálogo social e rexeneración urbana constante”, transforma espazos deteriorados en lugares “cheos de vida e cor”. O festival converte Ordes, “outra vila infectada ata as trancas polo virus do famoso feísmo, nun gran museo a ceo aberto”. O festival atrae ao Concello viaxeiros de todo o mundo, amantes da cultura urbana que se citan nesta vila para homenaxear e disfrutar desta arte. "Os maiores impedimentos foron a desconfianza veciñal, que agora está totalmente extinguida salvo casos illados, e o pouco apoio loxístico de institucións e patrocinadores. Isto foi mellorando cos anos ao ver os beneficios para a vila e a sociedade en xeral", afirma Mou.
Transforma espazos deteriorados en lugares “cheos de vida e cor”
Ao longo dos cinco anos anteriores pasaron por esta cita máis de 40 artistas, algúns figuras importantes na escena internacional no mundo da arte urbana e o muralismo, os italianos Blu e EricailCane, Liqen de Vigo ou o francés 3TTMan entre outros. Nesta edición estarán, ademais de varios artistas galegos, outros tantos estatais e internacionais. Mr. Thoms, dende Roma, Escif, dende Valencia, Zosen de Barcelona, o madrileño E1000Ink ou o galego Isaac Cordal son algúns dos 13 participantes que realizarán intervencións artísticas por todo o casco urbano da vila e con algúns murais de gran formato, en edificios de varias plantas, como nas anteriores edicións.
Ao longo destes anos pasaron por esta cita máis de 40 artistas, algúns importantes na escea internacional no mundo da arte urbana e o muralismo
Durante o festival tamén realizarán un ciclo de curtametraxes e pezas documentais sobre a arte que se faga na rúa “queremos aportar outro punto de vista co que espandir a perspectiva cara este contexto artístico”. As proxeccións terán lugar os días 25, 26 e 27 de xullo de 19:00 a 21:00 h no auditorio da Casa da Cultura de Ordes con entrada totalmente gratuíta. Como remate das actividades do festival, a noite do sábado 27 de xullo celebrarase un concerto de clausura no Matadeiro de Ordes coas actuacións de Leo i Arremecághona, A MagnifiqueBand dos Homes Sen Medo e Suphacan Selector, con entrada tamén gratuíta.
Este é o primeiro ano que a organización do festival puxo en marcha un proxecto de crowdfunding xa que a colaboración do Concello de Ordes non é suficiente "este ano é a primeira vez que puxemos en práctica o Crowdfunding, pois os recortes afecta a tódolos ámbitos e como non, ós culturais", afirma Mou. A financiación colectiva acadou o éxito pretendido ao conseguir recaudar 3.000 euros, parte do diñeiro necesario para sufragar parte dos gastos. "Estamos moi satisfeitos de ver como a veciñanza e xente de todo o mundo apoiaron a nosa proposta, é unha experiencia enriquecedora que te enche de enerxía para seguir loitando polo que cres que é necesario".
"É un proxecto de rehabilitación do espacio urbano mediante a arte e de encontro para o diálogo social"
"Cremos firmemente que o proxecto desenvolve unha laboura social moi necesaria e productiva, por iso pedimos o apoio da sociedade civil para que entre todos poidamos seguir facendo disto algo máis e máis grande, máis e máis efectivo e influínte", afirman os organizadores, "un proxecto de rehabilitación do espazo urbano mediante a arte e de encontro para o diálogo social".