Nace en Compostela a Asociación Roberto Vidal Bolaño, co obxectivo de promover a figura e a obra do autor dez anos despois da súa desaparición. O colectivo, que formaliza a súa inscrición como asociación cultural despois de postular con éxito o dramaturgo compostelán para a conmemoración do Día das Letras Galegas, está integrado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco.
Baixo a denominación de RVB 2013, a asociación proponse impulsar un programa de actividades nas que o teatro sexa protagonista fundamental, nas que se evidencie o valor literario da obra do dramaturgo e nas que se dean a coñecer os seus aspectos menos divulgados. Outro dos obxectivos que se propón esta asociación é realizar labores de orientación ou asesoría sobre a obra e a figura do escritor, fornecer de materiais para o ensino e canalizar as necesidades que poidan ter colectivos e particulares arredor de RVB, en especial no sector da educación. Tamén é intención da asociación realizar un labor de coordinación entre entidades organizadoras de actividades para evitar duplicidades nas celebracións.
Para todo isto, a Asociación Roberto Vidal Bolaño traballa xa na confección da web www.robertovidalbolano.org, que se presentará xunto coa propia asociación no Culturgal o domingo 2 de decembro ás 18h. Mentres, a asociación anima ás persoas e colectivos que queiran achegarse á figura do dramaturgo a contactar con eles a través da dirección de correo-e: info@robertovidalbolano.org