A ATESAD pide que as axudas para as artes escénicas se centren na distribución

Imaxe da asemblea celebrada este sábado pola noite no Salón Teatro Dominio Público Monica de Nut

A Asociación de Titulado/as en Estudos Superiores de Arte Dramática denuncia que o orzamento destinado ás Artes Escénicas pola Xunta de Galicia para o 2013 é "de todo insuficiente". 550.000 euros supoñen unha contracción do 47% no presuposto, un retroceso que leva "á destrución directa de postos de traballo dos profesionais das artes escénicas, ao peche de industrias culturais, ao empobrecemento na oferta de ocio e cultura dos concellos de Galicia, á recesión económica do sector servizos asociado á actividade cultural das cidades, e a unha menor recadación de impostos por parte da administración".

A ATESAD cualifica que "indigna" a situación que atravesou a AGADIC dende o mes de outubro até este xoves, cando foi nomeada a nova dirección. A Asociación dálle "a benvida" a Jacobo Sutil e aprémiao a "recuperar a actividade catalizadora do sector escénico que a axencia viña supoñendo". Engade a súa "sorpresa" pola decisión de "non escoller un perfil máis achegado ao sector, dado que as circunstancias requiren dun profundo coñecemento das dinámicas culturais e ampla experiencia na resolución de políticas culturais".

"As axudas deberan ir destinadas a acompañar ás empresas e profesionais nun proceso de emancipación da administración pública. Non deberan converterse pois nun fin en si mesmas"

A Asociación tamén considera que "cómpre convocar con urxencia as axudas ao sector escénico e aumentar a súa dotación económica" e lembra que "as directrices europeas consideran ao sector cultural unha peza clave na recuperación da crise económica, e así o demostra o plan Europa Creativa 2014-2020". Sinala que "é necesaria unha revisión profunda destas axudas para que cumpran o seu obxectivo de catalizadoras da industria cultural" e que "as axudas deberan ir destinadas a acompañar ás empresas e profesionais nun proceso de emancipación da administración pública. Non deberan converterse pois nun fin en si mesmas". A Atesad defende "un redireccionamento das subvencións cara a distribución".

Afirma igualmente que é necesario "un reforzo orzamentario no Centro Dramático Galego para atender ás súas finalidades" pois o CDG "debe ser o escaparate da creación teatral do noso país e debera poder producir espectáculos que ás compañías privadas lles sexa inviable facer; é dicir, con elencos amplos e criterios non comerciais". 

A Atesad esixe "o libre acceso dos creadores e creadoras galegas aos espazos de exhibición costeados cos impostos dos cidadáns"

Finalmente ante unha nova política de sostenibilidade emprendida por algúns concellos de Galicia que leva aos xestores culturais dos mesmos a establecer taxas para o uso dos auditorios e escenarios públicos, a Atesad esixe "o libre acceso dos creadores e creadoras galegas aos espazos de exhibición costeados cos impostos dos cidadáns". Afirma que estas taxas situan as pemes culturais galegas en inferioridade de condicións de acceso fronte ás grandes
produtoras culturais que veñen facer xira en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.