A BD galega que vén

Palestina © Rinoceronte Editora

Foi 2013 un bo ano para a edición de BD en galego? Hai unhas semanas a Asociación Cultural Tebeosfera facía público un informe denominado “La industria de la historieta en España en 2013”, que facía balance do ano pasado no que a edición de banda deseñada atinxe. Segundo este texto, en 2013 publicáronse un total de 20 títulos en lingua galega, unha cifra que pode parecer modesta pero que supón un incremento notable con respecto ao ano precedente, no que se publicaran só 13 títulos. Podemos dicir, xa que logo, que 2013 foi un ano de expansión para a BD en galego, mais as opinións que chegan do sector editorial convidan a sermos prudentes nas valoracións.

Un primeiro dato, dos 20 títulos que contabiliza Tebeosfera, cinco correspóndense cos números 0 a 4 da revista Oink!, que veu interrompida recentemente a súa andaina ao demostrase inviable economicamente. O posterior fracaso do seu intento de crowdfunding deixa o proxecto nunha calella sen saída, malia que na empresa editora Agalip recoñecen que están a procurar novas vías de supervivencia para a cabeceira. “As impresións sobre o sector da banda deseñada na nosa terra non son moi positivas”, di Marcos Ferreira, “non por falta de talento e profesionais, senón máis ben pola conxuntura económica e a falta de concienciación dun público lector e da administración para apoiar un sector que podería ser potenciado internacionalmente”.

Manel Cráneo, responsable de Demo Editorial, coincide nas posibilidades de proxección internacional da BD galega. “Podemos presumir de ser un trampolín para autores como Miguel Fernández ou Manolo López Poy, aos que axudamos a poñer o primeiro pé no mercado español e agora están entrando no mercado europeo. Gustaríanos consolidarnos como exportadores, comprobamos que é máis fácil mercar fóra que vender, pero sabemos que é tan só cuestión de tempo e esforzo”. Demo aposta de forma decidida pola produción autóctona, “a filosofía da editorial é potenciar a creación, os autores propios que queren manter o panorama de bd galega vivo”, di Cráneo. Sen embargo, o seu proxecto editorial debe sobrepoñerse á inexistencia dunha auténtica industria arredor da BD e ao reducido número de lectores potenciais. Un dato significativo, 2013 foi o ano no que Demo publicou máis títulos e tamén o ano en que menos facturou. Pese a todo, Cráneo afronta o futuro con optimismo: “non temos interese no modelo actual de mercado, estamos seguros de que a supervivencia do proxecto non vai depender dos factores externos senón do enfoque interno”. Ademais do cuarto volume da colección biográfica sobre Castelao e algunha outra novidade dentro da liña de aventuras e xénero histórico ambientadas en Galicia, Cráneo anuncia un proxecto singular, Destino Hërgüss, unha novela gráfica ambientada no Planeta Mincha que incluirá unha BSO feita por min en exclusiva para o cómic, unha fórmula sen precedentes na BD galega”.

En 2013 Rinoceronte Editora publicou dous títulos de Joe Sacco, Palestina e Gorazde, zona segura. Malia que as vendas de ambas obras foron discretas, a aposta da editora canguesa confía no medio prazo, xa que títulos como Persépole ou Contrato con Deus, publicados en anos precedentes, manteñen un ritmo de vendas constante. Sen ningún novo título confirmado para 2014, Anxa Correa sinala que a liña de Novela Gráfica non está pechada e que se están a valorar opcións para o futuro.

Decididamente favorable é o balance que chega de Xerais, que protagonizou un dos acontecementos editoriais do ano pasado coa publicación en galego do novo álbum de Astérix. “Xerais fai un balance moi positivo da publicación de Astérix e os pictos”, di Manuel Bragado, “tanto no que atinxe á recepción da crítica e do lectorado coma nas vendas, o que nos anima a seguir coa recuperación da serie”. Bragado anuncia que no segundo semestre de 2014 aparecerán dous novos títulos da serie Astérix inéditos en galego, ao tempo que dá por segura a publicación de dúas obras de produción propia, Dragoneta, terceiro libro da serie Marcopola de Jacobo Fernández Serrano, e Animalia de Xosé Tomás.

Pola súa banda, a editorial El Patito amósase optimista respecto da evolución do mercado da BD en galego nos últimos tempos. “Existe un público que merca cómic en galego e que vai crecendo”, di Gemma Sesar. “Próbao o Ardalén de Miguelanxo Prado, que xa vai pola segunda edición en galego e neste momento vendeu xa máis de 3.000 exemplares”. Dende El Patito entenden que unha das claves deste incremento é chegar a lectores non habituais de banda deseñada, para o que resulta imprescindible a presenza do cómic nas librerías xeneralistas. “Moitos dos nosos lectores descobren por primeira vez en galego libros dos que nós facemos traducións, como Engurras ou 36-39 Malos Tempos, que xa levan tempo no mercado español”. El Patito xa anunciou a publicación no mes de abril de Cidade de Cristal de Paul Karasik e David Mazzuchelli, na primavera aparecerá a segunda parte de Vida de Nai de Gemma Sesar e Ramón Marcos, e cara o verán verá a luz o novo libro de Miguelanxo Prado, Presas fáciles.

Gorazde, zona segura © Rinoceronte Editora
'Operario' © Demo Editorial
Asterix e os pictos © Xerais
Ardalén © El Patito Editorial
'Planeta Mincha', de Manuel Cráneo © Demo Editorial

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.