Un dos elementos que mellor caracteriza a ideoloxía dos integrantes da chamada Xeración Nós é o seu marcado europeísmo, que fixeron explícito os seus integrantes nas súas obras, textos xornalísticos e discursos públicos. Non é extraño, polo tanto, que unha parte da actividade da Asociación proCentenario Nós 2020 se centre na reivindicación de que Ourense, cerne de Nós, sexa declarada Capital Europea da Cultura nese ano 2020 no que farán cen anos do primeiro número da revista e do inicio desa fértil xeración para a cultura galega.
Dende a Asociación espérase que nesta primeira semana de xullo se poida asinar un acordo institucional e cívico a prol de Ourense e a rede Nós de cidades literarias de Galicia como candidatura a Capital Europea da Cultural 2020
A Asociación, que se constituíu en 2011 na cidade das Burgas, ten como obxectivo o estudo crítico e a difusión social da importacia das obras e impacto histórico da Xeración Nós e da propia revista que lle deu nome, todo co horizonte temporal do ano 2020, no que se prevé a celebración dun amplo programa de actividades e, nomeadamente, dun Congreso universal da Cultura Galega.
Ademais, nos últimos meses comezou os traballos para conformar unha Comisión Ourensá Pro Candidatura Nós á Capitalidade Europea, para a que procuran tanto o apoio institucional de Concello e Deputación, coma o da sociedade civil ourensá, asociacións e colectivos e do mundo da cultura. Dende a Asociación espérase que nesta primeira semana de xullo se poida asinar un acordo institucional e cívico a prol de Ourense e a rede Nós de cidades literarias de Galicia como candidatura a Capital Europea da Cultural 2020. A propia Asociación, nas súas bases, fíxase como obxectivo, a a "internacionalización e exportación peninsular e europea" do legado da Xeración Nós e fai fincapé en que se asenta "nos ideais da revista Nós, enxerto de tradición e modernidade, de ideario galeguizador e universalista".
A Asociación, presidida por Camilo Fernández Valdehorras, está formada por entidades culturais ligadas á cidade (Auriense, Esmorga, Fundación Castelao, Fundación Lousada Diéguez, Fundación Otero Pedrayo, Fundación Penzol, Fundación Vicente Risco, Cine Clube Padre Feijoo, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo Etnolóxico de Ribadavia...) e outras asentadas fóra, coma o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega ou a Editorial Galaxia, pero nas que a pegada de Nós é indiscutible. A entidade naceu "baixo a dobre divisa 'Por unha Galicia pangaleguista. Por unha sociedade de lectores' e 'Ser existentes é ser diferentes: contra a indiferencia, a prol da diferencia'".