“Unha última oportunidade”. Así definía Ernesto Chao, hai un ano no finado Xornal.com, a obra Unha hora na vida de Stefan Zweig, a derradeira produción de Lagarta Lagarta. O intento por seguir adiante en plena crise atroz quedou niso: nun intento. A compañía, encabezada por Chao e Rosa Álvarez, desistiu e decidiu botar o peche neste 2012. As circunstancias económicas, o modelo de axudas teatrais e a gran proliferación de compañías provocan a desaparición dunha compañía consolidada, que fora fundada en 2001. “É imposible aguantar. E se aguantas, aguantas de mal xeito. Prefiro pechar, con moita pena, pero prefiro pechar”, recoñece o propio Ernesto Chao.
Hai exactamente un ano comezaron os ensaios de Unha hora na vida de Stefan Zweig, adaptación da obra de Antonio Tabarés. Na montaxe, Chao dáballe vida ao escritor alemán que se acabaría suicidando xunto a súa segunda esposa, Lotte Altmann, interpretada na peza por Belén Constenla. O matrimonio, vencido e desarmado, rendíase ante a evidencia de que o mundo, devorado polo nazismo e a guerra, xa non pagaba a pena. A adaptación, dirixida por Rosa Álvarez, retrataba os últimos minutos do escritor e a súa muller antes de fuxir pola propia man de tanta ruindade. Eses últimos minutos, imaxinados por Tabarés ao xeito de epílogo, acabaron por se converter tamén na despedida de Lagarta Lagarta. Un último intento, unha derradeira oportunidade que rematou coa baixada definitiva do pano. “Era unha morte anunciada”, ironiza Ernesto Chao.
Esa “morte anunciada” converteuse en coma hai dous meses, cando Lagarta Lagarta deixou de ofrecer este derradeiro espectáculo, e culminará a finais de ano no momento en que se liquiden as contas da empresa. “Agora mesmo somos unha compañía sen actividade, xa nin ofrecemos a montaxe para este segundo semestre. Estamos esperando a final de ano para poder pechar empresarialmente Lagarta Lagarta”, admite Ernesto Chao.
“Demasiadas compañías para un país tan pequeno”
A decisión foi, segundo Chao, moi “meditada” e tivo, como pano de fondo, a famosa crise “Temos a crise, que está provocando que moitos concellos xa non estean no circuíto de contratación e os que están só queren espectáculos moi baratos. Non se pode facer unha montaxe pola que vai cobrar 1.000 euros, iso non che dá nin para pagar o transporte”, explica o intérprete, que foi o presidente de Escena Galega até xullo do ano pasado.
Máis alá da crise, outros factores influíron no peche. “O propio mercado”, asegura Ernesto Chao, quen critica “a excesiva proliferación” de compañías. “Somos demasiadas compañías para un país tan pequeno. Non hai sitio para todos. Moitos actores fomos creando compañías para facer espectáculos e non hai sitio. Sinceramente, deberían quedar seis ou sete en vez de cen. Non hai sitio”, insiste Chao.
“Non somos industria”
“Pasamos un lote de anos loitando por un convenio. E agora polas circunstancias, moitos non o cumpren. Non se paga os actores o que está establecido, hai moita competencia desleal”
Para Ernesto Chao, o sector teatral sofre un forte deterioro dende hai anos e as circunstancias agraváronse coa crise, que dificulta considerablemente o cumprimento duns mínimos profesionais. “Pasamos un lote de anos loitando por un convenio. E agora polas circunstancias, moitos non o cumpren. Non se paga os actores o que está establecido, hai moita competencia desleal”, denuncia o intérprete, quen chegou a dirixir o Centro Dramático Galego nos anos 1986 e 1987.
Dende o seu punto de vista, a situación vénse agravando dende a aparición da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). “Coa aparición da Agadic meteuse a idea de que somos industria. E non o somos, somos pequenas empresas, máis nada. Aquí non hai industria. Que o teatro sexa unha industria é unha gran mentira”, sentencia ás claras.
E en relación a Agadic, Ernesto Chao tamén apunta a outro elemento esencial para o peche da compañía e para o afogamento que está a sufrir o teatro galego: as subvencións. “É inaguantable que tarden en pagar por un espectáculo subvencionado máis dun ano. Resulta insufrible. Débenche os cartos e ti tes que pagar o IVE, os salarios, o transporte, etc”, explica Ernesto Chao, repetindo unha das máximas preocupacións dun sector que chegou a ocupar a sede da Agadic a comezos de 2011 para esixir unha solución inmediata aos atrasos nos pagamentos.
Unha década de traballo
“É inaguantable que tarden en pagar por un espectáculo subvencionado máis dun ano. Resulta insufrible. Débenche os cartos e ti tes que pagar o IVE, os salarios, o transporte, etc”
Dende 2001 Lagarta Lagarta foi medrando e vivindo grandes momentos sobre o escenario. “Dános moita pena pechala, tivemos recoñecemento, tivemos boas críticas, público e premios”, explica Chao. Para a memoria fican montaxes teatrais como Aeroplanos (2008), na que Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira Pico interpretaban a dous amigos que encaran o tramo final das súas vidas. Esa obra converteuse nun dos seus grandes fitos da compañía. “Conseguiramos facer 75 funcións en toda Galicia, todo un éxito”, lembra Chao. “Os anos d'As últimas lúas, Aeroplanos, Fobias e O segredo dos Hoffman constituíron os momentos máis álxidos da compañía”, explica o intérprete.
Foi precisamente con esas obras cando chegou o recoñecemento da profesión en forma dun bo feixe de María Casares. Con O segredo dos Hoffman, Lagarta Lagarta conseguiu en 2010 catro galardóns (Música orixinal para Narf, mellor interpretación feminina secundaria para Rebeca Montero, interpretación feminina para Belén Constela e mellor dirección para Rosa Álvarez). Un ano antes, con Aeroplanos a compañía fíxose co premio, da man de Avelino González e Olga F. Nogueira, na categoría á mellor texto traducido. En 2007, Carambola alzouse co premio á mellor actriz secundaria grazas a interpretación de Anabel Gago. En 2005, a montaxe Fobias converteuse na gañadora da Gala dos María Casares ao conseguir o galardón ao mellor espectáculo, mellor actriz principal (Rosa Álvarez) e mellor texto orixinal.
De todas as montaxes que realizaron nestes anos, Ernesto Chao lembra con “especial cariño” As últimas lúas, obra de Furio Bordon na que o actor interpretaba un vello profesor de literatura que deixa a súa casa para liscar a unha residencia de anciáns. Baixo a dirección de Xúlio Lago, a obra recibiu grandes críticas e o apoio do público e Ernesto Chao alzouse co premio María Casares ao mellor actor dun ano 2008 no que os galardóns foran acaparados pola Noite de Reis do Centro Dramático Galego.