A conspiración Verde

Verde © Eduardo Maroño

Eduardo Maroño analiza en Qadriños, o blogue de Praza dedicado á banda deseñada, o volume Verde, 16 minicómics (9,5 x 7,5 cm; 20 páxinas) elaborados por outros tantos autores

VERDE non é unha novela gráfica. Tampouco é nouvelle bande desinée, nin un tebeo de superheroes, nin moito menos un manga. VERDE é un artefacto, un obxecto, unha cousa; concretamente, unha caixa que leva dentro 16 minicómics (9,5 x 7,5 cm; 20 páxinas) elaborados por outros tantos autores. Para os autores VERDE é, supoñemos, un reto: contar unha historia en condicións materiais adversas. Para os posuidores da caixa, VERDE é un problema de almacenaxe. Onde gardalo? Para os promotores, VERDE é sen dúbida unha nova etapa nun sinistro proxecto de enxeñería social que tiña na anterior caixa vermella e en cómics coma Submundo de Kaz perigosos antecedentes.

Entre os autores participantes, tres galegos. Víctor Coyote Aparicio, que suxire un choque xeracional entre fantasmas hippies e mozos hipermodernos; Andrés Magán, que advirte do perigoso que pode resultar atopar o que un busca; e Jano, que cuestiona con rigor os tópicos sobre a prodixiosa capacidade de adaptación das cascudas en caso de holocausto nuclear.

Dous ilustres veteranos ofrecen traballos que case resultan contraditorios. Mauro Entrialgo, participa cun relato de rebeldía xuvenil, mentres Manel Fontdevila regala consellos para levar unha madurez digna ou cando menos satisfactoria.

Neste contexto de rudeza viril, o caderniño de Ana Galván escintila coma unha alfaia. O seu trazo fino e acabado belido atacan o canon dominante de caixa para dentro, resultando dobremente subversivos. O seu relato defende con intelixencia a mentira autoindulxente e a fe nun mesmo máis aló de calquera indicio racional. Autora a seguir.

E todavía hai máis. Chema García demostra que aínda hai motivos para reivindicar a Vázquez; Javi Godoy e Álvarortega imaxinan alieníxenas e robots que conspiran contra a humanidade e coinciden no diagnóstico: a culpa é nosa; Pau Anglada argalla un vídeo-xogo para hobos

Así ata 16 caderniños verdes cuxa semellanza en presentación e formato cos Cuentos de Calleja é pura casualidade. Ou non.

Verde © Eduardo Maroño
Verde © Eduardo Maroño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.