A Coruña acolle esta noite a gran festa do teatro galego

A gala dos Maria Casares no 2013 © Gabriel Tizón

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá esta noite, a partir das 20.30 horas, a cerimonia de entrega dos XVIII Premios de Teatro María Casares, que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Eurozone, con 12 candidaturas; O home almofada, con seis; Bye Bye honey e As do Peixe, con cinco, son as montaxes con maior número de nomeamentos. Waltz aspirará a catro premios, mentres que A Charca inútil competirá por tres. C'est la vie, Criaturas, BailadELAS, Gaivotas subterráneas e As mil vidas de Matías Houseman contan cunha única candidatura. Ademais, Camilo Franco lerá o Manifesto do Día do Teatro, e Xosé Manuel Olveira Pico será homenaxeado co Premio de Honra Marisa Soto. A gala será retransmitida pola TVG en diferido a partir das 23.45 horas.

A gala será retransmitida pola TVG en diferido a partir das 23.45 horas

Ibuprofeno Teatro encargarase do guión, da dirección e da condución da gala. A compañía deseñou para a ocasión un furancho na que as dúas propietarias, interpretadas por Marián Bañobre e Isabel Risco, deberán tomar decisións vitais para o seu negocio que, igual que o teatro, ten que reinventarse para saír adiante. “Para a situación do teatro é máis acaído celebrar unha festa nun furancho que unha gran celebración de glamuor pomposo”, sinala Santiago Cortegoso, director da gala. Ao longo da cerimonia, o humor e a ironía serán as armas empregadas por Risco e Bañobre, que amosarán ao tempo os seus dotes artísticos como clowns. “Porque así será a gala, terá unha pegada moi clown, moi enerxética e de humor corrosivo”, destacan.

“Para a situación do teatro é máis acaído celebrar unha festa nun furancho que unha gran celebración de glamuor pomposo”, sinala Santiago Cortegoso, director da gala

O xornalista e crítico Camilo Franco é o encargado de redactar o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, que lerá durante a cerimonia. No texto destacarase a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país, sobre todo no actual momento de crise económica e social. “O mundo hoxe en día é totalmente teatral, polo que temos que atender e entender o teatro para solucionar os problemas do mundo”, destaca Camilo Franco, que engade que “na escena temos un espello para  decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben”. Dadas as circunstancias da actualidade, “o teatro debe poñer o mundo a andar”, conclúe.

 

Eurozone, favorita

Eurozone, dirixida por Xesús Ron, aspira a facerse con boa parte dos galardóns técnicos, ademais dos premios á mellor dirección e mellor espectáculo, e un bo número de recoñecementos aos seus intérpretes: mellor actriz secundaria por partida tripla (Arantza Villar, Mónica García, Patricia de Lorenzo) e mellor actor secundario por partida dupla (Manuel Cortés e Iván Marcos). Polo premio ao mellor espectáculo tamén competirán as xa referidas O home almofada (dirixida por Tito Asorey), As do peixe (dirixida por Cristina Domínguez) e Bye, Bye Honey. E, de igual xeito, Xesús Ron, Tito Asorey e Cristina Domínguez competirán polo premio á mellor dirección.

Fran Lareu (O home almofada), Josito Porto (As mil vidas de Matías Houseman) e Xabier Deive (Gaivotas subterráneas) son candidatos ao premio ao mellor actor protagonista, e Belén Constenla (Criaturas), Iolanda Muíños (Bye Bye Honey) e Susana Dans (As do peixe) están nomeadas na categoría de mellor actriz protagonista.

Cartaz dos María Casares © AAAG
A gala dos Maria Casares no 2013 © Gabriel Tizón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.