A CRTVG resta importancia á fin de 'Planeta Furancho' polo seu "seguimento minoritario”

Sánchez Izquierdo, na comisión parlamentaria CC-BY-SA Praza Pública

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, confirmou este martes no Parlamento a fin do espazo musical de Radio Galega Música Planeta Furancho, sobre a que foi preguntado por AGE e BNG. Sánchez Izquierdo xustificou a supresión do programa na non aceptación por parte do seu condutor das novas condicións laborais ofrecidas e anunciou un novo espazo que despois do verán atenderá as "músicas emerxentes".

O director do ente público restou importancia á desaparición de Planeta Furancho da grella da emisora polo seu "seguimento minoritario”

En todo caso, o director do ente público restou importancia á desaparición de Planeta Furancho da grella da emisora polo seu "seguimento minoritario”. "Moi moi minoritario", reiterou, salientando que as súas cifras de audiencia nin sequera chegaban ao mínimo necesario para ser consideradas nas medicións do Estuddo Xeral de Medios. “Teño que sentirme satisfeito porque lle dean un valor tan significativo, case crucial na cultura musical de Galicia. Daría a impresión de que ao redor de Planeta Furancho xira toda a esencia da industria da música en Galicia”, afirmou.

Sánchez Izquierdo tamén minimizou o impacto causado pola fin do programa na sociedade ou no sector musical

Sánchez Izquierdo tamén minimizou o impacto causado pola fin do programa na sociedade ou no sector musical, afirmando que “esa enorme mobilización social", á que fixeron referencia Juan Fajardo (AGE) e Montse Prado (BNG) nas súas preguntas "puido substanciarse nunha asemblea que non chegaría a vinte persoas e nunha concentración á porta da TVG que non chegaba a máis de 40 persoas”. “Concordo con que houbo unha mobilización importante nas redes sociais, pero sabemos como deben contextualizarse as mobilizacións nas redes sociais”, engadiu.

Xustifica a supresión do espazo na non aceptación por parte do seu condutor das novas condicións laborais ofrecidas

En canto ás razóns que levaron á desaparición do programa, o director xeral da CRTVG afirmou que "a empresa ofreceulle ao condutor de Planeta Furancho que seguise colaborando no programa na nova tempada, nas mesmas condicións económicas, aínda que cunha modificación na forma de realizar o traballo, de acordo coas actuacións levadas a cabo por Inspección de Traballo e Seguridade Social. O condutor do programa, a diferenza doutros colaboradores de Radio Galega Música, decidiu rexeitar a proposta da compañía".

Tamén subliñou que o espazo "foi posto en marcha por esta dirección e mantívose seis anos" e que, en consecuencia, "se houbese algún tipo de reticencia política con respecto ao programa, como vostedes parecen suxerir, non tería sentido mantelo durante ese tempo". Sánchez Izquierdo adiantou que "a Radio Galega está a traballar nun novo formato, que comezará despois do verán, que ocupe o espazo deixado por Planeta Furancho na atención ao que podemos denominar 'músicas emerxentes'". "Este programa realizarase con persoal propio, e imos tentar que os seus indicadores de audiencia melloren e nos permitan superar esa inexistencia do programa do Estudo Xeral de Medios", engadiu, facendo referencia novamente ao seguimento co que contaba o espazo desaparecido.

Juan Fajardo (AGE) rexeitou a utilización do "argumento da audiencia", lembrando que a Radio Galega Música ten un seguimento medio de 19 mil persoas

Na súa réplica, Juan Fajardo (AGE) rexeitou a utilización do "argumento da audiencia", lembrando que a Radio Galega Música ten un seguimento medio de 19 mil persoas. "A audiencia non pode ser un argumento para explicar as decisións sobre programación na Radio Galega" -engadiu- "A canle pública está para outras cousas: para a cultura, para o idioma". O deputado de AGE salientou tamén a "contestación política e social" presente nas cancións de moitos dos grupos que soaban no espazo.

Montse Prado (BNG) salientou que a "alarma social" xerada polo anuncio da supresión de Planeta Furancho foi consecuencia de que a noticia "veu poñer o foco sobre a desatención que a cultura de Galicia sofre nos medios públicos galegos"

Pola súa banda, Montse Prado (BNG) salientou que a "alarma social" xerada polo anuncio da supresión de Planeta Furancho foi consecuencia de que a noticia "veu poñer o foco sobre a desatención que a cultura de Galicia sofre nos medios públicos galegos". A deputada do Bloque preguntoulle a Sánchez Izquierdo (como xa fixera na anterior sesión de control) se consideraba que a cultura e a música galegas estaban suficientemente tratadas na radio pública do país. O director xeral do ente contestou cun categórico “sen dúbida”, afirmando que “a Radio Galega está facendo un magnífico papel na protección e defensa da música galega”, asegurando que Radio Galega Música cumpre o establecido na lei, pois "como mínimo unha de cada catro cancións teñen que ser galegas" e destacando o mantemento doutros espazos, como Lume na Palleira ou Estudio 3 ou existencia da emisora online Son Galicia Radio.

Sánchez Izquierdo, no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.