A cultura, a grande ausente na investidura de Feijóo

Feijóo, nun intre do discurso de investidura © PPdeG

"Antes había unha Consellería de Cultura que non daba solucións. Agora todo segue igual". O pasado febreiro representantes do mundo cultural galego expresábanse deste xeito en Praza Pública para valoraren a desaparición da Consellería de Cultura, reducida á categoría de secretaría xeral tras a remodelación do Goberno galego derivada da marcha de altos cargos ao gabinete de Mariano Rajoy. Por primeira vez en varios lustros o sector da cultura deixaba de ter un departamento de seu no Executivo galego e todo semella indicar que o seu peso non será maior no organigrama que dará a coñecer Alberto Núñez Feijóo a vindeira fin de semana. Cando menos, se o seu discurso de investidura é reflexo dos seus plans neste ámbito.

Atendendo á normativa vixente o aínda candidato á reelección acudiu á Cámara galega para explicar o seu "programa de goberno". Concretouno nun discurso de corenta e seis páxinas nas que a cultura, no sentido amplo do termo, só ocupou doce liñas e o sector propiamente dito, entendido como área creativa e económica, ficou despachada en dúas. Así, Feijóo explicou o seu proxecto de continuar coa "planificación dos sectores estratéxicos da nosa economía" e, ao chegar á cultura, explicou que "imos potenciar o Plan de Internacionalización do sector audiovisual, que ten dado éxitos nos últimos anos".

O candidato 'despacha' o sector cultural limitándose a asegurar que seguirá a "potenciar" o plan de internacionalización do sector audiovisual, "que ten dado éxitos"

Malia non ter límite de tempo na súa exposición, esta foi a única mención á creación e difusión de produtos culturais. A continuación introduciu no mesmo apartado a súa intención de "seguir apostando por protexer o noso patrimonio, priorizando un novo Plan de Protección de Cascos Históricos". Mentres, sinalou, manterase a "paralización" do que denomina "outros investimentos culturais" que "deben esperar a unha mellor situación económica". Este, evidencia, é "o caso dos edificios pendentes da Cidade da Cultura", complexo que fagocita boa parte do orzamento cultural do Goberno e que, só en mantemento, leva consigo uns 3 millóns de euros anuais.

Para rematar as devanditas doce liñas Feijóo avanza que "tamén respaldaremos a iniciativa do Consello da Cultura Galega" para "dignificar o Panteón de Galicia" a través "dunha lei xurdida do consenso entre os grupos desta Cámara". Semella explicitar así que o seu grupo apoiará a proposta coa que o CCG formulou substituír o actual Panteón de Galegos ilustres por unha entidade pública dependente do Parlamento. E ata aquí as doce liñas.

O espazo concedido por Feijóo á cultura na súa segunda investidura é aínda inferior que na primeira. Daquela o popular ligou a cuestión cultural á lingüística e asegurou ante os deputados e deputadas que "a nosa cultura, cerne do ser de Galicia, requirirá para nós unha atención primordial". Así, afirmaba, cumpría "lembrar que a identificación da Galicia intelectural coa Galicia popular, xunto cos dereitos políticos do noso pobo, foron os obxectivos polos que loitaron moitos ilustres galeguistas". Por iso, aseguraba, construiría unha política cultural asentada nos "alicerces" do "diálogo e a liberdade". "Teño claro que o papel da Administración, en materia cultural, debe centrarse no apoio dos proxectos e das propostas, na axilización da máquina burocrática, no fomento e na promoción, nunca no dirixismo cultural", explicaba.

Feijóo, nun intre do discurso de investidura © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.