Xinzo de Limia acollerá os actos centrais de celebración do Día das Letras Galegas en homenaxe a Carlos Casares. A sesión extraordinaria da Real Academia Galega dedicada ao escritor terá lugar no salón de plenos do concello a partir das 11:30 horas e contará con intervencións a cargo da académica Fina Casalderrey e dos académicos Henrique Monteagudo e Xesús Alonso Montero. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, será o encargado de pechar o acto, que poderá seguirse en directo a través da pantalla instalada na carpa que se montará na praza Carlos Casares da vila.
Nas últimas semanas a Real Academia Galega foi publicando na súa web interesentes contidos sobre a figura do autor. Por exemplo, unha conversa con Ramón Loureiro, que acaba de publicar Casares, un novo libro sobre o protagonista das Letras Galegas 2017 baseado nas conversas que mantivo con el días antes do seu pasamento: "Os libros de Casares son mellores en cada nova lectura. É un clásico". Ou a achega da crítica literaria Dolores Vilavedra, que subliña Deus sentado nun sillón azul como a novela máis ambiciosa desde o punto de vista técnico do protagonista desde 17 de maio. Ou Camiño Noia, profesora da Uvigo e compañeira de carreira de Casares, que destaca que "O discurso claro e comunicativo da súa obra é o que mellor define o legado de Casares". Ou as palabras de Xavier Casares, irmán do homenaxeado, que di que “O obxectivo de Carlos era Galicia, a súa lingua e a súa cultura, e arredor diso desenvolveu toda a súa actividade”.
Viana do Bolo celebrará un pleno extraordinario como "acto de desagravio" ao escritor, expulsado da vila en 1969
Preto de Xinzo, en Viana do Bolo, noutra das localidades nas que Carlos Casares viviu, este 18 de maio terá lugar un acto tamén moi especial. Celebrarase un pleno extraordinario como "acto de desagravio" ao escritor. En 1969 Casares foi nomeado mestre no Instituto de Viana. "O seu labor no, daquela, Colexio Libre Adoptado St. Tomás de Aquino, foi comprometido dende o primeiro día coa ensinanza e coas inxustizas que sufrían os mais desfavorecidos", destaca o Concello de Viana do Bolo, que engade que "a desconfianza cara a Carlos Casares comezou no mesmo momento de chegar a Viana do Bolo e a autoridade municipal non deixou escapar a ocasión de expulsalo de Viana na primeira ocasión que se lle presentou". O cese e expulsión chegou tras unha obra de teatro representada no instituto na que se facían referencias aos "caciques". En 2004 o instituto tomou o nome de Casares e desta volta será o pleno municipal quen aprobará "rexeitar publicamente a inxustiza a que foi sometido no noso Pobo".
Actos en todo o país
Pero o Día das Letras e a propia figura de Casares conmemórase en todo o país, cunha ampla axenda de actividades lúdicas e reivindicativas. En Vilaboa, por exemplo, o Día da Letras celébrase percorrendo o concello, a través do Programa Camiños da lingua, un roteiro que busca incrementar o coñecemento sobre a xeografía, a fauna e flora do territorio e, ao tempo, reivindicar o uso normal da lingua. Haberá catro saídas dende varios puntos do concello en diferentes modos de transporte (a pé, en bicicleta ou a cabalo) e cada ruta irá acompañada por un guieiro sobre toponimia, fauna e flora de cada lugar por onde se vai pasando. Na Canteira de Paredes os nenos e nenas dos colexios da vila realizarán unha homenaxe a Casares, seguida dun xantar colectivo, xogos populares e actuacións musicais dos grupos de música tradicional de Vilaboa.
Compostela celebrará unha nova Romaría dos Libros na Praza de Mazarelos. Ademais, dende Compostela Literaria animan a, durante a semana do 17 de maio, "amosar libros escritos en galego nos escaparates, nas xanelas, nos portais, nos coches... Onde nos preste ou se nos ocorra!"
A sesión extraordinaria da Real Academia Galega dedicada ao escritor terá lugar no salón de plenos de Xinzo de Limia a partir das 11:30 horas
Pola súa banda, a Deputación da Coruña conmemora o 17 de maio na aldea do Couto (Ponteceso), con sesenta casas, que acolle a celebración do Festiletras, que se desenvolverá ata o domingo 21. Este ano, o programa contempla tamén o centenario da morte de Eduardo Pondal. De igual xeito, a Deputación de Ourense, presentará a vindeira semana o documental Contando a Casares, realizado por Gonzalo E. Veloso.
As universidades celebraron actos este martes. En Compostela a USC organizou un acto literario dedicado a Carlos Casares, no que se presentou o volume Casares en Compostela. Universidade e literatura, a cargo do director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escaneo, e co que a USC rememorou a figura do autor homenaxeado. De Carlos Casares “destacamos a súa etapa como universitario en Compostela, época na que entrou en relación cos grandes persoeiros do galeguismo histórico”, dixo o reitor Juan Viaño. A análise “da súa atípica traxectoria como alumno da nosa casa complétase con dúas achegas máis que iluminan o seu papel central de divulgador da literatura e da cultura galega, continuando coa tradición de recuperar materiais textuais de difícil acceso que caracteriza a investigación sobre os autores e autoras das Letras realizada ao abeiro do Departamento de Filoloxía Galega”, engadiu Viaño.
O campus de Ourense sumouse este martes á celebración cunha actuación musical e outra teatral inspiradas nalgunhas das obras máis populares do autor homenaxeado como son As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e A galiña azul. O acto oficial do Día das Letras da Universidade de Vigo terá lugar o vindeiro martes 23, coincidindo coa entrega dos Premios de Poesía, Relato curto e Tradución literaria 2017. Ademais, o profesor da Uvigo e escritor Manuel Forcadela dedicoulle este martes un artigo a Casares, destacando que era “máis partidario da imaxinación que da fantasía”, un “home de escrita moi prolífica”, unha "mente sagaz que nunca rexeitou someterse ao xuízo dos seus contemporáneos” e "un dos mellores narradores que teña dado a Galicia do século XX”.
Ilustrísima pode xa lerse en inglés. A primeira tradución a esta lingua da novela de Carlos Casares, His Excellency, acaba de saír do prelo dentro da Galician Classics, un proxecto editorial promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e mais polo selo Small Stations Press para a difusión exterior da literatura galega. O volume, unha tradución de Jacob Rogers, foi presentado esta semana na Cidade da Cultura.
Teatro e música
O CDG celebra o Día das Letras no Salón Teatro de Santiago levando ás táboas a novela Os mortos daquel verán, nunha aproximación escénica que coproduce coa compañía Talía Teatro
O teatro tamén é, naturalmente, protagonista neste 17 de maio dedicado a Casares. O Centro Dramático Galego (CDG) celebra o Día das Letras Galegas no Salón Teatro de Santiago levando ás táboas a novela Os mortos daquel verán, nunha aproximación escénica que coproduce coa compañía Talía Teatro. A obra estreouse este martes 16 ás 20.30 horas e repetirá funcións o mércores e o xoves á mesma hora.
Hai, igualmente, espazo para a música. O Consello da Cultura Galega celebrou, en colaboración co Concello de Ourense, unha nova edición do Concerto das Letras Galegas, que nesta ocasión viaxou á cidade auriense como homenaxe a Carlos Casares. Este martes pola noite a Real Filharmonía de Galicia e o Coro novo da Orquestra Sinfónica de Galicia interpretaron no Auditorio Municipal un programa integrado por música galega no que se viviu a estrea absoluta da obra A formiga, do compositor Rubén Vizcaíno.
Gelria, o trío galego-catalán que leva o nome do navío holandés no que navegou Manuel Antonio, vén de estrear un novo single no que musican o poema de Carlos Casares Amemos. A música é de Mario G. Cortizo, e alén dos compoñentes do grupo, tamén participou Pablo Pérez ao contrabaixo. Este tema engádese ao disco Cantos de poeta que publicaron en abril de 2016, un delicadísimo traballo que musica catorce poemas galegos de todos os tempos. De Rosalía a Chus Pato pasando por Curros Enríquez, Cunqueiro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra ou Manuel María.
Así pois, moito e bo para celebrar o Día das Letras. Celebracións e homenaxes que se unen aos magníficos traballos que todos os anos levan a cabo os centros de ensino de todo país. Unidades didácticas, obras de teatro, vídeos, cancións e todo tipo de actividade. Destacamos o rap realizado polo CPI Mosteiro Meis: a vida e obra de Carlos Casares rimada en pouco máis de catro minutos e medio.