Compostela acolleu este sábado pola noite a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, organizados conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG).
Foron premiadas María Xosé Queizán, Maria Teresa Horta e Antonio Fernández Maira
No acto, ademais de outorgar os galardóns correspondentes a obras publicadas ao longo de 2018, entregáronse tres premios honoríficos, un por cada unha das entidades convocantes. O Premio Honorífico á Editora, concedido pola Xunta directiva da Asociación Galega de Editoras, correspondeu a María Xosé Queizán. O Premio Honorífico á Libraría, concedido pola Xunta directiva da Federación de Librarías de Galicia, foi para Antonio Fernández Maira. Finalmente, a distinción Escritora Galega Universal, concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, foi para a autora portuguesa Maria Teresa Horta.
Cesáreo Sánchez denunciou a "precariedade" na que vive o sistema cultural galego e o sector do libro
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, falou en nome dos tres colectivos, nun discurso no que alertou da "precariedade" na que vive o sistema cultural galego e o sector do libro. Precariedade para os escritores e escritoras, e tamén para as editoras, que regresaron "a tempos previos á creación da administración autonómica". E, igualmente, precariedade da rede das librarías, que "fai que moitas sobrevivan grazas ao voluntarismo dinamizador das libreiras e libreiros".
"Vainos a existencia en que a Nosa lingua non sexa expulsada da vida cotiá, pois é alarmante o descenso de falantes", alertou o presidente da AELG
Sánchez Iglesias subliñou neste senso as eivas para a propia lingua galega, denunciando os efectos de dez anos de aplicación do Decreto de plurilingüísmo e lembrando que "máis do 70% dos centros das cidades realizan o primeiro ensino maioritaria ou exclusivamente en castelán".
"Estamos no tempo da difuminación dos trazos identitarios provocados pola globalización que non tolera a diversidade lingüística ou cultural, mais para se facer efectiva ten que ter a complicidade necesaria de determinadas estruturas políticas da Galiza que, paradoxalmente, naceron para protexer a Nosa cultura, e pór en valor o noso idioma", dixo o presidente da AELG. "Vainos a existencia en que a nosa lingua non sexa expulsada da vida cotiá, pois é alarmante o descenso de falantes, sendo esta imprescindíbel para a creación e a transmisión da cultura e do coñecemento", concluíu.
Premiados e premiadas
- Ensaio e investigación: Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).
- Divulgación: Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).
- Narrativa: Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).
- Infantil: Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).
- Xuvenil: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).
- Libro ilustrado: Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).
- Libro de banda deseñada: O puño e a letra, por VV. AA. (Edicións Xerais de Galicia).
- Iniciativa bibliográfica: Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.
- Tradución: A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).
- Poesía: Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).
- Teatro: Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).
- Libro mellor editado: Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).
- Iniciativa cultural ou fomento da lectura: Asesoría de Bibliotecas Escolares.
- Proxecto literario na rede: Brétemas, de Manuel Bragado.
- Xornalismo cultural: Revista Luzes.