"A fuxida cara adiante que caracteriza o Capital condénanos a repetir os mesmos erros"

O Edificio España Dominio Público Praza Pública

O Edificio España chegou a ser o rañaceos máis alto de Europa, cando se construíu en 1953, todo un símbolo do franquismo que servía de pórtico a Madrid e de peche para a Gran Vía. A burbulla inmobiliaria impuxo un proxecto para renovar por completo o edificio, converténdoo en apartamentos de luxo. En 2007 Víctor Moreno (Santa Cruz de Tenerife, 1981) entrou no edificio para rexistrar coa súa cámara ese proceso de remodelación, atopando nas vivendas, oficinas e tendas baleiras de xente (pero cheas de obxectos abandonados) a memoria de décadas de historia. E, de súpeto, a crise.

O proceso de reforma do edificio paralizouse e o filme mudou noutra cousa, nunha alegoría dunha España paralizada e espoliada. Non era só o Edificio España, era o país enteiro. En 2010 comezou a montaxe dun documental que relataba un tempo histórico, unha España que deixou de existir en 2008. De feito, moitos dos seus personaxes, traballadores inmigrantes que traballaban no edificio, estaban no paro ou regresaran aos seus países de orixe. 

A película, xa rematada, exhibiuse con éxito en varios festivais. E nese momento o Banco Santander, propietario do edificio, bloqueou a súa distribución, baseándose nunha cláusula no contrato de gravación na que se reservaba o dereito a prohibir a exhibición do filme. A entidade bancaria, que acabou por lle vender o bloque ao multimillonario chinés Wang Jianlin, argumentaba que o documental podía prexudicar as súas "operacións comerciais". O filme estivo 15 meses parado. Porén, a presión popular, organizada a través do manifesto Quiero ver Edificio Españaconseguiu finalmente que o 7 de febreiro deste ano o banco autorizase a difusión da película. Este martes poderase ver na Coruña, no CGAI, a partir das oito e media da tarde. E o mércores no Cineclube de Compostela, a partir das 21.30.

"Sempre digo que estiven no momento oportuno no lugar indicado"

A película hoxe lese necesariamente como unha metáfora da burbulla inmobiliaria e da crise. Pero esa non era a túa intención nun comezo, non si?

Si, cando empecei a gravar a película interesábame sobre todo o edificio, o proceso de transformación.  E iso focaliceino en dúas cousas: por un lado a memoria do lugar, que se ía diluíndo a través dos seus obxectos e do espazo. E por outro lado comezaron a interesarme as vivencias de todos eses traballadores durante o proceso de transformación. Todo isto foi así durante un ano, no que eu gravei sen parar, e sen saír nunca do edificio, que foi unha das cousas que me propuxera. E, de súpeto, o de fóra coouse dentro do edificio: a fin do boom inmobiliario. Sempre digo que estiven no momento oportuno no lugar indicado, ademais coa coincidencia de que o edificio se chamaba España, e cun gran poder simbólico, porque fora un elemento de poder durante o franquismo. Foi un dos primeiros rañaceos de Europa, cando se inaugura no ano 1953 e chegou a converterse nun emblema da cidade. Até o punto de que é a imaxe principal do vídeo promocional da candidatura olímpica de Madrid 2020. Por todo iso, converteuse nunha alegoría do que pasaba fóra.

"De súpeto, o de fóra coouse dentro do edificio: a fin do boom inmobiliario. Sempre digo que estiven no momento oportuno no lugar indicado"

Dis que te chamou a atención atopar un rastro de obxectos dentro do edificio, que foran abandonados polos seus propietarios. É curioso como os nosos obxectos e a forma en que habitamos un espazo nos definen e definen tamén un momento histórico...

Totalmente, o primeiro que me chamou a atención ao entrar foi ver como as vivendas, as oficinas e as galerías comerciais quedaran practicamente varadas e cheas de obxectos. Era como se se sentise a presenza de todas as persoas que habitaran ese lugar. Eses días acordábame moito daquela novela de  Georges Perec de A vida instrucións de uso, na que a través do inventario dos obxectos dun edificio en París ía reconstruíndo as vidas deses sitios. Eu non me deteño tanto como Perec, pero si que me gustaba a idea de que a partir deses obxectos puidésemos imaxinar quen vivira aí, ou saber minimamente como era a memoria dese lugar. Tamén me chamaba a atención o feito de que a xente non levase as cousas, que as deixase atrás, abandonadas. E iso entra tamén dentro da alegoría dese tempo no noso país. É coma se nese tempo de auxe a xente pensase: 'perdemos isto, pero imos ter cousas novas, ímonos renovar, imos mercar cousas novas'. Todo nesa proxección cara adiante na que viviamos todos, na que todo ía ben e non custaba tanto ter algo mellor.

"O primeiro que me chamou a atención foi ver como as vivendas, as oficinas e as galerías comerciais quedaran practicamente varadas e cheas de obxectos. Era como se se sentise a presenza de todas as persoas que habitaran ese lugar"

Parece que a sociedade de consumo, que incita a posuír cousas, a definirnos a través delas, cunha certa dose de fetichismo, é a que despois lles resta valor a eses mesmos obxectos, a que nos empurra a desbotalos, non cres?

Si, si. Iso está simplemente apuntado na película, pero dende logo forma parte dese momento histórico en España.

Foi un proceso moi longo, e por razóns alleas a ti. Como foi ese conflito co Banco Santander?

Si, eu comezo a película no ano 2007, a gravación dura un ano, aproximadamente. E despois agardei a ver se continuaba a fase de rehabilitación do edificio. Cando en 2010 vexo que o proceso de rehabilitación non ía continuar, e que xa estabamos sufrindo a crise, son consciente de que aí hai unha película que podía reflectir o que sucedera no país nos anos anteriores. Comezo coa montaxe, acabo o filme e chego a presentalo en San Sebastián, BACIFI ou Doc-Lisboa, e xusto aí chega o parón do Santander. Foi moi sorprendente, porque sempre estivéramos en contacto con eles, fixéramos o que sempre faláramos, e de súpeto chéganos a prohibición de distribuíla, apelando a que a película podía prexudicar as súas operacións comerciais. Tivemos a película parada durante quince meses, rexeitando exhibicións, até que o 7 de febreiro, froito da mobilización de moita xente, chéganos o permiso para difundila.

Ás veces dá a impresión de que certos actores con poder, cando un produto cultural fala deles aínda que sexa de forma tanxencial, recorren á censura ou a este tipo de prohibicións case como un acto reflexo, por sistema, independentemente do contido...

Si, é que ademais o Santander nin sequera é mencionado na película. Parecía que se lle responsabilizaba ao filme duns feitos que o filme non motivara. Na película falábase dun proceso que estaba aí, que era coñecido por todos e que ademais é importante que sexa reflexionado e falado, porque doutro xeito estamos condenados a repetilo.

"No sistema no que estamos, nesta fuxida cada adiante que caracteriza o Capital, estamos condenados a repetir os mesmos erros"

Cres que a sociedade reflexionou de verdade sobre o que pasou? Ou o golpe foi forte dabondo para que non se repita?

Eu creo que unha parte da sociedade si que reflexionou, por exemplo todo o que se moveu ao redor do 15M. Aquilo foi un punto e aparte, tremeron os piares da sociedade, foi un agromo que reflectiu o malestar que existía na sociedade. Pero non creo que iso leve a un cambio inmediato, coido que a curto prazo estamos condenados a repetilo. No sistema no que estamos, e nesa fuxida cada adiante que caracteriza o Capital, que busca solucionar os problemas empregando a mesma receita que antes, creo que estamos condenados a repetir os mesmos erros.

O Edificio España Dominio Público Praza Pública
Fotograma do filme Dominio Público Edificio España
Fotograma do filme © Edificio España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.