O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer este sábado as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración este sábado 9 de maio, e polo tanto a organización do evento decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data, adiando a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego coñeceranse na celebración deste acto.
A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías.
Ensaio e investigación: Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia). Un ensaio literario coa vocación de dar a coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler.
Divulgación: A que cheiran as cores?A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia). O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados, ilustrados e en galego que estean como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.
Narrativa: Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora). O Xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar e a proxección universal da mesma para compoñer un mosaico que se volve innovación estrutural e que o lector ten que recompor, así como o uso da oralidade na escrita.
Infantil: A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo). O xurado salientou a recuperación dun estilo clásico para un xeito innovador na literatura infantil no que salienta unha riqueza léxica e un xeito de narrar sen convencións que resulta atraínte e singular.
Xuvenil: Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia). O xurado considerou que era esta unha narración poderosa, que sobarda o xenero xuvenil. Incorpora moitos referentes femininos para formar con eles un corpo literario que fai rede con escritoras universais. A perspectiva da muller combina na obra cun manexo da forma narrativa.
Libro ilustrado: Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno). O xurado destacou a conxunción e harmonía neste libro entre ilustración e texto, unha combinación na que tanto o texto como a imaxe van máis alá de ser complementarios o que o converte nun libro cunha formulación novidosa.
Libro de banda deseñada: A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial). Escollida por ser unha obra de autor que conta unha historia desacougante, dramática e desconcertante, con paisaxes que semellan pinturas e narración visual potente que combina a imaxe e a mensaxe.
Iniciativa bibliográfica: Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia). Para o Xurado é unha obra monumental, amplisimamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.
Tradución: Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora). O Xurado destacou o valor de ser unha tradución que traslada á perfección a lingua do clásico orixinal e que conserva a forza da historia e o ritmo narrativa da novela, recuperando para o galego a forza dos clásicos universais.
Poesía: Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora). Destacaron a combinación de situacións vitais da autora, a súa circunstancia e o seu territorio xenera neste libro unha serie de imaxe poéticas con moita tenrura e moita forza, ligadas a unha traxectoria coherente que volve sobre o telúrico, que mantén o pouso literario e incorpora elementos novidosos como a música sen apartarse do seu mundo habitual.
Teatro: Citizen, Grupo Chévere (Kalandraka Editora). O xurado valorou que unha obra que marcou unha antes e un despois nos escenarios galegos teña continuidade nun libro que, coma obra escénica, conta unha historia contemporánea sobre a Galicia actual.
Libro mellor editado: Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora). Salienta a edición delicada, o emprego e combinación dos materiais e as ilustracións de Anxo Pastor.
Premios ás traxectorias
Iniciativa cultural ou fomento da lectura: Libraría Chan da Pólvora. Polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, convértendose nunha libraría referente en Galicia e nun foco de dinamización arreador da poesía.
Proxecto literario na rede: Kalandraka TV. O xurado valorou a promoción da lectura que realiza esta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos dos lectores máis novos.
Xornalismo cultural: María Yáñez. O xurado recoñeceu a traxectoria de compromiso coas novas formas de contar e co uso das ferramentas de comunicación, sumando a tradición xornalística cos medios e plataformas para contalas e sen deixar de lado os formatos da cultura popular.