A Gala do Libro Galego xa ten finalistas

Teatro Principal de Santiago © Festival Atlántica

Veñen de anunciarse as obras e autores e autoras finalistas da I Gala do Libro Galego, os premios organizados pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG), que se entregarán no Teatro Principal de Compostela o vindeiro 14 de maio. Os galardóns supoñen a unión da Gala das Letras da AELG, a Noite da edición da Asociación Galega de Editores e os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. Ademais das entidades organizadoras, esta iniciativa conta apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e AGADIC.

Os galardóns supoñen a unión da Gala das Letras da AELG, a Noite da edición da Asociación Galega de Editores e os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia

"Escritores, Editores e Libreiros somos un sector estratéxico deste país", destacan AELG, AGE e FLG. "Precisamos dunha industria editorial forte que reflicta a biodiversidade do sistema literario galego, duns escritores que sexan recoñecidos socialmente no seu papel de creadores, dunha obra onde a ética convive e habita a beleza da cultura galega. Precisamos dunha rede de librarías por todo o país que dea visibilidade ao libro galego e sexa lugar privilexiado para a creación de lectores. E sen esquecermos todos os mediadores que conflúen no ciclo de vida do libro e as letras galegas, como as bibliotecas, e centros de ensino, entre outros", din. Reivindican "a creación do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega; da existencia de plans anuais de lectura; a recuperación da Consellaría de Cultura co necesario peso político e orzamentario; e da implicación real da Consellaría de Industria, con orzamento específico".

Finalistas

Ensaio

Carlos Maside. Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas, María Esther Rodríguez Losada (comp.) e Anxo Tarrío Varela (edic.). Alvarellos-Consorcio de Santiago
Historia da literatura infantil e xuvenil galega, Blanca-Ana Roig (coordinadora). Xerais
No tempo de Follas Novas: unha viaxe pola literatura universal, María Pilar García Negro (edit.). Alvarellos Editora
Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario

Narrativa

Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello. Galaxia
Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Xerais
Izan o da saca, de Xavier Quiroga. Xerais
...E os domingos, un croissant, de Ursula Heinze. Alvarellos
O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais

Literatura infantil e xuvenil

O home que sabía voar, de Xabier López López (ilustracións de Jacobo Muñiz). Tambre
O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia
Teño uns pés perfectos, de María Solar. Kalandraka
Todos os soños, de Xavier Estévez (ilustracións de Marcos Viso). Tambre

Libro ilustrado

Balea, de Federico Fernández e Germán González. Kalandraka
Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka
Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas (texto de Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa). Xerais
O home que sabía voar, de Jacobo Muñiz (texto de Xabier López López). Tambre

Iniciativa bibliográfica

Cociña II, de André Arzúa, (fotografía e deseño de Alberte Sánchez Regueiro). Servizos Hosteleiros Arzúa S.L.
Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais

Tradución

A utilidade do inútil (Nuccio Ordine), en tradución de Carlos Acevedo, Factoría K
Astérix. O papiro do César (Goscinny, Jean-Yves Ferri [ilustracións de Uderzo e Didier Conrad]), en tradución de Xavier Senín e Isabel Soto. Xerais
Aventuras de Alicia no País das Marabillas (Lewis Carroll), en tradución de Xavier Queipo. El Patito Editorial
Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin

Poesía

6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Suso Díaz e Helena Villar Janeiro (coords.). Biblos Clube de Lectores
A boca da terra, de Manuel Rivas. Xerais
Abrindo fiestras en carne viva, de Carlos López. Alvarellos
Dez anos na porta. Antoloxía poética 2005-2015, VV. AA. (A Porta Verde do Sétimo Andar). A Porta Verde do Sétimo Andar
oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais
Zonas de tránsito, de Ramón Neto. Sotelo Blanco

Teatro

Raclette, de Santiago Cortegoso. Xerais
Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama. Baía Edicións
Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

Culturgal
Espazo Lectura (Gondomar)
Fundación Manuel María de Estudos Galegos
Praza das Letras - Concello de Carballo

Proxecto literario na rede

Caderno da crítica, de Ramón Nicolás. 
Criticalia, de Armando Requeixo. 
Poétic@, de Fran Alonso. 

Xornalismo Cultural

Diario Cultural
Montse Dopico
Sermos Galiza

 

Teatro Principal de Santiago © Festival Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.