Galicia dos anos 80. Nalgunha vila do interior. Os comezos dunha corrupción que agora nos é moi familiar. O narcotráfico amplíase cada vez máis e máis, tecendo unha rede que cobre cada palmo de terreo. E no ceo, entre as estrelas, o cometa Halley atravesa a negrura da noite, entre presaxios e vaticinios. Ese é o pano de fondo escollido polo ilustrador Miguel Fernández e o xornalista Manolo López Poy para a súa nova novela gráfica conxunta publicada por Demo Editora: Os días do cometa. “A obra está ambientada nos oitenta, cando o Halley sobrevoa Galicia. Ese é un momento de predicións catastrofistas e en medio dese ambiente, prodúcense unha serie de axustes de conta”, resume a obra Manuel Poy, quen subliña que o cómic transita polas claves habituais do xénero negro.
Un xénero no que os dous autores xa furaran no seu anterior traballo, O fillo da furia. Naquel traballo, realizábase un retrato de Mamed Casanova, bandoleiro galego de comezos do século XX coñecido co seudónimo de Toribio. Un personaxe singular do imaxinario colectivo daquela época do que Ramón María del Valle-Inclán chegou a dicir que era “fermoso como un bastardo de Cesar Borgia”. “No retrato de Mamed Casanova nada delata o asasino. O seu rostro mesmo pode ser dun monxe penitente ou dun fidalgo sombrío. Casanova matou sempre sen saña, con frialdade, como matan os homes que desprezan a vida e que, sen dúbida, por iso non miran como un crime dar a morte”, explicaba o escritor de Luces de bohemia.
“Agora empregamos o mesmo estilo que daquela, cun branco e negro ben definido, aínda que máis rotundo, sen espazo para os grises. En realidade, é unha evolución, un paso máis nesa estética, pero sacándolle punta”
Ese era o retrato que trazou Valle Inclán do bandoleiro e esa foi a historia que quixeron retratar en 2010 Manuel Poy e Miguel Fernández. Nesa primeira obra, xa se albiscaban unha serie de características do xénero policial. En branco e negro, narraron e debuxaron a historia do bandoleiro empregando as mesmas claves nas que agora afondan n'Os días do cometa. Dalgún xeito, é unha continuidade do álbum do bandoleiro. Se n'O fillo da furia abordaban a violencia de comezos do século XX; agora, nesta nova obra, mergúllanse noutra violencia diferente, a propia dos anos oitenta. O país é o mesmo, aínda que mudou entre un momento histórico e outro. A violencia, seguramente, é a mesma, aínda que as súas formas son diferentes. E o estilo gráfico e o deseño son semellantes, pero evolucionan a un estado maduro. “Agora empregamos o mesmo estilo que daquela, cun branco e negro ben definido, aínda que máis rotundo, sen espazo para os grises. En realidade, é unha evolución, un paso máis nesa estética, pero sacándolle punta”, explica o debuxante Miguel Fernández. “Hai unha evolución o debuxo, pero mantendo as claves do xénero negro. Quizais, un xénero máis concreto máis propio: o negro-rural”, engade Manuel López Poy.
Daqueles ventos...
"En certo xeito, deixamos ver as cousas que acontecían por aquela época, que teñen moito que ver co que vivimos nestes momentos. Vaia, podemos dicir que 'daqueles ventos, veñen estas treboadas”
A historia d'Os días do cometa transcorre baixo o ceo atravesado polo Haley. Na terra, lonxe dos astros, o territorio está cruzado por unha corrupción incipiente, polo narcotráfico, por un momento tamén de crise. “Todo iso configura o pano de fondo, son pinceladas”, insiste en matizar López Poy. O importante, a esencia, está noutra parte. Xira ao redor de catro amigos da infancia con roles ben diferentes, pero que conflúen nunha espiral de corrupción e droga que, finalmente, os leva a un desenlace rotundo. “O importante son as vivencias dese grupo, deses personaxes. O resto? Son pinceladas, son lufadas dese tempo e das circunstancias daquela época. En certo xeito, deixamos ver as cousas que acontecían por aquela época, que teñen moito que ver co que vivimos nestes momentos. Vaia, podemos dicir que 'daqueles ventos, veñen estas treboadas”, reflexiona Manolo Poy.
Ademais, na historia hai certo fondo persoal en canto o ambiente. “Non hai conexións con feitos reais, é todo ficticio, pero o espazo no que se desenvolve a trama ben podería ser calquera vila rural da época. Eu son de Sarria e Miguel de Baralla e vivimos eses tempos”, explica Manolo. “Ese ambiente é parte do noso imaxinario, da nosa infancia. Daquela eramos nenos”, lembra Miguel, quen tamén destaca o traballo de documentación e diversos referentes da realidade para concederlle a obra maior verosimilitude. Nesa liña, o debuxante explica que se pode ver o xornalista, xa falecido, Luís Mariñas como exemplo deses referentes.
"Decidín que podía ser unha boa guía para un ambiente de tolemia colectiva e catastrofista”
Antes de ser novela gráfica, Os días do cometa naceu como un relato. “Escribírao a comezos dos noventa. Era un relato breve no que se falaba dese grupo de amigos, nese ambiente rural e con trazos propios da época. Lembro que había nel detalles dese momento, como o referendo da OTAN ou o paso do cometa Halley. Ao final, no momento que pasou a ser banda deseñada, quedei co cometa, parecíame un bo referente e, ademais, viña acompañado polos presaxios. Decidín que podía ser unha boa guía para un ambiente de tolemia colectiva e catastrofista”, conclúe López Poy.
Con esa guía como punto de partida, na novela gráfica xérase unha fría escenografía, nada nostálxica. Os días do cometa contén, ademais, todos os elementos necesarios para construír unha auténtica crónica negra que vén reforzada pola experiencia xornalística do seu guionista e o gusto polo xénero policial de ambos os dous autores.
Presentación en Komic
O lanzamento d'Os días do cometa coincidirá coa publicación da segunda edición do seu anterior traballo en Demo Editora: Mamed Casanova: O fillo da furia
A obra sairá á venda o próximo 20 de marzo. Dous días despois, o venres 22, a libraría Komic de Santiago acollerá a primeira das presentacións. Acto seguido, Demo Editora ten previsto iniciar unha xira por outras localidades galegas en abril. O lanzamento d'Os días do cometa coincidirá coa publicación da segunda edición do seu anterior traballo en Demo Editora: Mamed Casanova: O fillo da furia, que xa foi traducido ao castelán por Diábolo Ediciones e a propia Demo Editora. A obra recrea a biografía do dito bandoleiro, natural de Ortigueira e perseguido pola Garda Civil nos primeiros anos do século XX. Un antiheroe contra o sistema da súa época, que foi protagonista dos xornais e que acabou no esquecemento colectivo.