A inacción da Xunta pon en perigo o xacemento das Catedrais

Forno romano nas Catedrais © Adega

No espazo protexido das Catedrais, en Ribadeo, ademais das fermosas formacións rochosas que lle dan fama a este areal, hai un xacemento romano: un forno dun gran valor histórico e patrimonial, e que se atopa en serio perigo de degradación e desaparición por mor da acción do mar. Foi precisamente despois dos temporais do outono de 2014, que afectaron gravemente ao xacemento, cando oito entidades culturais e sociais da zona decidiron poñerse en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para informar sobre a "situación crítica" na que se atopaba o sitio arqueolóxico, e tamén para demandar unha intervención de urxencia "que evitase a desaparición dos restos arqueolóxicos e que permitise obter a información científica que agocha o forno romano de Esteiro".

Aínda que nun primeiro momento Patrimonio si autorizara esa intervención, o departamento vén de dirixirse aos oito colectivos solicitantes (Ollomao, A Galleira, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Os Espigueiros, Cultura do País, Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo, ADEGA e MariñaPatrimomonio), denegando finalmente o permiso. A acción proposta consistía na realización dunha cata de 3x3 metros, coa intención de recoller os materiais arqueolóxicos, documentar as estruturas do forno e averiguar se existen outras estruturas anexas ao xacemento. Posteriormente, a cata sería novamente tapada e, cos datos obtidos, avaliaríase se cumpría adoptar outras medidas, tales como o traslado das estruturas atopadas ou a construción dunha escolleira de protección.

Patrimonio esixe importantes modificacións no proxecto que, segundo estes oito colectivos, fai inviable a actuación. Esixe, por exemplo, "modificar as dimensións da sondaxe”, así como "executar unha pequena escolleira diante das escadas e da zona escavada". Arqueólogos consultados sobre estes requisitos esixidos pola Xunta consideran que cunha cata arqueolóxica reducida, como propón Patrimonio, non abondaría para recoller os materiais arqueolóxicos, non se poderían documentar as estruturas e sería imposible saber se o xacemento ten continuidade, polo que carecería de sentido facer unha intervención da que non se van obter resultados. En canto á construción da escolleira, destacan que "o seu custe é para nós inasumible como moi ben sabe Patrimonio", e cren que "pode que precisamente por iso se nos impoña como unha das condicións para autorizarnos a escavación".

Mariña Patrimonio cre que as condicións esixidas significan que "a Xunta non autoriza o proxecto de intervención presentado" e polo tanto renuncian a facelo. Cren positivo, no entanto, que o labor de difusión e información pública realizado permitise "que a cidadanía coñeza a existencia e a importancia do xacemento das Catedrais, así como o estado crítico no que se atopa". Esperan que sexa o propio departamento de Patrimonio quen se ocupe de levar a cabo os traballos necesarios para investigar e protexer o xacemento, pero advirten de que "se a Xunta non actúa e tampouco nos deixa facelo a nós, a opción que queda é que o mar leve o xacemento das Catedrais"; "e iso, ademais de indignante sería vergoñento", conclúen.

Restos achados no forno de Esteiro © Monte da Esculca
Forno romano nas Catedrais © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.