"Tens que entender/ Que não há diferença entre nós/ É a mesma essência/ E se a minha liberdade não existe/ A tua é só aparência”. Así remata Primeiro mundo, un dos temas de Clave Bantu, o primeiro disco da cantora angolana Aline Frazão. De Luanda -a súa cidade natal-, a Lisboa ou Compostela, pasando polo Brasil ou Cuba, o álbum realiza un percorrido polas sonoridades que a conformaron como artista. Aline participou no 2010 no Cantos na Maré, e xa non deixou Galiza. Hoxe é unha máis do grupo de músicos da lusofonía que botaron raíces na nosa terra. Este xoves 16, ás nove e media da noite, abre no Teatro Principal de Santiago o ciclo Íntimo&Acústico, organizado desde a concellaría de Cultura.
Que tes previsto tocar no concerto?
A idea é presentar o disco, mais tamén tocarei algún tema do meu proxecto anterior, ‘A minha embala’, como ‘Maria Silêncio’, co que gañamos o concurso ‘Musicando Carvalho Calero’. E algo da música tradicional angolana, que difundila é un dos meus obxectivos.
Cancións como ‘Primeiro Mundo’ ou ‘Na boca de Angola’ teñen un contido máis político, fronte a outras de corte máis intimista. Mais hai inquietudes túas que están moi presentes no traballo, como a emigración...
Si, as cancións reflicten os meus intereses, por iso é normal que se repitan temas que me preocupan como o da emigración. A min non me pasou o que conto en ‘Primeiro Mundo’, pero observei as dificultades que moitos africanos e sudamericanos teñen para conseguir papeis. ‘Na boca de Angola’ fala de desencanto coa clase política, coas persoas que conseguiron a independencia do país pero que se manteñen no poder por beneficio propio, como pasou en moitos outros lugares do mundo. Por iso digo que ten que haber unha xeración nova... ‘Camiño do Sur’ idealiza o Sur como unha solución para o planeta, para falar no fondo do contraste entre a cidade e o rural... Outras temáticas teñen máis que ver coa saudade, o sentimento. E con ese xeito de ver a vida da cultura africana, máis relaxado, deixando que a clave te guíe...
Tamén hai imaxes que aparecen moito, como o mar. A túa traxectoria ten moito que ver co océano, a viaxe...
O mar forma parte do meu imaxinario. Cando vivín en Madrid foi a primeira vez que non tiña o mar. E con el asocio a saudade, tamén.
Desa época venche o formato acústico que este disco mantén. Guitarra e voz, con algo de percusión. Lembra bastante a música brasileira.
É moi típico da música brasileira, si, a guitarra máis voz, sobre todo da bossa nova. Pero no disco tamén está o contrabaixo de José Manuel Díaz, a batería de Carlos Freire, o trombón de Ruben da Luz e a guitarra de Sérgio Tannus. Todos os instrumentos son importantes para crear a textura que queriamos.
E que textura é esa, entón?
A que xorde ao xuntarse tres músicos tan distintos como somos José Manuel Díaz, Carlos Freire e eu. Queriamos manter ese son acústico, esa frescura e intensidade do formato de guitarra e voz, tan próximo do público. A música africana é o eixo central, ao que se unen outros ingredientes como a brasileira ou a cubana. Ademais de África é de onde procede a raíz de moitas músicas do Brasil e doutros países.
Cantos na Maré marcou o inicio da túa relación con Galiza. Como te encontraches cos membros do teu grupo, José Manuel e Carlos?
A José coñecino no Dado Dadá, de Carlos faláronme... Comezamos a traballar xuntos e foi ben.
No disco son todas composicións túas, menos ‘O céu da túa boca' de José Eduardo Agualusa e ‘Amanheceu' de Ondjaki. Xa antes musicaras poesía. A literatura é importante no teu traballo.
Si, e sobre todo a literatura africana, dentro da lusófona. Non se pode falar de literatura angolana sen falar de Ondjaki ou de Agualusa. Con eles comparto imaxinario, xiros da lingua... e agardo facer máis colaboracións neste sentido.
Formas parte de ‘Cacimbo’, obradoiro educativo para nenos impulsado pola Agal. Cal é o teu papel nel?
O obxectivo é achegar aos nenos aos países africanos a través da lingua. Falta moita información aquí e en toda Europa sobre África. A música, os vídeos e as actividades interactivas serven para conversar cos nenos sobre os países africanos de fala lusófona. Para min a lusofonía é unha bandeira, e creo que ademais só ten sentido con Galiza. Porque entre os países que forman parte dela houbo no pasado unha relación xerárquica que pode complicar as relacións. Pero Galiza é un país neutro que non participou daquilo. E penso que potenciar a lusofonía sería bo para todos, non só a nivel cultural. Tamén a nivel científico, de emprego...