A memoria musical do barrio máis 'denso'

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' CC-BY-SA Música en Branco

"A cidade é un libro que se le camiñando", dicía Agustín Fernández Paz. Pero tamén é un territorio que se entende escoitando os seus sons, a súa música e recompilando súa historia cantareira. Iso é parte do que pretende o proxecto Música en branco: memoria da Agra do Orzán, presentado este luns na Coruña, unha intervención urbana que investiga, documenta, difunde e pon en valor a memoria musical e sonora deste popular (e populoso) barrio. Unha iniciativa que "explora o patrimonio inmaterial e subliña o valor comunicativo da música e a súa capacidade para xerar un tecido común".

'Música en branco' revela "o valor comunicativo da música e a súa capacidade para xerar un tecido común"

"Rúa Barcelona, o Hong Konk galego, damos unha vida por un palmo de terreo... Polo si, polo non, especulación...", cantaban Xurxo Souto, Mangüi e Ángel Campos, un veterano veciño do barrio, no bus da liña 7, ese que une Monte Alto coa Agra, e que foi a sede dunha das múltiples iniciativas de Música en branco. Un programa de radio itinerante que terá máis capítulos e que sorprendeu os viaxeiros do autobús entre canción e canción tradicional e taberneira da Coruña, ao tempo que Souto facía un percorrido histórico e musical polas diferentes zonas da cidade que atravesaba o vehículo. Unha viaxe que espertou as lembranzas dos veciños, que arrancou os aplausos e os coros dos presentes e que suscitou debates como o das dúas señoras que discutín sobre por que o barrio dos Mariñeiros era coñecido tamén como "o das zocas" ao reivindicar así o ruído que os seus veciños facían antigamente con este calzado.

O programa de radio itinerante no autobús urbano espertou as lembranzas musicais dos veciños e alentou debates sobre a toponimia popular da cidade

"Sempre houbo moita música nas tabernas da Coruña, sobre todo cando algún bebía algo de máis", lembraba entre risas Ignacio Nóvoa, un veciño de 83 anos, que se atopou no bus urbano con melodías que lembraba da súa época máis nova e que celebrou un proxecto que lle espertou as lembranzas do espírito máis cantareiro da cidade á que chegou desde Pontedeume hai décadas.

Música en branco leva meses traballando. Primeiro na recolleita de información sobre a contorna, os veciños e a súa relación coa música entre o que se inclúe a consulta de fontes docuementais e bibliográficas ou a realización de 60 entrevistas persoais. Agora, chega o momento de envorcar toda esa información en oito liñas de actuación que inclúen estas Barriografías de Xurxo Souto, un obradoiro de sendeirismo urbano ou as audioguías elaboradas polo colectivo Escoitar.org que permitirán percorrer o barrio ao son da súa memoria musical. "Un museo virtual a disposición de todo o mundo a través do seu móbil e de forma gratuíta", lembrou Julio Gómez, responsable de Sinsal, autor dun proxecto da Concellería de Cultura no marco de Urbana-C, Programa Integral de Rexeneración Urbana financiado tamén pola UE.

"A Agra do Orzán convértese na primeira contorna barriografiada da historia", lembra Xurxo Souto

"A Agra do Orzán convértese na primeira contorna barriografiada da historia", reivindicou o músico Xurxo Souto, que lembra o "centro de diversidade" que supón un barrio con 30.000 habitantes, 689 por hectárea, o de máis densidade poboacional de Galicia e un co maior número de habitantes por metro cadrado de España e Europa, onde se xuntaron desde "as melodías dos anos 70" chegadas cos emigrantes das comarcas limítrofes ata os sons africanos dos moitos cidadáns senegaleses que agora habitan a zona, pasando antes por ser a orixe do rock e do folk feito na cidade. O resultado: "unha experiencia inaudita" que contará tamén cun mapa sonoro do barrio a partir das microhistorias da música recollidas polo proxecto, unha memoria das mulleres do lugar ou unha exposición final no centro Ágora que culminará unha iniciativa que comezou no decembro pasado e que finalizará este outubro.

"Será unha forma de fortalecer o diálogo entre a sociedade a través da música e tamén de coñecer máis exhaustivamente o barrio para darlle unha maior calidade de vida", explicou tamén a concelleira de Cultura, Ana Fernández, na presentación oficial no centro Ágora. "É a música ligada á socioloxía, como fonte de inspiración para recuperar o pasado e xuntar documentación para o futuro", engadiu Julio Gómez logo de que Xurxo Souto volvese reivindicar a riqueza musical dunha cidade que deu a personaxes populares como Canzobre ou Querelé da Silva, pero tamén a Pucho Boedo, Luar na Lubre ou Os Diplomáticos de Monte Alto.

 

Actuación nun bus no programa itinerante 'Barriografías' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.