Un ano máis a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) pechou con éxito de público e crítica, malia todos os recortes (un 20% no orzamento con respecto ao ano pasado e a case nula participación da AGADIC). Grazas aos esforzos da organización, que axustaron ao máximo, e das compañías participantes, que reduciron cachés e colaboraron cos gastos, e, sobre todo, grazas ao gran nivel das propostas tanto universitarias como profesionais, a 18ª edición rematou onte entregando os seus premios, entre outras, ás aulas de teatro de Lugo e Santiago de Compostela e á Plataforma das Artes Escénicas. Tamén facendo un balance moi positivo. Dío Fernando Dacosta, director da MITEU, quen afirmou que “as cifras foron moi similares ás das últimas edicións”, o que confirman todas as compañías invitadas e o xurado e público fiel, que salientan o “bo nivel xeral” e“a importancia dun festival así en Ourense”.
A MITEU baixou onte o telón ata unha incerta vindeira edición (só o apoio sempre fiel do público pode garantir a súa supervivencia) cun fin de festa intenso, protagonizado coma sempre pola compañía de teatro universitario local, Maricastaña (último e máximo nivel das aulas de teatro ourensás), o “Classics Duo” de Jango Edwards e Cristi Garbo, e a música do grupo Ménage à Trois. Antes de Maricastaña, no mesmo escenario do Teatro Principal de Ourense, celebrouse a habitual gala e entrega de premios ás compañías sen caché, é dicir, non profesionais. Coma sempre, a compañía Sarabela despregou un gran espectáculo, recreando un “western” con vaqueiros, unhas particulares bailarinas e Sétimo de Cabalería incluídos, e Fernando Dacosta, mestre de cerimonias, caracterizado como un actor máis.
A MITEU baixou onte o telón ata unha incerta vindeira edición
Malia a diversión, houbo momentos para a denuncia social e política, cuns altos cargos “responsables” da cultura do país que parecían máis “viláns” e “bandidos” dunha película do oeste que representantes dos cidadáns. O director da MITEU lembrou que queren roubarnos “a educación, a sanidade, a xustiza”, e tamén “a cultura”. Foi xusto ao final da gala, cando entregou o premio da Organización á Plataforma das Artes Escénicas “pola súa loita para dignificar a profesión teatral galega e o teatro galego”. Polo seu lema "Cultura contra a mentira", “tan preciso nestes tempos”, e “polo traballo e as accións levadas adiante cun grande esforzo para que continúe a haber redes de exhibición teatrais, axudas ás producións e Festivais e Mostras”. Foi unha forma de recoñecer o papel da cultura nestes momentos en que se cuestiona a súa utilidade a través dos recortes significativos en orzamentos institucionais, a paralización das redes de teatros e medidas como a suba do IVE.
Antes foron desfilando polo escenario as distintas aulas universitarias recoñecidas, tanto polo público como polo xurado, a organización e os técnicos de Teatro Principal e Auditorio Municipal. De forma excepcional, os premios do Xurado e do Espectador “Carlos Couceiro e Begoña Muñoz” coincidiron en ir para a Aula de Teatro de Lugo pola súa anovadora adaptación de “Animaliños”, de Roberto Vidal Bolaño. Uns emocionados e animados actores recolleron os premios tamén no nome da súa directora, Paloma Lugilde, da que o xurado destacou o carácter rompedor da súa posta en escena e a “xenerosidade” á hora de dirixir e deixar crear ós propios alumnos. Pola súa banda, os galardóns “Suso Díaz” á mellor resolución técnica foron para os portugueses Teatr'Ubi/Asta de Covilhâ, con “Parecia que dançávamos. Tu vestido de príncipe e eu nua” (Auditorio), e para a Aula de Teatro da USC de Santiago de Compostela con “Agamenón. Volvín do supermercado e dinlle unha malleira ao meu fillo” (Teatro). Ademais, houbo mencións especiais, novamente para a Aula da USC de Santiago, para o brasileiro Eduardo Okamoto por “Agora e na Hora da Nossa Hora”, e para o TEUC de Coimbra por “Projecto H”.
De forma excepcional, os premios do Xurado e do Espectador “Carlos Couceiro e Begoña Muñoz” coincidiron en ir para a Aula de Teatro de Lugo
Xusto despois, Maricastaña ofreceu o último espectáculo de teatro universitario, coa representación de “Suicidio Colectivo con Encanto”, dramaturxia libre de Fernando Dacosta a partir de “Delicioso Suicidio en Grupo”, do autor finés Arto Paasilinna. Personaxes que ven na morte a única solución xúntanse nun seminario de suicidioloxía proposto por un deles, e así emprenden unha longa viaxe tamén interior no que se citarán a morte e a vida, levadas ata o extremo. Un espectáculo coral, dinámico, rico en recursos sensoriais e cunha música moi ben escollida, o característico da aula Maricastaña, no que o director conseguiu que todos os actores e actrices tivesen o seu momento de gloria e brilasen con voz propia, nunha función que, como todas as de Maricastaña en Ourense, encheu o Teatro Principal e conseguiu esgotar as entradas dende moi cedo.
A continuación, o último espectáculo de teatro profesional ofreceuno o actor estadounidense Jango Edwards, xunto á barcelonesa Cristi Garbo. Ambos ofreceron en Classics Duo unha “áxil selección” de números cómicos con mimo, gags e cancións sacados do mellor do repertorio dos dous. Mimo, clown, cancións, comedia, revista, jazz, e, por suposto, moito humor. Foi o broche de luxo no Auditorio a dezaséis días do mellor teatro tanto universitario como profesional.
Á unha da madrugada, os que aínda tiveron ganas de festa puideron disfrutar no Café Cultural Auriense da música de Ménage à Trois, coa súa fusión de estilos, blues, funk, ska, bossa, reggae, “todo orientado ao estilo pop-rock, misturado cunha estética e un son moi persoal e pouco común”.
Tanto o público como o xurado do certame coincidiu en sinalar “o bo nivel xeral” das propostas.
Tanto o público como o xurado do certame coincidiu en sinalar “o bo nivel xeral” das propostas. Aínda que “é difícil salientar” un espectáculo sobre os outros, hai algúns “que están chamando moito a atención”, afirmou Dacosta esta semana. Hoxe facía un balance moi positivo destas dúas semanas de teatro sen interrupción. A falta dun reconto definitivo de espectadores, explicaba que as cifras foron “similares” ás das últimas edicións. “Algo menos en teatro en espazos convencionais, quizais, pero máis público na rúa e espazos alternativos. Podemos falar dun achegamento aos 10.000 espectadores novamente se sumamos Auditorio, Teatro Principal, Campus, café Auriense, actuacións de rúa e animacións de rúa durante toda a MITEU. Menos punta de espectadores por arriba pero mínimos máis altos, o que equilibra a tendencia dos últimos anos”.
Nesta edición, na que participaron 300 actores, directores, técnicos, músicos e bailaríns de universidades e compañías profesionais de Galicia, España, Portugal, Italia, Estados Unidos, Brasil, Ecuador e Arxentina, brilaron “as novas formas escénicas” a carón dunha “preocupación polo teatro social”, “tónicas” desta edición da MITEU, que “destacou polo gran nivel das compañías participantes”. Deste xeito, a MITEU de Ourense consolídase como a mostra de teatro máis importante de Galicia xunto coa de Ribadavia.