A Mostra de Cine Etnográfico máis ambiciosa amosará 20 "xeitos de vivir e de entender a vida"

Cartaz da Mostra Dominio Público Praza Pública

Do 13 ao 18 de xuño Compostela acollerá a 11ª Mostra Internacional de Cine Etnográfico (MICE), no que se proxectarán 20 filmes de varias nacionalidades en tres salas: Salón Teatro, Teatro Principal e Museo do Pobo Galego, que organiza o evento. Entregaranse os premios á mellor película, mellor produción galega ou sobre Galicia, e premio do público. O obxectivo, destacan os seus impulsores, é "amosar aspectos relacionados coas distintas realidades socioculturais e os xeitos de vivir e de entender a vida no seo dunha comunidade". Abrangue obras que teñen como foco principal persoas, grupos sociais ou procesos históricos relevantes relacionados coa antropoloxía e a etnografía. 

O obxectivo é "amosar aspectos relacionados coas distintas realidades socioculturais e os xeitos de vivir e de entender a vida no seo dunha comunidade"

A Mostra botou a andar no 2006 e xa naquela edición o evento galego contou coa colaboración de Espiello, Festival Internacional de Documental Etnográfico e do Servicio de Cultura da Comarca de Sobrarbe (nos Pirineos de Huesca), que apoiou e asesorou á organización do MICE. Hoxe continúa a relación con Espiello, que mantén unha sección propia. Desde 2009, ademais de contar coa programación de películas durante a semana da Mostra, o evento impulsado polo Museo do Pobo Galego apostou por ir construíndo unha colección de pequenas pezas que, coa intención de presentar cada edición, foran á súa vez pezas de autoría. A da 11ª edición foi encargada á realizadora galega residente en Cataluña, Raquel Rei pero antes este papel correspondeu a Illa Bufarda (con Patentado Non) ou Cinta Adhesiva. Neste 2015 a cita compostelá dá un novo salto, converténdose nun certame internacional, ampliando espazos de proxección e o número de filmes participantes.

Neste 2015 a cita compostelá dá un novo salto, converténdose nun certame internacional, ampliando espazos de proxección e o número de filmes participantes

Ademais, nas últimas semanas o Museo do Pobo veu realizando actividades previas, dedicadas a presentar outras propostas ao redor do audiovisual e a etnografía: Patrimonio do Xurés (de MaOs Innovación, Feitoría Verde e Illa Bufarda), o Festival internacional de Cine Rural Carlos Velo e a proposta Miradas Transversais, desenvolvida por Videodinamizarte para o Museo e no que traballaron a realización de curtas con persoas para maiores de 65 anos.

Estes son os filmes que se poderán ver ao longo da Mostra, dos que se pode ler toda a información no programa do evento: Tesouro de corcoesto, Cantos y crónicas de una barriada olvidada, Os días afogados, Los pelotaris, Las lágrimas de África, Fíos fóra, Extremos Viaje a Karukinka, Muros, Espés, Strana udehe, Alpuxarras, District zero, A seara, Verengo, Viacrucis migrante, 56, Reveka, Bango, Baratometrajes 2.0 El futuro del cine hecho en España, 01:05:12 Una carrera de fondo, Cottondreams, Boliviana, Lejos de la orilla, Le chant du cygne, La mujer y el agua, Un giorno a Wamba.

Programa completo da Mostra Internacional de Cine Etnográfico Dominio Público Praza Pública
Cartaz da Mostra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.