A Mostra de Teatro de Ribadavia homenaxeará a Francisco Pillado

Francisco Pillado CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia homenaxeará na súa edición 2012, que comezará a vindeira semana, a Fransico Pillado, ao quen lle entregará o Premio Abrente de honra. A Mostra quere recoñecer a súa "ollada ampla e preocupación activa polas letras galegas, ora dende a directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega ora como director da revista Casahamlet ou da colección Arlequín de teatro ou da editorial Laiovento". E salienta que "as súas tarefas e a súa actitude de esforzo, esperta á vontade creadora e crítica, son un exemplo das ramificacións e bondades pedagóxicas das artes escénicas, do valor do pensamento artístico e da necesidade dun novo concepto da economía social".

Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, recoñeceu ter "unha satisfacción moi especial porque é un premio moi prestixioso, e porque a xente que levou a Mostra Internacional de Teatro todos estes anos converteu a Ribadavia na capital do teatro en Galicia". En Ribadavia construíronse os alicerces do teatro galego, dende finais dos anos sesenta: "iamos con moita frecuencia a Ribadavia", lembra Pillado, que salienta que "nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da democracia para nós o teatro era un gran medio de expresión de ideas".

"Nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da democracia para nós o teatro era un gran medio de expresión de ideas"

Francisco Pillado dedicou e segue dedicando toda a súa vida ao teatro, dende ámbitos moi distintos. Non se pode esquecer a importancia que o grupo de teatro do Facho tivo para a construción das artes escénicas galegas dende 1965, ou a que tiveron nos anos despois outros grupos que tamén creou: Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) ou Elsinor Teatro (1990). Traduciu ao galego a Chékhov, Beckett, Strindberg , Genet e moitos outros, e foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ademais, publicou o Diccionario do teatro galego (1671-1985), a Antoloxía do Teatro Galego e durante anos os Cadernos da Escola Dramática Galega, ademais de dirixir a revista Casahamlet.

A Acta do premio non esquece o labor desenvolvido pola editorial Laiovento, da que Pillado é director, na publicación de textos dramáticos na nosa lingua, moitos deles realizados por autores galegos moi novos

A Acta do premio non esquece o labor desenvolvido pola editorial Laiovento, da que Pillado é director, na publicación de textos dramáticos na nosa lingua, moitos deles realizados por autores galegos moi novos, aos que Pillado lles foi dando a súa primeira oportunidade. Pillado amósase especialmente orgulloso por esta mención e este recoñecemento "ao feito de que en Laiovento publiquemos moito teatro, a pesar de que é o xénero que menos vende. Pero como creo que en Galicia hai grandísimos dramaturgos, creo que é importante que sexan publicados".

A Mostra afirma, na acta do premio concedido a Pillado que "a memoria e o coñecemento son elementos fundamentais tamén na construción dun teatro nacional que posúa afán de rigor, mellora permanente da calidade e ampla difusión das súas actividades. Ningunha experiencia artística prestixiosa está desvinculada da innovación, a formación e o estudo permanente das súas técnicas, estratexias, axentes e correntes estéticas". E conclúe que "consciente de todo isto, Francisco Pillado Mayor levou a cabo en solitario ou na compaña doutras destacadas personalidades do noso teatro coma Manuel Lourenzo, proxectos fundamentais e xa míticos para o desenvolvemento das artes escénicas contemporáneas".

Presentación da edición 2012 da Mostra de Teatro de Ribadavia © MIT
Francisco Pillado CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.