A 'Nabiza Girl' de Isabel Risco vira nunha serie de animación para "motivar" a mocidade no uso da lingua

Isabel Risco, coa versión da 'Nabiza Girl' en stop-motion © Algarabía Animación

A produción busca "motivar" o público familiar e adolescente para o uso da lingua galega. Os diferentes episodios poñen o foco principalmente nun aspecto concreto da situación idiomática en Galicia: a influencia que ten o galego sobre o castelán falado

Dende hai anos a actriz Isabel Risco vén levando a súa Nabiza Girl por todos os recantos do país, unha personaxe que virou moi popular e cunha indumentaria -dende á fouce á estrela vermella- doadamente recoñecible. Agora esta "superheroína rural" dá o salto á animación coa serie Así falamos, así sentimos, unha produción en stop-motion creada pola produtora coruñesa Algarabía Animación para a súa difusión en redes sociais.

O proxecto, que conta co apoio da Deputación da Coruña a través das súas axudas á produción de proxectos singulares de especial interese, é un labor colectivo no que Carlos Ares se ocupa do guión, Manuel Cráneo da dirección artística e Marta Horjales da coordinación dun traballo realizado por Algarabía Animación, produtora encabezada por Tomás Conde e Virginia Curiá. Ademais, por suposto, Isabel Risco ponlle voz a esta Nabiza Girl animada. Cómpre destacar, ademais, que o grupo coruñés Tiruleque lle pon a música á serie e que Laura Blanco Caramés é a responsable dos decorados e mais do atrezzo.

@asifalamosasisentimos En galego utilizamos a palabra “reseso” para dicir que o pan xa leva varios días feito. Que está duro e non está ben para comer. Pero non faledes coa boca chea!!! @algarabiaanimacion @carlosares66 #galego #Galicia #engalego #aprendecontiktok #galiciamola #gallegos #galegosnotiktok #galega #galiza #galiciamola #galiciatiktok #galiciacalidade ♬ sonido original - Así falamos, así sentimos

A serie, que nace co obxectivo de reforzar a identidade galega entre a mocidade cun ton natural e desenfadado, pódese seguir a través das súas contas de Instagram e TikTok. O primeiro capítulo xa está dispoñible e os próximos episodios emitiranse nos seguintes días: sábado 16, martes 18, venres 22, luns 25 e mércores 27. 

A serie, que nace co obxectivo de reforzar a identidade galega entre a mocidade cun ton natural e desenfadado, pódese seguir a través das súas contas de Instagram e TikTok. 

A produción busca "motivar" o público familiar e adolescente para o uso da lingua galega. Os diferentes episodios poñen o foco principalmente nun aspecto concreto da situación idiomática en Galicia: a influencia que ten o galego sobre o castelán falado, polo que xoga a inverter unha perspectiva frecuente do debate lingüístico, que adoita xirar habitualmente sobre a pegada do castelán sobre a nosa fala, para deste xeito "chamar á reflexión e pór en valor a potencia expresiva do galego, mesmo en ámbitos que adoitan serlle hostil".  

Mostras disto atópanse xa nos títulos de cada episodio, bautizados con palabras como “Reseso”, “Pota”, “Esnafrar”, “Esmagar”, “Cheirar” ou “Refugallo”. 

Tres capturas de 'Asi falamos, así sentimos' coa 'Nabiza Girl' © Algarabía Animación

O proxecto é un labor colectivo no que Carlos Ares se ocupa do guión, Manuel Cráneo da dirección artística e Marta Horjales da coordinación dun traballo realizado por Algarabía Animación

Nabiza Girl continúa así o seu camiño de exploración polos diferentes formatos artísticos, despois dunha longa traxectoria nos escenarios e tras protagonizar o fanzine ‘Operación Breogán’, creado pola propia Risco xunto a Carlos Ares e Manel Cráneo, que repiten no actual equipo.

A superheroína ocupa, ademais, un espazo tradicionalmente monopolizado por personaxes masculinos que non dubidan en amosar a súa bravura, a súa valentía e mais a súa forza para converterse en auténticos referentes. Entre superpoderes que ten Nabiza Girl destacan a afouteza, unha conciencia inequívoca sobre a identidade galega e un manexo impecable do humor. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.