Uxía non para. Cuns poucos meses de diferencia, presentou catro discos: Meu canto, Andando a Terra: Uxía canta a Manuel María, Cantigas de mulleres e Maria Fumaça. Ademais de preparalo todo para a celebración dos dez anos de Cantos na Maré hai uns poucos días. A cantante e compositora galega abriu hai xa anos un camiño de encontro coa cultura doutros países lusófonos que deu, cada vez, froitos máis maduros. Como Meu canto, un traballo alicerzado no esencial: guitarra e voz. E compromiso coa nosa terra.
"Andando a terra foi un encargo que asumimos con moita responsabilidade porque Manuel María é un poeta moi cantado, -e moi ben cantado, e había que buscar outra perspectiva..."
Andando a terra foi proposta vosa ou da Fundación Manuel María?
A Fundación convidounos a unha homenaxe que celebrou en setembro, cadrando coa data de nacemento de Manuel María. Cando me chaman para algo así tento non facer o meu repertorio de sempre, senón algo distinto. Sérgio e eu preparamos, así, algúns temas, musicando poemas. E á Fundación gustoulle tanto que nos propuxo gravar un disco enteiro que puidese acompañar a publicación do libro Os lonxes do solpor. Foi un encargo que asumimos con moita responsabilidade porque Manuel María é un poeta moi cantado, -e moi ben cantado-, e había que buscar outra perspectiva... É, ademais, unha figura moi poliédrica: con poemas máis intimistas, máis comprometidos... Quixemos ofrecer unha visión o máis ampla posible. E deixámonos guiar, na selección, polo corazón, a verdade. Para min foi tamén un xeito de volver facer algo que non facía desde a miña época na radio: recitar sobre un fondo musical. Fixemos algunha versión, como a de O carro...
Non debe ser nada fácil. Estamos afeitos á música de Mero...
A min é un dos temas que máis me gustan do disco. O acordeón de Serginho Sales é precioso, o final é como un alalá... Fixemos unha versión distinta, claro, a partir do traballo de Mero, que é unha melodía moi sinxela e moi fermosa, que tratamos con moito respecto e moito cariño. Tamén a versión de Fuxan os Ventos con cuarteto de corda era xa algo especial... Despois facemos unha versión de Manual do señorito que, claro, coñecemos por María Manuela. Pedinlle consello a ela, introducimos a trompeta de Paino... É un dos temas máis irónicos da música galega, e tratar esa dimensión de Manuel María tamén nos parecía interesante. O carro segue a estar de actualidade: a soidade no rural... É un tema que sempre me emociona cantar. Ponme a pel de galiña.
Ademais de Serginho e Paino están, como músicos, Sérgio Tannus e Quim Farinha. Xente coa que traballas moito. E na pandeireta Olga Brañas.
Son músicos da comunidade brasilega, si. E tamén Quim, que lle chamo primo aínda que non somos da familia por tantas cousas que fixemos xuntos, e Paino, e Olga, que achega unha pandeireta moi fermosa en A fala. É un disco moi de guitarra e voz.
"Gustaríame ir con este disco a todos os recunchos do país, parroquia por parroquia cos seus poemas. Aínda que iso será difícil tal como están as cousas..."
Que é a liña que segues ultimamente, tamén en Meu canto... Como unha volta ás orixes: ao mínimo.
Tamén é que me decatei de que era a liña que mellor me acaía... Andando a Terra foi o primeiro disco gravado nos estudos Son Brasilego, antes da gravación do propio disco de Sérgio Tannus. Foi moi cómodo traballar con calma, na casa..., aínda tendo un prazo de entrega. A mestura fixémola en Friol, en Abrigadeiro Estudios de Arturo Vaquero. E estar alí no medio do campo tamén era un xeito bonito de traballar cos poemas de Manuel María. Un dos temas deste disco é Rosa namorada, que está xa en Meu canto, e que antes de Meu canto era inédito -agora o poema está en Os lonxes do solpor-. É un poema dedicado a Saleta, a muller de Manuel María. E eu teño a sensación de que a el lle gustaría telo escoitado. Eu coñecino, e era un home moi sensible para a música, para a literatura, para a cultura en xeral. A min ensinoume moitas cousas e o disco é como un xeito de agradecerlle todo o que nos deu. Por iso escribín no disco que fixen un pacto con el para devolverlle ao pobo a inspiración que el lle deu. E por iso me gustaría ir con este disco a todos os recunchos do país, parroquia por parroquia cos seus poemas. Aínda que iso será difícil tal como están as cousas...
Hai letras de contido máis político-social, como a propia Manual do señorito, Bando, A fala. Teñen unha especial enerxía, e tamén no disco.
É unha das cualidades dos poemas de Manuel María: uns son máis intimistas, outros así tan enerxéticos como dis... Bando é tan actual... A fala di moitas cousas, moi importantes e tamén de moita actualidade: "O idioma é a chave coa que abrimos o mundo"...
"Manuel María tamén era así: desfrutaba cada momento: a literatura, a música, o cheiro da terra mollada, a paisaxe... E iso fai, claro, que me sexa doado identificarme con el, polo seu compromiso coa terra e coa lingua"
Escribiches tamén, no libretiño no que están recollidas as letras, que "Manuel María é o gozo de vivir". A túa música ten tamén moito que ver con iso. Se cadra iso facilita que te identifiques con el...
Gústame vivir intensamente a vida: o traballo, a amizade... todo, é certo. E teño a sorte de ter nacido nun país que facilita iso pois, contra o que di o tópico, somos un país moi dado á festa, á alegría, ó encontro... Tamén me gusta viaxar e coñecer sitios novos... Sempre sen perder a identidade, sabendo de onde ves e cara onde queres camiñar. E teño a sensación, si, de que Manuel María tamén era así: desfrutaba cada momento: a literatura, a música, o cheiro da terra mollada, a paisaxe... E iso fai, claro, que me sexa doado identificarme con el, polo seu compromiso coa terra e coa lingua. E creo que temos que apostar por iso, por poñer en valor o patrimonio tan fermoso que temos, e por enriquecelo. Nin sequera fai falta facer grandes cousas, senón facer algo pequeno, desde o cotián. Como a música.
Estás a traballar en moitas cousas ao mesmo tempo. Presentando este disco, Meu canto, Cantigas de mulleres, Maria Fumaça, ata hai uns días Cantos na Maré...
Moitas cousas, si. Coincidiron as presentacións de moitos proxectos distintos. O 15 de febreiro teño un concerto co que comeza no Teatro Principal de Santiago un ciclo de cantigas de mulleres, no que participarán unha parte das que están no disco Cantigas de Mulleres. Tamén imos facer presentacións do disco de Manuel María, agora vou ir a Escocia a Celtic Connections do 1 ao 3 de febreiro... O disco Maria Fumaça queremos levalo polos colexios...
Musicar poemas, como en Andando a Terra, é en realidade algo que fixeches desde que comezaches a túa carreira musical.
Desde os quince anos, en realidade. Rosalía, Celso... todos os poetas que me conmovían. Traballara co poemas de María Mariño... A nosa é unha terra moi rica en poesía. En Danza das Areas xa estaba tamén Rosalía, que está en Meu canto con Daquelas que cantan, que formaba parte daquel espectáculo que fixeramos que se chamaba Son Delas. En Meu canto está ademais Alalás encadeados, outro tema que nos abriu moitas portas. E ten unha historia especial, porque foi o fillo de Novoneyra quen nos regalou a letra. Díxonos que o pai escribira ese poema para ser cantado, nós musicámolo e acabou sendo
o tema co que pechamos moitos concertos. Na xira por Brasil foi un dos temas máis poderosos e aplaudidos. Uxío é un dos meus poetas favoritos... En realidade temos material para gravar outro disco con poemas del, pero de momento está gardado, que non hai tempo para todo. Outra conexión coa poesía xa aparecía nun dos meus primeiros discos, de lírica medieval. Outra das miñas constantes é, claro, a música tradicional.
"Temos, na historia da nosa música, un auténtico tesouro, ó contar con compositores tan bos: José Castro Chané, Xoán Montes..., e temos que poñer en valor o seu traballo. Dándolle unha lectura máis actual..."
Presente en Meu canto en varios temas: Verde-gaio, Xente de festa, Alalá das mariñas, Ramo Verde... Tes algunhas versións ás que lles deches un toque tan distinto que incluso nos primeiros segundos pode custar recoñecelas. Como Os teus ollos...
En Os teus ollos, que é de Curros Enríquez e Chané, canta Lenine en Meu canto e, si, queriamos facer unha versión nova, mudando a harmonía, o xeito de enfocala. Son clásicos que canto moito: Os teus ollos, Unha noite na eira do trigo... No proxecto que fixemos para o Vía Stellae, Melodía sentimental de Galicia a Brasil, estaba, por exemplo, Lonxe da terriña... Temos, na historia da nosa música, un auténtico tesouro, ó contar con compositores tan bos: José Castro Chané, Xoán Montes..., e temos que poñer en valor o seu traballo. Dándolle unha lectura máis actual... En Meu canto está tamén O cuco a cantar, letra de Uxía Novoneyra con melodía nosa, ou A Rianxeira, que é un tema moi popular ó que quixemos tamén darlle unha volta. Ou Xente de festa, na que mesturamos a pandeireta galega co pandeiro portugués, e que ten esa enerxía tan poderosa das mulleres do país...
Colabora no disco, coa voz, nos recitados, Carlos Blanco, que é un amigo entrañable de sempre. Outra persoa á que lle gusta moito vivir a vida, viaxar... Foi moi bo telo en Brasil comigo. Sérgio Tannus e eu gravamos o disco no Brasil, con Jaime Alem como produtor, e creo que se nota o sosego, o bo ambiente do estudo Biscoito Fino... Meu canto ten un aire tropical, con todas as achegas dos participantes: Lenine, Socorro Lira, Fred Martins...
Meu canto é, dalgún xeito, como un resumo de toda a túa carreira. Algo novo, pero que recolle cousas de moitos dos teus proxectos anteriores.
Meu canto celebra os meus 25 anos na música. E é, sobre todo, unha reflexión sobre o acto de cantar. Por iso boa parte das cancións conteñen a palabra canto. Quixen, ademais, que a voz fose absolutamente preferente, que tivese moito espazo.
"Interésame máis compoñer e facer cousas novas. Xa chegará o tempo dun recompilatorio..."
Ese camiño xa o iniciaras, en realidade, se cadra con Eterno navegar. A voz xa era máis protagonista.
Si, pero Meu canto é máis minimalista nese sentido. A guitarra de Sérgio é máis contida, hai menos instrumentos: hai moito máis espazo para a voz. E ten, iso, moita reflexión sobre o que significa cantar para min. A voz contén a palabra e transmite as emocións. É un instrumento vulnerable: se estás mal nótase, se estás moi contenta tamén... É un instrumento que non minte. Escollín varias cancións sobre o canto: Como la cigarra, que canto desde a adolescencia, porque é unha das cancións que meu tío Pepe mandaba desde Arxentina; Minha Missão, dos grandes sambistas João Nogueira e Paulo César Pinheiro; Daquelas que cantan e Cantar e sorrir, letra de Rogaciano Leite con música de Socorro Lira. Tamén Terra minha e sua é un poema de Socorro Lira, musicado por Sérgio e por min. É un canto de fraternidade... É certo que o disco ten algo de retrospectiva, pero non no sentido de recoller os maiores éxitos nin nada así. Foi un xeito de celebrar os 25 anos pero mirando para adiante, e non tanto para atrás. Interésame máis compoñer e facer cousas novas. Xa chegará o tempo dun recompilatorio...
Hai tamén no disco un tema de Zeca Afonso, Menino do bairro negro.
Zeca sempre está presente na miña música, cante temas del ou non. É un dos grandes compositores da música universal e estareille sempre agradecida por todo o que aprendín del. Era un gran poeta, ademais.
"Tamén me sinto un pouco como embaixadora da música galega en Portugal: as miñas cancións soan moito na radio... Teño moitas afinidades con músicos portugueses"
A túa relación coa música portuguesa vén, de todas maneiras, de moi atrás. Nada raro, tampouco, tendo en conta que naciches en Mos...
Sempre me abraiou Portugal: a súa música, a súa literatura... Xa desde moi nova. E cando estaba en Na Lúa aprendín moito sobre música portuguesa. Pouco a pouco fun introducíndome na cultura portuguesa, coñecendo xente..., e agora é como se tivese outra familia no Porto, outra en Lisboa... Tamén me sinto un pouco como embaixadora da música galega en Portugal: as miñas cancións soan moito na radio... Teño moitas afinidades con músicos portugueses.
Que se notan en proxectos como o CoraSons...
Si, son proxectos de amizade. Cada vez que vou a Lisboa é unha festa... Teño moi bos amigos como João Afonso, Filipa Pais, Antonio Zambujo, Carlos do Carmo...
Con Carlos do Carmo cantaras en Cantos na Maré e gravaches un tema no disco de Sérgio Tannus Son Brasilego...
E foi a primeira vez que gravamos xuntos! O 21 de febreiro haberá unha noite galega en Lisboa, que organiza Aline Frazão, que agora vive alí. Será no Beleza e estaremos Narf, eu, Sérgio Tannus, Luanda Cozetti, Filipa, João Afonso, Carlos Blanco...
"O 21 de febreiro haberá unha noite galega en Lisboa, que organiza Aline Frazão, que agora vive alí. Será no Beleza e estaremos Narf, eu, Sérgio Tannus, Luanda Cozetti, Filipa, João Afonso, Carlos Blanco..."
Empezaches con Portugal, pero a túa relación coa lusofonía foi abranguendo máis espazo. En Danza das areas había varios convidados portugueses. En Eterno navegar presentáchenos unha Uxía máis "africanizada" e menos contida. En Meu canto está moi presente, claro, Brasil... Supoño que a organización de Cantos na Maré desde hai dez anos tamén influíu...
É certo que fun ampliando horizontes, coñecendo máis. Nuns traballos pesa máis Portugal, noutros máis Brasil, noutros máis África... sen esquecer a música galega, que é o que me alimenta e máis me inspira. Sempre o digo, pero é certo que nunca tentei forzar a fusión, senón que saíse dun xeito natural. De maneira que me saia coa mesma naturalidade unha morna que un alalá. Non é emular a ninguén, é traer todas esas músicas lusófonas ao meu terreo, desde a miña perspectiva persoal.
"Non pode perder a voz que lle é propia, nin a alegría, porque perdería parte da súa identidade. Lembro que na festa de homenaxe a Morgan acabamos todos na rúa cantando"
Sempre dis que o pobo galego non pode perder a súa voz...
Non pode perder a voz que lle é propia, nin a alegría, porque perdería parte da súa identidade. Lembro que na festa de homenaxe a Morgan acabamos todos na rúa cantando. Porque a música é iso, un alimento básico ó que non podemos renunciar, con toda esa forza telúrica que ten... Ademais, a min xa me vén de familia: meu pai cantaba, miña nai e dúas das miñas irmás, Ana e Raquel, están en Malvela... Eu mesma fago un traballo de produtora do que tamén estou moi contenta: Malvela, Señora Carmen... Foi realmente moi bonito, porque eran mulleres que cantaban no ámbito doméstico, e ó formarse Malvela a súa voz saíu ao ámbito público dándonos a todos unha lección de vitalidade... E realmente mudou a súa vida. Hai máis tempo formaramos outro grupo, Cantareiras do Berbés...
Malvela ten moito que ver con outra das constantes do teu traballo, que é precisamente subliñar o papel das mulleres como transmisoras da nosa música e a súa enerxía... O disco Cantigas de mulleres é resultado desta inquietude, non si? Tamén en Eterno navegar había algo de homenaxe ás mulleres fortes e activas que non se conforman cos roles tradicionais herdados.
Cantigas de mulleres xurdiu dunha conversa con Fernando Luaces. Había moitas mulleres no catálogo de Fol Música e pensamos en facer unha compilación. Sempre quixen visibilizar o traballo das mulleres na música. Ademais, as mulleres fomos gañando a pulso a visibilidade que temos agora na nosa música. Ás veces deixando grupos e buscando o noso propio camiño, como fixo Guadi Galego, ou Ugia Pedreira, ou eu mesma... Malvela son, como dicía, mulleres que saíron do ámbito doméstico para cantar. E así gañan conciencia de si, autoestima e confianza, e iso para min foi fundamental. Que tomasen conciencia do que son, mulleres libres. E síntome moi orgullosa dese traballo.
"A nosa lingua ten futuro e é unha oportunidade para ampliar horizontes. E é especialmente importante dicir isto nun momento no que temos unha Política Lingüística infame que parece que quere acabar coa lingua"
Celebrouse hai poucos días o décimo Cantos na Maré. Unha edición distinta, máis rockeira... Este festival é unha das probas do potencial da nosa lingua para abrirnos portas...
Queriamos facer algo diferente, si, xa que se celebraban os dez anos de Cantos na Maré, que á a festa da música e da lingua que nos une, respetando sempre a diversidade dentro da lusofonía. Carlos Santiago escribira un texto para a segunda edición que resume ben a idea: son voces que saíran do porto e que volven para a casa, volven ó berce da lingua. Gústame a idea de ilusofonía que saíu neste Cantos na Maré. Porque a nosa lingua ten futuro e é unha oportunidade para ampliar horizontes. E é especialmente importante dicir isto nun momento no que temos unha Política Lingüística infame que parece que quere acabar coa lingua. É terrible, pero hai que traer esperanza en que isto vai cambiar. Para que o galego estea vivo en todos os ámbitos, e non só nos rituais. Xa di Manuel María en A fala que o idioma é a chave coa que abrimos o mundo... E a nosa chave é o galego-portugués, o que nos abre as portas ao mundo. Non podo imaxinar este país sen o idioma, sen o noso modo de estar no mundo: de pensar, de falar, de amar... Por iso convocamos a todo o mundo a ir á manifestación do día 27, na que eu vou participar tamén cantando. Tamén vai estar Sés. Esta manifestación ten que ser unha chamada de atención pola pervivencia da lingua, que ten que vir dun compromiso de todos.
"Chico César, por exemplo, séntese moi ben entre os galegos. E cando nos coñeceu decatouse de que o xeito de falar de seu pai non era tan raro..."
Mostra dese encontro cos países lusófonos a través da lingua foi a túa xira por Brasil. Ou o propio feito de que contemos, en Compostela, con tantos "brasilegos" como Sérgio Tannus. Supoño que aquel proxecto teu con Sérgio Tannus e Fred Martins, Brasileg@s, foi punto de partida de moitos outros, como o propio Meu canto ou Son Brasilego de Sérgio.
A Sérgio coñézoo desde hai moito, desde aquel primeiro encontro en Niterói. Despois xurdiu a oportunidade de que viñese tocar aquí e gustoulle tanto a terra que quedou. Empapouse da música galega, traballou moito con músicos galegos e sente esta terra como súa. Ese é o sentido do proxecto Brasileg@s, a fusión das dúas culturas. Daquela estabamos probando como resultaba esa mestura, e o resultado viuse en Cantos na Maré, en Meu canto... Sérgio é un virtuoso, unha persoa cunha sensibilidade especial e cunha enerxía moi positiva. É moi vitalista... É un pracer traballar con el, e eu apoieino todo o que puiden co seu disco Son Brasilego. Fred é un dos mellores compositores do Brasil e é un luxo telo con nós. Sérgio xa probara a mesturar instrumentos galegos e portugueses antes de Brasileg@s, na Casa das Crechas... Todos estes brasileiros foron descubrindo que tiñan aquí unha irmá pequena, -no noso país, pequeno xeográficamente pero grande culturalmente-...
Malia que a maioría dos brasileiros non saben de Galiza nin da orixe da súa lingua...
É verdade, pero iso vai cambiando pouco a pouco por estas relacións de amizade... Chico César, por exemplo, séntese moi ben entre os galegos. E cando nos coñeceu decatouse de que o xeito de falar de seu pai non era tan raro... Chico é de familia nordestina, da Paraíba, da zona na que quedou máis pegada da cultura ibérica. Por iso se conserva alí vocabulario máis antigo, ligado ó galego-portugués... En realidade hai conexións entre a música galega e a brasileira. O repentista brasileiro ten moito que ver co regueifeiro galego, en Brasil atopei folias de reis como as que vivira aquí...