“A novela é unha defensa sen matices do noso dereito a soñar. E non só das crianzas, tamén das persoas adultas”

Antonio M. Fraga © Antía García Sendón

Antonio M. Fraga vén de gañar o premio de literatura xuvenil da Gala do Libro Galego coa súa novela ‘O bestiario científico de Anxos Nogueirosa’, editada por Urco. Falamos, nesta entrevista, deste libro, no que se contan dúas historias paralelas: a dun rapaz ao que envían a unhas colonias en Oza e de dúas rapazas, tía e sobriña, case da mesma idade, que loitan por cumprir os seus soños de aventura e coñecemento nun mundo no que a ciencia non se consideraba cousa de mulleres.

O libro está dedicado á mestra represaliada Elvira Bao e á tamén profesora e oceanógrafa Ángeles Alvariño. As dúas galegas e pioneiras. A personaxe de Anxos Nogueirosa naceu, dalgunha maneira, a partir de biografías coma as destas dúas mulleres? En que sentido?

Batín con estas dúas mulleres no proceso de documentación. Gústame dicir que eu non as procurei, senón que elas apareceron para completar a miña historia, para facer que todas as pezas cadrasen. Así que as disfracei como personaxes para incorporalas á ficción. Elvira Bao transfigurouse en dona Elvira, a mestra que Suso e Tila teñen nas colonias escolares de Oza, onde pasan o verán de 1933.

“Elvira Bao transfigurouse en dona Elvira, a mestra que Suso e Tila teñen nas colonias escolares de Oza, onde pasan o verán de 1933”

Elvira Bao Maceiras traballou no Sanatorio Marítimo de Oza desde 1920 até o comezo da Guerra Civil, en 1936. Foi presidenta da Agrupación Republicana Feminina, e foron precisamente as súas conviccións como republicana e galeguista as que motivaron que fose destituída e represaliada. Aproveitei da súa biografía os enfrontamentos que mantiña coa dirección do sanatorio para mellorar as condicións da rapazada das colonias, o que me suxeriu un carácter rexo, decidido.

Con todo, nesta homenaxe a Elvira Bao subxace tamén a lembranza dalgunhas mestras da miña vida que me influíron de tal xeito que, en parte, son o que son grazas a elas. A Ángeles Alvariño, pola súa banda, vestina de Anxos Nogueirosa para recrear o período de tempo no que estudou bacharelato en Compostela, antes de se mudar a Madrid para estudar a carreira de Bioloxía. Como pioneira e científica facilitoume a construción dun personaxe caracterizado pola teimosía, polo devezo de superar cada un dos obstáculos que a vida lle vai poñendo diante por ser nova e muller.

Canto ás criaturas do “bestiario científico”, a idea parece recuperar o “bestiario” medieval, no que os monxes pintaban monstros, e mesturalo con algunha influencia da mitoloxía galega. Aínda que penso que as criaturas son inventadas por vós. A creación deses seres, foi un traballo compartido por ti e Víctor Rivas?

A palabra “bestiario” xorde ao final, por suxestión dunha amiga, cando pelexaba por lle atopar un título que estivese á altura da historia. Gustábame a idea de vernizar con ciencia aqueles bestiarios medievais, que eran compilacións de criaturas estrañas e marabillosas. O bestiario de Anxos Nogueirosa elabórao unha rapaza cunha clara vocación científica, polo que está afastado do escurantismo e do misterio que, tradicionalmente, caracterizaban eses traballos.

“Agás unha das criaturas que aparecen na historia, o resto foron imaxinadas por min e colocadas no hábitat galego que eu consideraba máis adecuado”

Agás unha das criaturas que aparecen na historia, o resto foron imaxinadas por min e colocadas no hábitat galego que eu consideraba máis adecuado para as albergar. Posteriormente, Víctor Rivas debuxou brillantemente estes seres. Para iso achegouse ao estilo dos cadernos de campo. Nalgúns casos as súas ilustracións concordaban coa miña imaxe mental previa, mais noutras difería por completo. O traballo de Víctor elevou esta historia a un estadio superior. Foi unha inmensa sorte poder contar co seu talento.

“Situar a historia temporalmente na II República posibilitábame arrodear a historia dun fervedoiro de ansias e esperanzas, finalmente trucadas polo golpe fascista do 36”

O libro conta en paralelo dúas historias: a de Xesús, un rapaz ao que mandan pasar o verán nas colonias do Sanatorio de Oza, e a do bestiario de Anxos Nogueirosa. Xesús é un rapaz dos anos 30 que, coma moitos na súa época, enferma polo exceso de traballo e a alimentación deficiente. Por que decidiches ambientar o libro nese tempo -que ademais é antes do golpe do 36-?

Interesábame especialmente sinalar o contraste entre Gulfar, a aldea na que vive Suso, e o mundo exterior. Este contraste reflíctese xa na primeira frase do libro, na que Suso afirma: “Na altura de 1933 todo o país semellaba vivir nunha vaga de cambio. Todo, agás Gulfar”. Situala temporalmente na II República posibilitábame arrodear a historia dun fervedoiro de ansias e esperanzas, finalmente trucadas polo golpe fascista do 36. Pareceume a época axeitada para subliñar o contraste entre o cotiá que Suso vive e o extraordinario que soña.

“O matriarcado galego é un mito, unha falacia. Porén, houbo mulleres que se rebelaron contra esa circunstancia, que reivindicaron o seu carácter e o seu propio camiño”

Desde que comeza, o libro fai pensar na posición e nos roles da muller na sociedade galega daquel tempo. Desde unha perspectiva que nin responde ao mito do “matriarcado galego” nin presenta as mulleres como seres sen axencia, sen posibilidade de tentar mudar o seu mundo, como de feito fan varias personaxes da novela. Era un pouco o teu obxectivo?

O meu obxectivo era atopar personaxes interesantes sobre os que alicerzar a ficción. O matriarcado galego é un mito, unha falacia. Porén, houbo mulleres que se rebelaron contra esa circunstancia, que reivindicaron o seu carácter e o seu propio camiño. Eses eran os personaxes femininos cos que me interesaba traballar. Un chisco egoistamente, talvez; porque sabía (ou sospeitaba) que eran elas as que farían medrar a historia.

Por exemplo: unha rapaza que quixese ser científica (máis naquela época) non só tiña que loitar coas dificultades propias desta carreira, senón contra os múltiples obstáculos que encontraría nun eido enteiramente masculino. Estas circunstancias axudáronme a crear personaxes máis interesantes e con máis matices que se optase por homes.

Antonio M. Fraga © Antía García Sendón

Supoño que escoller o Sanatorio de Oza tampouco será unha casualidade, e probablemente a historia que contas do que alí pasaba estea baseada tamén en documentación. Por que Oza?

Esta novela naceu da fascinación por un lugar: o antigo Sanatorio Marítimo de Oza; e por un tempo: o período no que este sanatorio albergou colonias escolares, nas primeiras décadas do século XX, que acollían durante os meses de verán nenos e nenas procedentes de distintos puntos de España que acudían a Oza para “robustecerse”, como dicían os papeis da época. Durante o proceso de documentación puiden ler un artigo sobre as colonias titulado “Robustecer la raza en Oza”, titular que lembra máis a un proxecto de explotación gandeira que a un lugar onde convivían crianzas.

“Esta novela naceu da fascinación por un lugar: o antigo Sanatorio Marítimo de Oza”

Esta fascinación naceu nunha exposición que a Universidade da Coruña fixo sobre a historia do Sanatorio de Oza, que contaba cunha chea de fotografías e datos curiosos. Aí comecei a tirar do fío até bater con cousas tan interesantes para a miña historia como as visitas do circo Feijoo ás colonias escolares, o uso compartido da praia do Lazareto entre a veciñanza de Oza e a rapazada das colonias, a distribución dos pavillóns (algúns dos cales xa non existen), a alimentación, o rigoroso programa diario que combinaba ensino, exercicio e repouso, etc. Obsesioneime dun xeito gozoso coa historia dese lugar. Pretendía que o marco da ficción fose o máis sólido posible.

Hai varios personaxes na novela, entre eles o tío Celso, arrieiro, que parecen creados, tamén, a partir de documentación (e se cadra conversas con xente maior), da época. Cales son os personaxes máis baseados niso?

Para documentar o mundo de Suso antes de marchar ás colonias, ese Gulfar que funciona como un micro-universo con ritmo propio, acudín ao máis próximo a min. Eu vivín na aldea até os 16 anos, mais nunha aldea dos anos 80. Para reconstruír esa outra aldea dos anos 30 onde vive Suso botei man do meu avó Antonio.

“Eu vivín na aldea até os 16 anos, mais nunha aldea dos anos 80. Para reconstruír esa outra aldea dos anos 30 onde vive Suso botei man do meu avó Antonio”

El contoume desde como era a escola na altura até os seus labores cotiás, pasando polo tipo de relación que mantiña cos pais, o que comían, como se iluminaban, a que xogaban as crianzas, etc. Multitude de detalles, algúns dos cales coñecía e outros ignoraba por completo. Se hai algún personaxe no libro semellante ao meu avó é Basilio, o irmán máis vello de Suso. Coma el, Basilio era canteiro. E coma a el, os pais gardábanlle os zapatos no hórreo para que non escapase ás festas da contorna. De nada servía. El fuxía da casa e ía en zocas.

O libro non deixa de ser, en parte, unha “novela de aprendizaxe”, na que un mociño descobre cousas importantes para a vida coma o amor, ou como defenderse dos abusóns, ou como xestionar a verdade -sen renunciar ca ela- coas persoas que amamos. Que é, para ti, a novela?

Obsesionábame crear dúas historias sólidas que medrasen en paralelo, as narradas por Suso e por Anxos. Coma ti dis, é unha novela de aprendizaxes, de descubertas. Expulsei os dous personaxes das súas crisálidas e situeinos en novos universos. Esa exposición á intemperie é o motor da novela. Nese sentido, Suso e mais Anxos non só descobren as marabillas do exterior, senón que teñen que dirixir as súas olladas cara ao interior nun proceso de auto-coñecemento que os fai medrar como persoas.

“Coma ti dis, é unha novela de aprendizaxes, de descubertas. Expulsei os dous personaxes das súas crisálidas e situeinos en novos universos”

Por outra banda -porque a novela ten realmente tres protagonistas: Xesús, a súa amiga Tila e a tía de Tila, que é Anxos- é unha historia sobre dúas mulleres -Tila e Anxos- que superan os obstáculos que sexa necesario para cumprir o seu obxectivo, que é saciar a súa fame de coñecemento -e de aventura tamén-. Nese sentido, é interesante o contraste entre as dúas personaxes femininas e a masculina. Xesús ten medo -aínda que vai aprendendo a enfrontarse a el- e vaise deixando un pouco levar polas circunstancias. As nenas son máis maduras -aínda que teñan a fantasía propia da idade-, máis decididas, máis valentes moitas veces… É casualidade ou quixeches, por algún motivo, que fose así?

Para min a protagonista da novela é Tila. Esta é unha opinión moi persoal que non resta autoridade ás distintas visións que poida ter o lectorado. Tila é, realmente, quen fai que a historia avance e é, asemade, quen serve de ligazón entre as dúas narracións. Tila e mais Anxos son moi teimudas. Son personaxes con horizontes moi concretos e, talvez, iso condicione o seu xeito de actuar. Esa teimosía permitiume elaborar uns personaxes máis ricos, disidentes dos roles.

“Tila é, realmente, quen fai que a historia avance e é, asemade, quen serve de ligazón entre as dúas narracións”


Suso, pola contra, é dalgún xeito un personaxe máis pasivo. O rapaz vaise encontrando con situacións que non procura, con conflitos que non ten intención de provocar. Suso ten moito de min, dos meus medos e inseguridades. Nese sentido é o personaxe máis sincero.

Capa d'O Bestiario Científico de Anxos Nogueirosa © Urco Editora

Nese sentido, o libro presenta tamén un xogo realidade/fantasía con chiscadelas á mitoloxía. E pareceume ler niso unha defensa de, polo menos, o dereito das crianzas a imaxinar, e a buscar o seu propio camiño facéndose máis autónomas. Dalgunha maneira, as tres personaxes principais buscan o xeito de ser máis libres, nun mundo cunhas relacións de poder moi marcadas en función da clase social, o xénero e a idade. É este libro tamén iso, unha defensa (non digo que o libro estea feito adrede para iso, pero algo diso hai) do dereito dos nenos e nenas á fantasía e á liberdade?

Absolutamente! É unha defensa sen matices do noso dereito a soñar. E non só das crianzas, tamén das persoas adultas. Como xa falamos, para dous dos personaxes principais, Anxos e mais Tila, eses soños son o combustible das súas existencias. Suso, pola contra, espreguízase á vida cando a fantasía fai acto de presenza no seu mundo, para crebar o que, até entón, tiña como certezas absolutas. Se cadra por ser eu un pesimista patolóxico, quixen impregnar a novela dun espírito de esperanza e de negación da palabra “imposible”.

“Se cadra por ser eu un pesimista patolóxico, quixen impregnar a novela dun espírito de esperanza e de negación da palabra “imposible”

A natureza é outra das protagonistas da novela. Por que?

A natureza xoga un papel importante na novela porque simboliza o misterioso, o descoñecido; aquilo que hai que explorar e documentar. As expedicións que Anxos fai son sempre cara á natureza (cara ao monte, cara ao río, cara ao mar...). Mesmo na outra historia, a protagonizada por Suso e mais Tila, e malia viviren nun ambiente tan humanizado como o do Sanatorio Marítimo, están por completo arrodeados por natureza. Así, xogan diariamente no xardín, onde hai árbores exóticas chegadas doutras partes do mundo; ou se deitan e soñan na praia do Lazareto que terá, finalmente, un papel fundamental no desenlace da historia.

De fondo tamén está, quizais, o que hoxe chamamos “bullying”, e que nesta novela semella o reflexo, no mundo infantil, dunha violencia que se respira no mundo dos adultos -as xerarquías, os abusos de poder-..., e que tamén se traslada á relación dos adultos cos nenos -marcada polo autoritarismo nalgúns casos-. O tema está, mais sen dramatizalo: hai uns abusóns, un compañeiro solidario que axuda a Xesús… Que quixeches contar sobre este tema?

Alégrame que o vises así e concordo co que dis: o tema do abuso aparece, mais non está dramatizado en exceso. Por desgraza, é algo presente nas nosas vidas e que, na actualidade, se estende perigosamente polas redes sociais, onde ás veces semella que os acosadores teñen patente de corso para insultar e descualificar. Durante a escrita fóronme aparecendo os distintos roles nun proceso de abuso. Digo que me foron aparecendo porque non foi algo planificado na estrutura inicial.

“Na idea inicial da novela non estaba o falar do abuso, mais polas propias características das historia foi inevitable que acabase por agromar”

Así Leandro sería o executor principal dese abuso. Seguramente un rapaz desgraciado e cheo de inseguridades que paga cos máis febles as súas frustracións. Mais apareceron tamén os cómplices directos; os outros cómplices que calan ante o abuso; os que aturan os ataques; e, finalmente, o compañeiro que trata de lle poñer freo, que neste caso sería Marcelino. Na idea inicial da novela non estaba o falar do abuso, mais polas propias características das historia foi inevitable que acabase por agromar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.