A ópera galega 'O Arame' representarase no Reino Unido en xuño

Xabier Franco e Carme Durán, na estrea da ópera na Coruña, en 2008 © Vieiros

En setembro do ano 2008 tivo lugar un fito histórico para a cultura galega, coa estrea da ópera O Arame, unha peza do compositor Juan Durán sobre un texto de Manuel Lourenzo. Tratábase da estrea da segunda ópera galega da historia, tras O Mariscal (1929). A dirección musical estivo nesa ocasión a cargo de Maximino Zumalave á fronte do Grupo Instrumental Século XXI, formado por músicos procedentes da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Nove anos máis tarde O Arame representarase no Reino Unido, en concreto en Oxford o vindeiro 10 de xuño

Nove anos máis tarde O Arame representarase no Reino Unido, en concreto en Oxford o vindeiro 10 de xuño. A ópera ofrecerase en galego con subtítulos en inglés. Trátase dunha coprodución do Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford e XOGA (Xove Ópera Galega-Galician Youth Opera).

XOGA é unha iniciativa impulsada pola pianista Tamara Lorenzo Gabeiras. Trátase dunha plataforma de artistas que buscan "representar obras contemporáneas e obras esquecidas coa intención de crear unha identidade dramático-musical galega, promovendo o talento feminino e xuntando audiencias de diferentes xeracións e estratos sociais". Ademas de Tamara Lorenzo (directora musical), participan Cecilia Stinton (directora de escena), Laura Blanco de la Barrera (coordinadora de produción), Lorena Paz Nieto (soprano), Malachy Frame (barítono), Fran Mangiacasale (bailarín e coreógrafo) e  Mary Sol Martín del Castillo (bailarina). 

XOGA é unha plataforma de artistas que buscan "representar obras contemporáneas e obras esquecidas coa intención de crear unha identidade dramático-musical galega, promovendo o talento feminino e xuntando audiencias de diferentes xeracións e estratos sociais"

O Arame é unha adaptación dunha obra de Lourenzo publicada en Camiñar polo arame cunha lata de cervexa (Laiovento, 2005). A ópera, de formato pequeno (de cámara), un só acto e cunha duración dunha hora e quince minutos, conta a historia de dous cómicos que, xa vellos, regresan ao seu lugar de orixe, o mar de Fisterra, para cuestionar o sentido do seu paso por este mundo. Trátase do primeiro proxecto de XOGA e nel o equipo persegue a combinación de música e movemento.

Sobre o seu nome (XOGA), explican que "moitas linguas tratan a produción musical coma se dun xogo se tratase. Os anglófonos danlle ao play para xogar ás agachadas e ao mesmo play para repicar a pandeireta. Formas antigas destes verbos tiñan significados como saltar de ledicia ou bailar". "Porén, na Península Ibérica, simplemente tocamos. Claro, como non sexas un thereminista, non che queda outro remedio que tocar o teu instrumento para facelo soar… pero, onde queda o resto da maxia: o movemento, o xogo, o intercambio cos demais?", din. E engaden que por ese motivo "acordamos roubar estes significados e, aínda que continuaremos a tocar os nosos instrumentos, queremos xogar!".

 

A estrea británica da ópera galega terá lugar en Oxford en xuño © XOGA
Xabier Franco e Carme Durán, na estrea da ópera na Coruña, en 2008 © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.